Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“Todo comeza con Manuel María. “Aló polo ano 93 eu estaba na organización da Romaría Labrega da Chaira e fixéramos unha exposición de fotografías antigas da parroquia. Viñera Manuel María inaugurala e dixo que todo aquilo estaba moi ben, pero que había que completalo cunha pequena historia sobre a parroquia, porque é unha parroquia que tiñan certas peculiaridades. E, dese xeito, encomendoume dalgún modo o facelo”. Fala Pastora Veres, que ultima un libro sobre a parroquia dos Vilares, en Guitiriz, o lugar no que creceu e viviu Xosé María Díaz Castro.
De seguro que o autor de Nimbos será un dos protagonistas deste ano 2014 que comezaremos en poucas horas, e ao igual que noutras ocasións estes meses serán unha boa oportunidade para afondar en todos os aspectos que conforman a súa obra e que definiron a súa vida. E poucos tan importantes como a terra que pisou e a paisaxe que mirou: a parroquia dos Vilares. “Estívenlle dando voltas, falando con veciños, pero fun deixando o tema. Sempre tiña aí ese tema, e este ano, aproveitando a celebración da Letras, decidín sacalo adiante”, comenza Veres, que lembra que o propio Manuel María salientara naquel encontro que “era unha parroquia que ía dar que falar, referíndose precisamente ao tema de Díaz Castro e das Letras, pois supoñía que nun futuro sería homenaxeado”.
Porén, Os Vilares: Lareira de soños é moito máis ca un libro de textos e fotografías sobre a parroquia. O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses. Un e outro traballo recollen as imaxes das aldeas e da paisaxe, e tamén a voz dos veciños que habitan o lugar: “Cada veciño ara o seu rego para facer dos Vilares a Terra Sucada, sementada e traballada nas miles de páxinas que podería ter cada libro e cada vida. Sabemos que Os Vilares e Guitiriz van ser no ano 2014 o centro da cultura e as letras galegas pola homenaxe que o mundo rendirá ao indixena parroquiano Xosé María Díaz Castro. Independentemente da merecida dedicatoria ao poeta chairego, a contorna do seu nacemento e crianza merece tamen proxectarse ao coñecemento dos que alí nunca estiveron nin saben”. (…)”
Ribadeo: presentación de Cadernos Ribadenses. Especial Letras de Ribadeo
Este novo número dos Cadernos Ribadenses tenta ser unha mostra do querer literario da xente que vivimos neste curruncho ou que temos relación con el. Nel hai traballos de escritores e escritoras recoñecidos xunto con outros que teñen pouco publicado ou mesmo nunca o fixeran, e aos que animamos a darse a coñecer participando nesta publicación. Tamén fan a súa achega desde o mundo da ilustración e da fotografía persoas vinculadas dun ou doutro xeito a Ribadeo e que gozan xa de notoria experiencia no mundo da imaxe.
Con poemas ou relatos curtos colaboran Eva Moreda, Iván Reymóndez, Celia Castro, Tania Penabad, Alba López, Toni Deaño, Farruco Graña, Víctor Villar Caamaño, Paloma Díaz, Carmen Rodríguez, Arturo Mogo, Rosa Mª Saborido, Primi Nécega, Silvia Murias, Xosé Carlos Rodríguez Rañón, Pablo Villapol e Xavier Rodríguez Baixeras. Roberto Martínez (ilustración) e Javier Peña Monjardín, Belén Pérez Teijo, José Mª Álvarez e David Ribas Pena (fotografía) poñen imaxe a este Especial Letras de Ribadeo.
Cuestionario Proust: María Reimóndez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María Reimóndez:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A determinación.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A flexibilidade necesaria entre aceptarme como son e a honestidade de amosar o desacordo dende o afecto.
4.– A súa principal eiva?
– Son tremendamente esixente con quen teño preto, empezando por min mesma.
5.– A súa ocupación favorita?
– Calcetar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ser sempre coherente e a ser posible selo en compaña de cada vez máis persoas.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Verme en situación de ser dependente.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son, pero mellor. E nunha vida paralela, adestradora canina.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, pero fondamente mellorado.
10.– A súa cor favorita?
– Toda a gama dos azuis aos malva.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Gústanme as flores porque son moi diversas pero se teño que quedar con unha, os tróqueles.
12.– O paxaro que prefire?
– Non son moi amiga dos paxaros pero se cadra a pita de monte, por vela dende nena nos escudos dos Ancares.
13.– A súa devoción na prosa?
– Crear personaxes.
14.– E na poesía?
– A interacción entre o persoal e o político.
15.– Un libro?
– Un só? Imposible.
16.– Un heroe de ficción?
– Está aínda por escribirse.
17.– Unha heroína?
