Un pozo sen fondo
Reportaxe en Cultura Galega:
“Menos títulos, con tiraxes máis reducidas e cun prezo máis alto. Así é o panorama da edición en Galicia e en galego durante os últimos anos, se ben as editoras conseguen manter a facturación no medio da crise. Son datos do último informe do Observatorio da Cultura Galega sobre o sector do libro e xa dispoñibles en Internet.
O número de títulos editados en galego “tocou fondo” no ano 2012, con 1.621 títulos editados. O galego está moi por baixo do catalán (9.326) e por primeira vez é superado polo éuscaro (1.810) en número de títulos. Aínda que o contexto xeral de caída é global para todas as linguas do Estado, “a lingua máis afectada é a galega”.
Sen embargo, as empresas mantiveron a facturación previa. “En Galicia aumenta lixeiramente en 2012 con respecto a 2011, tanto na facturación total como na facturación en galego, ao contrario do que acontece no conxunto de España onde diminúe en 2012 un 10,9% con respecto ao ano anterior. Outro dato salientable é que o prezo medio dos libros aumentou todos os anos e que as vendas de libros se incrementaron en 2012 nun 28,7% de exemplares, “polo que chama a atención que diminuíra un 10,9% a facturación”. O informe sinala que a destrución de emprego no mundo editorial é parella á do resto de sectores económicos de Galicia.
O sector do libro xera en Galicia uns 190 postos de traballo, pero en 2012 perdéronse un 18,6% de empregos (39 postos).
En Galicia editáronse en 2011 30.258 exemplares de libros, Isto dá unha tiraxe media de 1.137 exemplares por publicación, unha cifra en descenso pero non tan acusada coma no resto do Estado. En total, as editoras teñen na actualidade un catálogo vivo de libros de 13.292 publicacións, das cales 10.800 están en lingua galega.”
Presenza galega na Feira Internacional do Libro de Guadalajara
Desde a Asociación Galega de Editores:
“A próxima semana estarán na Feira Internacional do Libro de Guadalajara as dúas autoras galegas convidadas para participar no Programa Ecos de la FIL, Fina Casalderrey e Elena Gallego, unha actividade de enorme éxito, na que a escritora e académica da RAG xa tivo a ocasión de participar no ano 2009, naquela ocasión acompañada por Manuel Rivas e Alfredo Conde. As autoras participarán en actividades en diversas escolas e outros centros educativos da cidade de Guadalaxara, Jalisco. Fina Casalderrey estará no Centro Universitario de Los Valles e na Preparatoria nº17 desa cidade; e Elena Gallego participará en Líderes del Siglo e na Preparatoria Rexional Arandas. A representación institucional estará a cargo de Cristina Rubal, Subdirectora de Bibliotecas da Xunta de Galicia. Xosé Ballesteros, director de Kalandraka Editora, representará á Asociación Galega de Editores no evento. (…)”
Ourense: presentación de Alma, de 2naFronteira
Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o venres 29 de novembro
A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, comeza este venres 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h.. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu primeiro día:
Venres, 29 de novembro
– 11:15 h. Rinocerontes e Quimeras, obradoiro de creación literaria con Marcos Calveiro, para rapazas e rapaces maiores de 11 anos, concertado con centros educativos.
– 12:15 h. Presentación de As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, con centros de ensino.
– 13:15 h. Encontro co escritor Marcos Calveiro, ao redor do libro Todos somos (Xerais).
– 13:30 h. Encontro con Manuel Lourenzo González, ao redor do libro Flor de area, editado por Xerais.
– 16:30 h. Presentación do documental Uxío Novoneyra: poeta alén.
– 17:00 h. Presentación do poemario Medrar nas mans, de Asun Estévez (Ir Indo).
– 18:00 h. Revista Oink! A revista do Xabarín Club.
– 19:00 h. Conversa con Luís Rei Núñez ao redor do libro Días que non foron (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 19:30 h. Conversa con Rosa Aneiros ao redor do libro Ámote Leo A. Destino Xalundes (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:00 h. Conversa co escritor Francisco Castro ao redor do libro O corazón da Branca de Neve (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:30 h. Conversa coa escritora Anxos Sumai ao redor do libro A lúa da colleita (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
O Temple, Cambre: Máis alá de Stevenson, con Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas
Madrid: presentación de Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado
A sexta feira 29 de novembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca Histórica da Universidade Complutense de Madrid (C/ Noviciado, 3), preséntase Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado, publicado pola editorial Amargord. No acto, coorganizado pola editora e o Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense, participa, xunto ao autor, Xavier Frías Conde.
Ferrol: presentación de Carga de dignidade, o filme, de Xosé Bocixa
Campaña de captación de socios do Museo do Pobo Galego
Os socios e socias constitúen a base social do Museo do Pobo Galego sendo a canle de participación dos galegos no museo. Se coas súas cotas a contribución ao mantemento económico é importante non o é menos a súa función de inserir o museo na sociedade galega, dándolle a vez pluralidade, independencia e fortaleza coma institución.
Na actual situación de crise social e económica, onde as institucións culturais son vítimas dos recortes provocados por una visión da cultura como algo secundario, é preciso reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo.
Este reforzamento do Museo do Pobo Galego só pode vir dunha maior implicación na sociedade galega a través dos socios e socias, polo que canto maior sexa o seu número e a súa participación na vida do museo, máis se conseguirá un museo forte, independente e plural, un museo máis noso.
Para dar pasos neste obxectivo, os representantes de socios e socias co apoio da Xunta Rectora do Museo do Pobo Galego (MPG), consideramos necesario facer unha campaña de captación de novos socios e socias, nos que os que xa o son participen activamente.
Pódese obter máis información no apartado de Socios da páxina web e neste arquivo: Campaña socios Museo do Pobo Galego 2013.
A inscrición pódese realizar cubrindo esta ficha: Museo do Pobo Galego. Ficha de socio.
Panamá: participación de Moncho Iglesias no Festival de Poesía Ars Amandi
O venres 29 de novembro, dentro do Festival de Poesía Ars Amandi, de Panamá, terá lugar o recital + Poesía (-) Policía, recitando en galego e castelán, Moncho Iglesias.
Na mesma data, presentará a súa obra Avoíña/Abuelita, publicado por Parnass Ediciones.