O mércores 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), de Lugo, preséntase O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Fran Alonso e Xabier Cordal.
Parlamento das Letras: Manuel Veiga
Entrevista de Armando Requeixo a Manuel Veiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Manuel Veiga (MV): A maiores do que todo o mundo xa sabe, creo que deberiamos aproveitar a crise para mellorar. A técnica facilitounos demasiado todo e hoxe temos unha crise de sobreprodución, tamén en canto a títulos literarios. Penso que as dificultades presentes representan unha boa oportunidade para que os autores traballemos máis e presentemos mellores textos. Vexo que a xente escribe moi rápido. Posto que non imos renunciar ao ordenador para volver á pluma de ave, aí vai un consello que me fago, en primeiro lugar, a min mesmo: profundemos máis e repasemos máis antes de ir correndo ao editor. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MV: Ía dicir que mediocre, pero cando leo os analistas literarios doutras épocas sempre comprobo que se refiren ao seu tempo como mediocre, aínda que sexan coetáneos de Flaubert, de Faulkner ou de Proust. Así que calo a boca para non caer nese defecto tan xeneralizado do presentismo. (…)”
Pedro Feijoo: “Adriano é un Hannibal Lecter do país”
Entrevista de Ramón Nicolás a Pedro Feijoo no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Como se concibiu esta novela [A memoria da choiva]?
– Pedro Feijoo (PF): O proceso foi longo, vén xa de moi atrás. Sempre sospeitei que en Rosalía había moito máis do que se contaba e supoño que comecei a darlle voltas hai ben de tempo. Sempre pensei que hai páxinas e páxinas sobre o Inferno de Dante e nós temos ese inferno aquí.
A raíz da publicación de Os fillos do mar brindóuseme a oportunidade de ter certa tranquilidade e paz para abordar este proxecto que se estendeu ao longo de algo máis de dous anos.
– RN: O proceso de documentación para a elaboración da novela sospéitoo longo e intenso…
– PF: Cousas deste tipo xa non é que non se poidan facer sen documentarse senón que hai que ser moi insistente con moita xente…. Alonso Montero ou Axeitos axudáronme moito a establecer contactos e obter información. Era complicado porque, ademais, sendo Rosalía quen é resulta incrible a pouca información que hai…, por exemplo: se quería rañar na árbore xenealóxica era como ter un crebracabezas coas pezas moi afastadas e o labor consistía en ir dun sitio a outro e facer preguntas incómodas… Todo este traballo previo, en xeral, púidome levar seis meses intensos de dedicación case exclusiva. (…)”
Euskadi: actividades do Centro de Estudos Galegos de Deusto
O mércores 27 de novembro, ás 19:00 horas, na Sala Gárate (Edificio Central, Campus de Bilbo) da Universidade de Deusto, a Cátedra de Estudos Galegos desta Universidade organiza o seguinte evento arredor do Samaín.
E o xoves 28 de novembro, a partir das 17:30 horas, será o turno da Facultade de Letras de Gasteiz.
Cuestionario Proust: Begoña Caamaño
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Begoña Caamaño:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A alegría.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran como eu as quero.
4.– A súa principal eiva?
– A preguiza.
5.– A súa ocupación favorita?
– A lectura.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Viver nun mundo sen inxustizas cheo de mulleres e homes libres e felices.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A dependencia física e a demencia.
8.– Que lle gustaría ser?
– Boa persoa.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza liberada (e con menos choiva).
10.– A súa cor favorita?
– Lila.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O tulipán.
12.– O paxaro que prefire?
– As andoriñas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cortázar, Clarice Lispector.
14.– E na poesía?
– Ana Romaní, Miguel Hernández.
15.- Un libro?
– Todo canto amei, de Siri Hustvedt.
16.– Un heroe de ficción?
-Trancos (nesa faceta, do Señor dos aneis).
17.– Unha heroína?
– Ana Karenina, a Malinche.
18.– A súa música favorita?
– Folk, Uxía.
19.– Na pintura?
– Kandinski.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Frida Khalo.
21.– O seu nome favorito?
– O que ten calquera das persoas que amo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A ruindade.
23.– O que máis odia?
– O fascismo, a intolerancia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco, Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A toma da Bastilla; o asalto ao cuartel de Moncada.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Estar dotada para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A preguiza, os medos.
30.– Un lema na súa vida?
– Canto máis feliz sexan os demais, máis feliz serei eu.”
Manifesto da AELG no 25 de novembro: O dioivo que non cesa, por María Reimóndez
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
No 25 de novembro, día en que reclamamos unidas a fin da violencia de xénero
O dioivo que non cesa
María Reimóndez
A violencia que exercedes contra nós é o dioivo que non cesa. Se cadra non queredes ver as pingas, mais o dioivo existe. Non fai falla abrir o xornal e atopar outra muller asasinada, a auga comeza a caer moito antes. Componse de todos os espazos dos cales nos expulsades, das decisións que tomades sobre os nosos corpos e sobre as nosas vidas, do imaxinario que como sociedade construímos e que afirma o dereito dos homes a ser os nosos donos e que nos inculca a nosoutras a submisión e a obediencia. Ao final de todas esas palabras, dos pequenos desprezos de cada día, dos insultos ás mulleres que falamos alto, da estigmatización constante das que no medio da choiva torrencial tendemos as mans as unhas ás outras, están os nosos cadáveres. Sobre eles asentades a vosa sociedade.
