Publícase un volume cos resultados do encontro internacional de poetas e tradutores na illa de San Simón

DesdeIsaac Xubín o Zigzag da Televisión de Galicia:
Con barqueira e remador é a antoloxía que recolle os resultados do II Obradoiro de Tradución Poética da Illa de San Simón, unha iniciativa pioneira en Galicia baseada no intercambio de sistemas lingüísticos e literarios. A nova completa pode verse aquí.”

Ourense: mesa redonda sobre Carlos Casares e a fotografía

OCarlos Casares xoves 9 de abril, ás 20:00 horas, na Sala de Tertulia de Liceo de Ourense, terá lugar unha mesa redonda sobre Carlos Casares e a fotografía, onde participan Vítor Vaqueiro e Luís González Tosar, coa moderación de Gustavo Adolfo Garrido.

Alfonso Rodríguez: “A deserción en masa sería a solución: darse de baixa de todo e conformar outras formas de relación”

EntrevistaAlfonso Rodríguez de Montse Dopico a Alfonso Rodríguez en Magazine Cultural Galego:
“(…) Di o poeta Alfonso Rodríguez que mellor ser liberado vital que escravo. Mellor estar orgulloso de ser “minus bálido” para un sistema que mercantilizou a vida. Que envelenou as relacións sociais. Que tenta derrubar os dereitos que nos quedan. E diso fala no seu último libro, Lúa plenur. El chámalle artefacto. Mais podería ser mapa. Xeografía que percorrer para tentar ubicármonos no medio do caos. O seu norte é a liberdade. A súa cerna, o ritmo interno do autor. O eu que enuncia o nós.
– Montse Dopico (MD): Lúa plenur ten estética de fanzine. Por que? Sempre fixeches ese tipo de deseños?
– Alfonso Rodríguez (AR): Si, desde moi novo. Ademais de beber, fumar porros e escoitar música cañeira, formei parte dun colectivo, ‘Komando Estrela Galiza’, a primeiros dos 90. Tiñamos un logotipo feito a partir do de Estrella, por iso o nome. Tiña relación co movemento insubmiso, había algunha xente máis independentista outra máis anarca… Era un rollo moi libertario. Atopamos, ademais, un espazo, a Casa da Xuventude, onde faciamos actividades: concertos, xornadas. Tiñamos unha publicación política, ‘Desobediencia’, e o boletín ‘Adokín’.
Aínda que despois acabamos marchando, porque aquel local non deixaba de ser unha institución, e ocupamos unha casa, o Fogar Infantil, onde seguimos desenvolvendo moitas actividades. Un colega e eu fixemos un fanzine de política e música, -hardcore, punk…-, que se chamaba ‘Noxxxo’. Despois desta época comecei a facer poemas, que mesturaba con colaxes. Foi un tempo en que fixen seis ou sete fanzines en poucos anos e colocábaos en librerías, bares…
– MD: Poemas e colaxes xa xuntaches en Oremos, o libro que publicaches en formato pdf na plataforma A Regueifa. Nese sentido, Lúa plenur sería como volver a iso.
– AR: Si, é como se andase para atrás e para adiante. O primeiro libro que publiquei foi Subir ao faiado, con Positivas, no 2004. No 2007 foi Oremos, que era ademais o primeiro libro que publicaba A Regueifa en pdf. En Oremos todos os colaxes estaban feitos con capas de cassetes de música. Despois publiquei Azúcar glass, en coedición con Duen de Bux. O de ‘subir ao faiado’ foi como unha lotería. A min marcárame moito Lois Pereiro, antes dese boom que houbo sobre el polo Día das Letras. Tamén lera, de Positivas, cousas de Bukowski, de Ronseltz… Enviei unha escolma de poemas, e Paco Macías dixo que si… (…)”

Agustín Fernández Paz presenta un novo libro infantil: Amizades secretas

DesdeAgustín Fernández Paz 2 o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Nova obra dun dos grandes autores galegos de literatura infantil: Agustín Fernández Paz. A fascinación dos nenos e nenas polos animais é o eixe de Amizades secretas, unha narración que ten a orixinalidade de estar contada desde unha dobre perspectiva: a da familia dos ratos e a das persoas.” A entrevista pode verse completa aquí.

Redondela: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto martes 7 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Redondela, dentro da Semana do Libro de Redondela, preséntase Océano para terrícolas, unha parolada-concerto para embarcarse nas mil travesías do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais.

Noia: programa da VII semana da Historia de Noia. Homenaxe a Manuel Fabeiro Gómez

CARTEL_FABEIRO

Cuestionario Proust: Rafael Lema

DesdeRafael Lema o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rafael Lema:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Tesón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Esforzo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Estar cerca.
4.– A súa principal eiva?
– Ter ética nun mundo de chupóns.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir na miña casa coa miña xente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder un sobriño.
8.– Que lle gustaría ser?
– Almirante do mar océano.
9.– En que país desexaría vivir?
– España.
10.– A súa cor favorita?
– Azul celeste.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Centaurea bazarensi.
12.– O paxaro que prefire?
– Arao.
13.– A súa devoción na prosa?
– Proust.
14.– E na poesía?
– Seferis.
15.– Un libro?
En busca do tempo perdido.
16.– Un heroe de ficción?
– Ulises.
-17.– Unha heroína?
– Justine (Sade).
18.– A súa música favorita?
– Pandereteiras.
19.– Na pintura?
– El Greco.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Inés de Castro.
21.– O seu nome favorito?
– Amelia.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– As drogas.
23.– O que máis odia?
– Os narcos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Stalin.
25.– Un feito militar que admire?
– A conquista de México (nela participou o meu parente Hernando de Lema).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na cama e de vello.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Entusiasmo no que fago, asombro pola creación allea.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Saúde e terra.”