A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Xusto Beramendi, membro desta Asociación
Xusto Beramendi, historiador e escritor de ampla traxectoria, finou o 3 de xullo de 2024.
O seu inmenso traballo centrouse na divulgación e análise da historia das ideoloxías e dos nacionalismos, tendo sido recoñecido con importantes premios ao longo da súa traxectoria.
No seu espazo na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra do autor na súa propia voz.
O xoves, quinta feira, 4 de xullo, ábrese capela ardente no Museo do Pobo Galego desde as 10:00 até as 13:00 horas, de corpo presente. Seguidamente terá lugar a celebración dun acto cívico na súa honra.
Anteriormente, o mércores, cuarta feira, 3 de xullo, está no tanatorio Apóstolo Santiago, en Compostela.
Vigo: actividades do 4 de xullo da Feira do Libro 2024
Claudia Pérez, Luca Chao e Manuel González Seoane gañan o VII Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal
Desde a Real Academia Galega:
““Nin coa lexivia”, unha historia sobre a violencia que se exerce contra as mulleres a través das palabras, é a gañadora do primeiro premio do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal na categoría de adultos, ao que se presentaron máis de 450 textos. A súa autora é Claudia Pérez González (1995), nada no Bierzo e veciña de Ourense. O segundo premio é para Luca Chao (1988), que xa se fixera co mesmo galardón en 2021, desta volta cun texto titulado “Esperanza” coa guerra como escenario non nomeado; e “Herdanza”, un conto sobre os conflitos familiares presentado por Manuel González Seoane (1955), natural de Vilagarcía de Arousa e residente na Coruña, mereceu o terceiro.
O xurado composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González; a académica correspondente Olga Castro; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a escritora Antía Yáñez, membro do comité de redacción da revista Luzes, elixiu ademais como finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira (1982), natural de Cospeito e veciña de Castro de Ribeiras de Lea; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce (2001), veciño de Cedeira.
Da historia de Claudia Pérez González, profesora de Lingua castelá e literatura no IES Ferro Couselo de Ourense, o xurado salientou a súa capacidade para reflectir o peso dos estereotipos de xénero que estigmatizan aínda hoxe as mulleres. O relato, de 190 palabras, denuncia ademais que “a violencia tamén está nas palabras”.
O texto máis breve dos premiados na categoría de adultos, con 88 palabras, é “Esperanza”, unha reflexión arredor da guerra sen mencionala que lle valeu un novo galardón neste concurso á luguesa Luca Chao, doutora en Ciencias Sociais. O xurado subliñou o “dominio da arte do microrrelato” que se demostra neste conto, no que o título dialoga co texto para lle dar sentido, atrapando a atención de quen o le ata o final.
Canto a “Herdanza”, escrito polo mestre xubilado Manuel González Seoane, o xurado destacou a “sorpresa final moi ben administrada” dunha historia que “evidencia os conflitos que marcan as familias, ás veces por cousas moi cativas”.
O xurado escolleu ademais como un dos contos finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira, do que chama a atención a súa capacidade de non normalizar a guerra; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce, do que subliña o xeito de xogar co léxico. Ambos os autores son tamén docentes: Almudena Falcón de Lingua galega e literatura e Álvaro Arbizu mestre.
Na modalidade de 12 a 17 anos, o coruñés Jacobo Pérez Criado (2007), a luguesa Mencía Ferreiro García (2007) e Carla Coucheiro Rodríguez (2009), valenciana e veciña de Santiago de Compostela, foron distinguidos co primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Así o decidiu o xurado que avaliou os case 500 textos presentados nas categorías de persoas menores de idade, integrado nesta ocasión polo académico de número e dramaturgo Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente e profesora da USC Montse Pena Presas; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga e tamén membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e o escritor e xornalista Lois Alcayde Dans, coordinador da revista Luzes.
Na categoría infantil o primeiro premio é para Martina Boo Álvarez (Cambre, 2012); o segundo, para Mariña Abollo Aneiros (Santiago de Compostela, 2012); e o terceiro, para Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño. O xurado elixiu ademais como finalistas xuvenís senllos relatos de Paula García Villar (Lestedo, 2008) e do veciño de Tomiño Brais González Vázquez (2007); e como finalistas infantís, unha historia do compostelán Pedro Novais Méndez (2012) e outro conto de Mariña Abollo Aneiros.
Todos os relatos premiados poderán lerse nunha edición dixital que se difundirá nas páxinas web da RAG, de PuntoGal e do concurso (relatos.gal) o día da entrega dos galardóns. As nove historias galardoadas e mais as finalistas publicaranse ademais na edición en papel de Luzes.”
Xosé Carlos López Bernárdez: “Ramón Cabanillas é un dos clásicos da nosa literatura”
Vídeo da presentación en Vigo de Unha gripe cabaluda, de Bieito Iglesias
Vídeo do debate poético na A. C. Gazafellos do Val
Carballo: presentación de Tratado para ollomoles. Poemas visuais, de Diego Cousillas
Vigo: actividades do 3 de xullo da Feira do Libro 2024
Arantza Portabales: “Que haxa rapazada que le en galego significa que non teñen medo de achegarse á lingua”
Entrevista de Laura Veiga a Arantza Portabales en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que significa para vostede recibir este premio?
– Arantza Portabales (AP): Eu só escribo para que alguén o lea. Saber que a xente dos clubes de lectura me está escollendo a min é marabilloso; e, en concreto, nos clubes dos centros escolares, cuxa función é a promoción da lectura. E despois está a segunda parte, porque eu sempre que podo intento ir e compartir con eles o que lles supuxo a lectura, e é unha experiencia moi agradábel. A rapazada é súper sincera: ás veces din que un libro non lles gustou ou que non lles gusta ler, pero moitas outras veces tamén me din que lles encantou, que o pasaron moi ben lendo, e esa é unha sensación moi boa. E sabes que é verdade porque tampouco teñen nada que perder.
Moitas veces parece que temos a sensación, como a tiñan os nosos pais con nós, de que antes era mellor, que agora non len e que están todo o día co móbil. Como se nós non estivésemos. E ademais non é certo: a rapazada le e moita incluso escribe. Para min, este é o premio do público, do “boca orella”.
Tamén é moi importante o que vai nos libros, e para min a novela negra, como dicía Domingo Villar, é unha escusa para entrar no debate de moitas cousas. Desde estas historias podemos tratar a violencia de xénero, o abuso sexual ou o perigo das redes sociais.
– ND: Tendo esta experiencia, como percibe a situación da lectura entre a mocidade?
– AP: Penso que é a mesma que a das persoas adultas. O móbil cómenos moitísimo tempo, a todas. E o máis preocupante é que nós estamos dispostas a renunciar a el. Ao final eu, cando era nena, tiña unha televisión con dous canais, un coa misa e o outro cunha carta de axuste durante 22 horas ao día. Non viaxábamos, non tiñamos internet. Os libros eran esa ventá para o mundo, eran o único que tiñamos. Agora iso perdeuse porque a oferta de ocio é moito máis ampla. Hai que esforzarse moito para que atopen a maxia da lectura.
O outro día estiven nun club da ONCE no que dixeron algo que me pareceu totalmente certo: “A literatura é moi especial, porque nun libro entramos todos en igualdade de condicións. Os que ven e os que non”. A literatura permítenos sentir, e por iso tamén as emocións dos libros son superlativas –cando un sofre, sofre moito–. A literatura supón unha conexión coa parte máis racional e intelixente do ser humano, fai que non nos durmamos. Temos que defendela a capa e espada, e por iso é tan fundamental o labor que fan as bibliotecas escolares. (…)”