Miguel Sande: “A función da literatura é reinterpretar a vida, non reflectila”
Entrevista
de Carlos Loureiro a Miguel Sande en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ser xornalista lévate a que na túa escrita aparezan aspectos moi puntuais da realidade cotiá que con outras profesións non terminarían vendo a luz literaria?
– Miguel Sande (MS): Ser xornalista condiciona a miña visión da escrita, en particular da narrativa. Completamente. Ao xornal no que traballo chegan decote informacións de todo tipo, historias que un nunca imaxinaría, eu alomenos non sería quen; incribles. Así un día tras doutro. Iso fai que centre a miña atención como autor máis na expresión, na linguaxe mesma como aventura, e na estrutura e concepción da novela ou do teatro e sexa aí onde trate de anovar, de abrir camiño. Non hai historia máis interesante que a propia aventura persoal. Do cotián. Por exemplo, en Se algún día esta muller morta, a miña primeira novela, coa que gañei o Premio Repsol, a protagonista é unha muller maltratada psicoloxicamente co seu interior en ruína. Esa muller existe, estiven a escoitala durante cinco ou seis anos, tomamos moitos cafés nese tempo e seguín todo o seu proceso de recuperación. Primeiro elaborei unha reportaxe para o xornal e posteriormente –seis anos despois- veu a novela. Eu, home, tiña que ser fiel á voz desa muller para reflectir toda a autenticidade. Ese foi, acaso, o meu mérito: a fidelidade a esa voz dela, porque a da novela é a voz auténtica desa muller. Non tiña outra opción (Logo adaptouse a unha obra de teatro nunha montaxe de Bengala Producións cunha interpretación magnífica de Amalia Gómez). E poñer tamén a atención na estrutura da novela: na 1ª parte o personaxe dela con frases rotas, sempre, como adoitaba explicarse; na 2ª parte só os escenarios, con esa muller ausente para que así gañase máis forza o seu personaxe, as súas palabras, e creo que gañou forza así. E aínda unha terceira parte cunha mirada obxectiva tras dela, a maneira dunha cámara. Esta novela estivo entre as seleccionadas tamén no seu momento para o Premio Nacional de Narrativa.
Na segunda novela, A vida fóra, o personaxe é unha anciá, María, en cadeira de rodas que ve pasar os días, a vida, a través da ventá ata que lle constrúen un edificio diante e lle quitan o único que lle quedaba: a vista. O recurso que queda aí é a imaxinación da vella María: ela é unha anciá con pensamento de nena, produto da perda de memoria, dun inicio de Alzhéimer. E comeza a morrer polas palabras e coas poucas que lle van quedando hai que defender a novela. Ese pensamento infantil, de nena, é fundamental para que a novela poida lerse cun sorriso ata o final. Por iso agocha a comida e as medicinas, e toma conguitos na vez de medicamentos, un cada dúas horas ou dous ou unha presada deles e quere ir morrer coas uñas pintadas e en tren, no tren que sae os luns á noite da estación, que está detrás da obra (para ela todos os días son xa luns e todo está detrás da obra, o que fai que esperte a súa imaxinación de nena). É naïf. Esa anciá é a miña propia avoa, de nome tamén María e en cadeira de rodas sempre onda a ventá, á que escoitei durante 15 anos ata aprender a súa linguaxe, a súa expresión repetitiva: deixoume unha presada de palabras, as que emprego na novela e a circunstancia, simple pero terrible, que envolve a noveliña de principio a final –á que ela é allea e tamén o lector ata as últimas páxinas- tamén é certa. Tamén é. Nese personaxe pretendín que se visen representadas todas as avoas de Galicia, por iso a novela ten esas pinceladas “etnográficas”, o tempo do estraperlo, da posguerra, pero tamén o tempo de hoxe, dos centros comerciais, etc, todo cunha mirada naïf.
E perdón pola extensión.
Á alba pide conmigo vivir está baseada nunha experiencia que vivín tamén en primeira persoa e Ninguén chorou por nós é como a segunda parte; tamén xorde dunha historia para o xornal: o desafiuzamento dun labrego, un arrendatario histórico que perde a terra que traballa o mesmo día no que a súa filla le a tese na facultade. Parto dunha historia real para reinterpretala, iso é a miña literatura. Esa é para min a función da literatura, reinterpretar a vida. Non reflectila sen máis, iso xa se ve na rúa. (…)
– NG: Normalmente cando alguén escribe unha obra de teatro soe pensar directamente na súa posta en escena, mais para ti vén a ser tan importante, cando menos, o teatro para ler… tanto peso ten para ti o texto?
– MS: Si, claro. O teatro tamén é Literatura, en maiúsculas. Isto que parece obvio aínda hoxe custa que o entendan nalgúns casos. Cando escribín Á alba pide conmigo vivir, o monólogo dunha moza universitaria que queda embarazada cursando o último ano de carreira e debe decidir que facer, non ocultei a miña condición, grande ou pequena, de poeta. Entón non había aínda premios para obras de teatro na AELG, por exemplo, e hai ata quen dubida que o teatro sexa Literatura, que sexa tamén para ler. Por suposto, a representación é a vida do teatro. Pero se queremos que perdure –o texto- ha ser Literatura. É unha pelexa case que inútil, non hai máis que ver os libros contadísimos de teatro que se editan, practicamente ninguén os le, non teñen saída. Pero eu persisto. Escribo teatro coa mesma intención, o mesmo afán, con que afronto un texto de narrativa ou a poesía. O mesmo coidado. Sen esquecer, xa máis maduro, a representación. (Están a traballar agora na adaptación ao teatro da novela A vida fóra; é curioso, represéntanseme as novelas case que máis que os propios textos teatrais, que tampouco non son máis que tres). (…)”
Camariñas: charla de Rafael Lema sobre a historia dos naufraxios na Costa da Morte
O
domingo 17 de maio, ás 12:00 horas, no Cemiterio dos Ingleses (Camariñas), o escritor e investigador Rafael Lema Mouzo dará unha charla, onde non faltarán citas literarias, sobre a historia dos naufraxios na Costa da Morte aos sendeiristas que fan a quinta edición do camiño dos faros (ese día percorrerán o tramo Arou-Camariñas). O acto está aberto a todas as persoas interesadas.
Mondoñedo: recital poético Letras Galegas 2015

Coñecemos os escritores e as escritoras premiadas na Gala das Letras, celebrada en Lugo
Eva Veiga obtén o Premio de Poesía Concello de Carral con Soño e vértice
“Eva Veiga,
coa súa obra Soño e vértice resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano 2015.
O xurado escolleu esta obra pola intensidade simbólica da súa proposta poética, unida ao cultivo extremo dunha lírica que mantén en todo momento unha tensión entre o real e o onírico.
O xurado do concurso estivo formado por Oriana Méndez, Miguel Anxo Fernán Vello e Nacho Alonso, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2015. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, O que precede a caída é branco, de Oriana Méndez. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”
Moaña: presentación de Galicia Encantada. O país das mil e unha marabillas, en edición de Antonio Reigosa
Arteixo: presentación de oso, mamá, si?, de María Lado
Lugo: Xurxo Souto na Feira do Libro o venres 15
O
venres 15 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Dentro das súas actividades, destaca:
– 20:00 h. Xurxo Souto presenta Océano para terrícolas, espectáculo baseado no seu libro Contos do mar de Irlanda, publicado por Ed. Xerais.
Vigo: presentación de Son noxento, de María Xosé Queizán
O
venres 15 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Son noxento, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Manuela Pena e Manuel Bragado.