– Innumerables pero unha favorita é Berti Bartolotti, unha das protagonistas principais de Konrad ou O neno que saíu dunha lata de conservas, de Christine Nöstlinger, un libro marabilloso.
18.– A súa música favorita?
– Novamente, complicado, pero diría que o funk.
19.– Na pintura?
– Vou actualizar a pintura e falar de fotografía, Andrea Costas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera persoa que traballa para saír dos moldes sexistas dados.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño ningún, pero gústame Mariña, o da miña avoa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Fumar e a falta de puntualidade.
23.– O que máis odia?
– O patriarcado e o imperialismo, que tollen a todas as persoas e están na base de case todas as violencias.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Se se lle pode chamar «figura histórica», a José María Aznar.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro nada que teña que ver co militar, admiro a colectivos como Mulleres de Negro que buscan unir as mans das mulleres pola paz.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Os dons naturais non me interesan moito, interésanme máis os aprendidos. Nestes gustaríame saber tocar algún instrumento musical.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Tranquila.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A efervescencia.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Normalmente aqueles que non implican mala vontade.
30.– Un lema na súa vida?
– Unha man soa non fai música.”
Cuestionario Proust: Alfonso Álvarez Cáccamo
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alfonso Álvarez Cáccamo:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son optimista pero cos pés na terra. Sinto curiosidade por todo. Góstame aprender, e sinto unha enorme satisfacción cando aprendo e comprendo, especialmente no eido da Historia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A fidelidade e a xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O mesmo que eu tento dar: un trato comprensivo e xeneroso.
4.– A súa principal eiva?
– Teño moitas. Non sei dicir cal é a máis notábel. Quizais a dificultade para comprender a Física, a Astrofísica e as Matemáticas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, pintar ao óleo e tocar o piano.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Polo que atinxe á miña persoa, manterme en aceptábeis condicións mentais e físicas, nesa orde. Polo que atinxe ao mundo, que se cumpran definitivamente, catro séculos despois, as tres máximas da Revolución Francesa: igualdade, fraternidade e legalidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Enviuvar.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xa son maior para ser outra cousa, pero se volvese nacer, cousa que vexo difícil, o meu soño sería ser director de orquestra, compositor e un pianista capaz de interpretar con mestría, e para propio goce, todas as partituras dos clásicos.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza dona do seu destino.
10.– A súa cor favorita?
– Anil.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A gardenia.
12.– O paxaro que prefire?
– O papagaio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Valle Inclán, Méndez Ferrín, Cunqueiro, Torrente Ballester, García Márquez, Dostoievski, Tomás Mann, Irene Nemirovsky… Imposíbel citar un só autor/a.
14.– E na poesía?
– Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier R. Baixeras, Xosé María Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Baudelaire… Imposibel citar un só autor/a.
15.– Un libro?
– Dificilísimo quedar cun só libro. Quizais Crime e castigo.
16.– Un heroe de ficción?
– Asterix.
17.– Unha heroína?
– Pipi Calzaslargas.
18.– A súa música favorita?
– Beethoven.
19.– Na pintura?
– Édouard Manet entre moitos outros/as.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Alexandre Bóveda.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño un nome favorito. Os nomes favoritos veñen dados polas persoas favoritas que os leven.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A desorde.
23.– O que máis odia?
– O egoísmo e a prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco, Videla, Pinochet, Hitler…
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Nos sentidos, unha boa vista. Na forma de ser, a capacidade de transmitir acougo aos demais.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen sufrimento, entre a xente amada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ilusionado por facer cousas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os excesos dos larpeiros. A indecisión en aspectos superficiais.
30.– Un lema na súa vida?
– Tentar ser feliz.”
Isaac Alonso Estraviz: “O objetivo da AGAL era fazer realidade o que todo o nacionalismo vinha defendendo: aproximar, até identificar, o galego na escrita ao português”
Entrevista de Montse Dopico a Isaac Alonso Estraviz en Praza:
“- Praza (P): Um livro [Conversas com Isaac Alonso Estraviz] que percorre tantos anos de uma vida não se faz em dois dias. Como foi o processo, como foram as conversas com Bernardo?
– Isaac Alonso Estraviz (IAE): Tiveram lugar em 2005. Naquela altura Bernardo era presidente da AGAL e eu secretário. Decidiu fazer-me umas entrevistas. Escolheu umas etapas da minha vida e elaborou umas perguntas que depois nalguns momentos iria mudando. Pegou numa gravadora e ia-me fazendo as perguntas e gravando o que eu lhe dizia. Foram bastantes horas. Terminou o grosso do trabalho no verão desse ano na sua casa de Burela. Segundo ele perguntava eu respondia sem prévia preparação. Como nalgumas respostas não estava seguro, andando o tempo foram esclarecidas e ampliadas. (…)
– P: Também participou, em Madrid, do associacionismo cultural galego. Teve relação com a gente de Brais Pinto, foi um dos impulsores de Lóstrego e participou da Irmandade Galega. Como o condicionaram as crises do nacionalismo galego o seu trabalho e ativismo naqueles grupos?