Nosoutras non queremos os vosos paraugas fanados, eses que estendedes cada vez que aparece un dos nosos corpos asasinados rachando as vestiduras, describindo aos agresores coma tolos, culpando as vítimas mortas por non denunciar ou a aquelas que sobreviven por levar certas roupas, estar onde non deben a certas horas ou comportarse como segundo vós non é correcto. Nosoutras o que queremos é unha sociedade nova, unha sociedade que non se asente na violencia diaria e permanente contra ao 50% das súas integrantes, que non busque a complicidade das propias mulleres para exercela e que non fomente o desentendemento por parte dos homes como colectivo do comportamento dos seus integrantes individuais. Non queremos unha sociedade na que as formas de ocio dos homes inclúan o comercio cos corpos das mulleres, unha na que o lugar máis perigoso para nós sexa o fogar, unha sociedade na que se aterrorice ás mozas coa violación pero non se eduque aos mozos para que non a cometan.
Tampouco queremos unha sociedade onde as vítimas queden á intemperie, onde a impunidade sexa rampante e onde dez mulleres teñan que poñerse en folga de fame porque as opcións que teñen a escoller son a morte ou a morte. Disto todas nós somos responsables. Os dioivos tampouco admiten comparacións, non valen as gradacións e as escusas, non vale dicir que aquelas están peor e nosoutras mellor porque mentres sigamos sendo vítimas da violencia en calquera recuncho do planeta ningunha de nós deixará de estar á intemperie. Porque semellades esquecer que son as pingas as que poden erosionar as rochas e que igualmente este dioivo de violencias ao que nos sometedes cada día non permite que exista xustiza en ningunha sociedade.
Mais no medio da choiva non debemos esquecer que os dioivos se forman na terra. Son auga que se evapora e logo cae, por iso se queremos cambiar algo debemos de ir ás raíces. De aí que as medidas máis importantes son aquelas que implican poñer en dúbida os valores existentes, deixar espazo para que as mulleres falemos, recoñecer os nosos dereitos, saberes e coñecementos e rematar cos espazos onde constantemente se nos cousifica, se nos educa para ser princesas e se nos define exclusivamente en relación a algún varón.
Por iso nosoutras, que somos coma os ríos, os mares e os océanos traballamos cada día no medio do trebón para cambiar as pingas do orballo e da xeada, para darnos a man. Para que o dioivo que caia, no canto de ser os nosos corpos mazados, sexa auga para unha nova sociedade. Iso é o que reclamamos aquí e agora na mesma voz que nos une a todas as persoas do mundo que hoxe saímos á rúa para denunciar a violencia, esixir a súa fin e poñer en valor o noso traballo. Non estamos soas. Somos xa enxurrada de pingas poderosas que se arrepón ao torrente que quere afogarnos.
Transcreación dun poema de Sara Teasdale (St. Louis, Missouri, 1884- Nova York, 1933).
VIRÁN AS CHOIVAS LENES
(Tempo de guerra)
Virán as choivas lenes e o arrecendo do relente,
e as andoriñas revoando co seu escintilante son;
e as ras nas pozas cantarán pola noite,
e as ameixeiras salvaxes de branco trémulo vestirán;
Os paporroibos lucirán a súa plumaxe de lume,
e asubiarán os seus anceios nas cancelas baixas;
e ningunha coñeceremos a guerra, ningunha
terá que preocuparse máis dela cando por fin cando remate.
A ningunha, sexa árbore ou ave,
importará que os violentos perecesen;
E a primavera mesma, ao espertar ao mencer
nin sequera botará en falta a súa ausencia.
Compostela: presentación de O corazón de Branca de Neve, de Francisco Castro
O martes 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase O corazón de Branca de Neve, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa María Solar.
Santiago: preestrea de O instante eterno, documental de Xosé A. Cascudo sobre Díaz Castro
O martes 26 de novembro, a partir das 16:00 horas, no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, dentro da programación do festival Cineuropa, terá lugar a preestrea de O instante eterno, o documental sobre Díaz Castro no que o escritor e guionista Xosé Antón Cascudo leva traballando desde o 2011, asesorado por Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos e depositario do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois do visionado haberá un debate na sala co director do filme.
A estrea de O instante eterno está fixada para o 19 de febreiro do 2014, data da efemérede do centenario do poeta de Gutiriz.
A Coruña: presentación de Silencio habitado, de Olga Patiño
O martes 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase Silencio habitado, de Olga Patiño Nogueira, publicado polo Grupo Sial-Pigmalión. No acto, xunto á autora, participan Luz Pozo Garza, Xavier Seoane, Pilar García Negro, Jose Carpenter e Basilio Rodríguez Cañada. Haberá tamén unha actuación musical a cargo de César Morán.