– IAE: Em Madrid os galegos só nos distinguíamos se defendíamos ou não a nossa língua e cultura. Tu eras galego e ninguém che perguntava pola ideologia política. Aí radicava o de poder entrar ou não em certos círculos. Sim que me condicionou, como me segue a condicionar atualmente. O que não sei é o quanto. Sou otimista hoje como quando tinha vinte anos. Mas nunca compreendi nem compreenderei jamais a capacidade dos galegos para se dividirem, subdividirem e estarem sempre nessa atitude. Enquanto não assumamos que só unidos podemos salvar Galiza, estamos a perder o tempo e atraiçoar a nossa pátria. (…)”
Manuscritos: Rosalía Fernández Rial
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Xerardo Neira presenta o seu libro O capador de boinas
Desde Rúas Magazine:
“O capador de boinas, a nova obra de Xerardo Neira (Santiago de Compostela, 1978), introduce ao lector nunha trama detectivesca seguindo os pasos do cura do lugar. Neira, biólogo, periodista e literato, foi recoñecido, ao longo da súa carreira literaria, con varios premios entre o que destacan o Premio Antón Avilés de Taramancos de Relato de Aventuras, por O rei dos lobos e o Premio de Novela Curta do Concello do Valadouro, por Da terra de Deus. Aproveitamos a presentación da súa nova novela, O capador de boinas, para achegarnos a este prometedor escritor. (…)
– Rúas Magazine: P: O capador de boinas é unha historia de detectives protagonizada por un cura. Algún parecido co padre Brown de G.K. Chesterton?
– Xerardo Neira: Orixinalmente, o elemento primordial na miña obra era o capador de boinas, e claro, descubrir a identidade deste misterioso malfeitor é misión para un detective, unha persoa que, ben sexa profesional ou afeccionado, debe destacar polo seu intelecto, as súas habilidades e os seus recursos. Barallei outros posibles investigadores, como un cabo da Garda Civil ou o médico, pero o que máis lle acaía á obra, dado o ambiente no que se desenvolve, era o cura, que moitas veces, nas parroquias rurais de Galicia, é o eixo ó redor do cal xira o mundo. Quero dicir con isto que, no meu ‘casting’ de protagonistas, o feito de que o papel principal quedase reservado para o cura deuse logo dun simple proceso de eliminación: achegando un argumento teolóxico, poida que estivese predestinado. (…)”
A Coruña: recital de Fran Alonso e Antoine Cassar no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns 30
de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Fran Alonso e o poeta maltés Antoine Cassar. Máis información aquí: Poetas di(n)versos decembro 2013.
Vigo: presentación de A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota
O sábado 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota, publicado en Xerais. No acto, xunto aos autores, participa Manuel Bragado.
Caderno de Nilo, por Antía Otero
Desde a páxina web de Antía Otero:
“O pasado mércores, día 4 de decembro participei na presentación de Caderno de Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, ao carón de Xavier Seoane e Manuel Bragado. Deixo aquí o texto da miña presentación:
“Se collemos unha peza de George de la Tour, o máis famoso dos pintores tenebristas fanceses, atoparémola. Daremos con esa luz que rompe o espazo e concentra toda a nosa mirada coma se dunha avelaíña pendurada no medio dun cuarto estivésemos a falar. Alí o descoñecido, a materia que non somos quen de descubrir nun primeiro plano e que só podemos imaxinar, como esos lugares nos que nunca estivemos e que inventamos basándonos en referencias, textos que lemos ou anécdotas que nos contaron.
O Caderno de Nilo, a pouco de abrirse, fai referencia á Magdalena Terff… Un cadro que George de la Tour pintou ao redor do 1643 e no que unha muller espera, ou desespera, mirando fixamente o corpo de luz dunha candea. A Magdalena está sentada e entre as mans sostén unha caveira. Non en van, o lenzo tamén é coñecido como a Magdalena Penitente, mais Cesáreo evita tintar á protagonista de toda moral relixiosa e patriarcal e escríbea no seu verso directamente como a Magdalena Terff, transformándoa nunha muller libre a piques de decidir que vai facer… que camiño escollerá mentras observa o corpo alongado dunha chama.
Pero non son estas as únicas referencias que o poeta manexa antes de iniciar a viaxe. Porque nesta preparación como parte do proceso creativo e vital, Cesáreo sácalle punta ao lápis antes de iniciar o trazado polos lenzos, tan lixeiros e contundentes á vez, como panos de Holanda ou sedas chinesas, e bota man do Oriente debuxado por Flaubert, naquel tema que lle obsesionaría dende a súa xuventude: a viaxe que camiña con un e o Eu que, co camiño, convértese en viaxe.
“Un río riseiro e magnífico, que asemella máis un océano que outra cousa”
Así describiu ao Nilo, Gustave Flaubert na súa obra Nilo. Cartas de Exipto. Unha crónica dos nove meses de periplo que o autor de Madame Bovary realizou en 1850 e que contou a través das cartas que enviaba á súa nai e a un amigo da infancia… Porque tamén en Caderno de Nilo hai esa vontade de contar, de deixar rexistro, de facer á lectora partícipe de cada lousa que forma o trazado.
O poeta vóltase arquitecto, planificador de presentes na vontade de construir a viaxe dun xeito contundente e duplo, pois dise que a verdadeira viaxe é a que se fai dúas veces: unha primeira cando lemos sobre ela e, unha segunda, ao longo da viaxe en sí mesma. Mais eu engadiría, que Cesáreo realizaa en tres ocasións: a da realidade ensimismada (tal e como di no texto que inicia o libro), a da viaxe en sí e a do ronsel que deixa a súa presencia por cada e unha das rúas que describe, dos momentos de soidade, dos templos que olla e bosquexa no seu caderno.
Porque a viaxe que describe o Caderno do Nilo non é unha viaxe ao xeito épico de Homero pois, aquí, non hai Ítacas ás que retornar, nin Penélopes que deixar envellecendo postas a proba polos séculos dos séculos á beira do tear. Esta viaxe non embarca nun periplo patrocinado por Atenea, senón que camiña cara outro tipo de literatura; aquela que busca con liberdade realizar a crónica, debullar o caderno recordándonos á escrita periexética iniciada no periodo helenístico.
Ese punta de lanza comezada por Hecateo de Mileto e Pausanias, entre outros, e cuxa vocación era a de recoller información dos pobos, das xentes, das costumes dos lugares visitados… Máis neste libro nós, como lectoras, temos a sorte da nosa parte porque, lonxe dunha guía de viaxes ( máis apta para turistas que para viaxeiras), Cesáreo constrúe e peneira os datos coa ollada bisturí do poeta e enche o relato de luz, lapislázuli,columnas campaniformes, palmiformes, fasciculadas, capiteis estriados, arrecendos a especias e condimentos, xenxible, anís, azafrán, follas de té, paseos por Luxor, a grandeza do palacio de Karnak, rúas políglotas, mercados, sabor a pan, uvas, granadas, hibisco, dátiles, atmósferas do Cairo ou reflexos do sol na roupa lavada no Nilo como telón de fondo. Unindo a arte de ver coa arte de escribir e traendo para nós ese todo que se contén no seu propio nome.
Di a Historia que a Hatshepsut, a raiña faraón da decimooitava dinastía de Exipto, foi a muller que máis tempo pasou como dirixente do trono das Dúas Terras e que unha vez rematado o seu tempo de mando, o seu nome foi mandado borrar polo seu sucesor e fillastro Tutmosis III sistemáticamente dos anais e dos edificios exipcios. Ben fora por vinganza ou por conseguir certa lexitimidade familiar, o caso é que o nome da Raiña caeu no esquecemento e incluso hoxe en día, xa co seu sartego aberto e a súa momia obesa estudada, as opinións sobre a matriarca soen ser variadas. Algúns falan dela como unha usurpadora do poder, outros coma dunha muller valente. Cesáreo non é xordo á Historia e no seu libro fálanos do suceso desenterrando a arqueoloxía.
Ás veces, na lectura deste libro un ten a sensación de atoparse facendo descubrimentos contínuos. Eu, que nunca viaxei alí, sentía que dalgún xeito estaba a facer, da man do autor, a primeira parte da viaxe. Esa primeira parte que se conforma de lecturas sobre o lugar. Porque aquí, a vida do río está condensada na palabra que lle dá nome e, o Nilo, non deixa de ser nesta obra como un contedor inxente, un tesouro incrible descuberto por Flaubert, Herodoto, Ali-Bey ou Pierre Loti….
Máis tamén hai moito de emoción nos ollos pola primeira visión, similar a aquela que puideron ter Mary Leakey cando contemplou os cráneos dos primeiros homínidos, Schliemann ao desenterrar Troia, Howard Carter ante Tutankamon ou Lloyd Stephens descubrindo o mundo maia.
O Nilo é o lugar a descubrir e con el a incerteza. Por iso o poeta acubíllase na deriva e na inseguridade do recordo. Esa que é fráxil e prudente a un tempo e que nos permite retornar unha e outra vez ao lugar vivido.
Retorno ao Caderno do Nilo, chamando polo poema
para que algo permaneza extraviado na memoria – di Cesáreo
e a min non me queda outra que convidarvos a que vos extraviedes….