Vigo: mesa redonda sobre Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas

O sábado 8 de xuño, ás 12:00 horas na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), de Vigo, terá un novo acto da xeira de Sábados Culturais organizados pola Fundación Premios da Crítica Galicia. O acto consistirá nunha mesa redonda co título Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas, na que participarán Xosé Carlos L. Bernárdez e Antón Castro, profesores e críticos de arte, e Antón Pulido, pintor e vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia. Os tres ponentes debaterán sobre cuestións como: O novo artista; a evolución do mercado da arte; o papel da crítica de arte; o coleccionista e o coleccionismo; os museos e as institucións; as exposicións; e o novo espectador. Ao remate do acto, servirase na Cafetaría Cosmos (Praza da Princesa) un viño galego.

Santiago: Conversa con… Roberto Gómez de la Iglesia, o 21 de xuño

O venres 21 de xuño, na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, terá lugar a xornada Conversa con… Roberto Gómez de la Iglesia, para achegarse ás últimas tendencias na xestión cultural, fórmulas de colaboración en boga entre empresas e culturas e dúbidas inquedanzas sobre o futuro da acción cultural. A entrada é gratuíta, previa inscrición, que pode realizarse aquí. O programa é o seguinte:

10:00 h. Presentación.
10:15 h. Reflexión sobre o momento/contexto da xestión cultural e creativa e novas lóxicas innovadoras.
11:00 h. Dinámica de identificación de conceptos chave dos proxectos dos participantes + Xogo de encaixar o improbable + Ruta de innovación e reflexión conxunta.
12:30 h. Conexiones Improbables, marco conceptual e análise de casos.
13:15 h. Formulamento e debate.
14:00 h. Fin da sesión.

Vídeos da Gala das Letras 2013 (VI): discurso de Lídia Jorge e entrega dos Premios da Crítica

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Discurso de Lídia Jorge ao recoller o Premio Escritora Galega Universal. Pódese ver nesta ligazón.
– Intervencións de Manuel Álvarez Torneiro, e Ana Romaní en nome de Begoña Caamaño, gañadores dos Premios da Crítica. Pode verse aquí.

A cociña literaria de Xesús Constela

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Pasou onte polo Club de Lectura II do IES de Valadares o escritor Xesús Constela. O encontro, desenvolto no Espazo de Lectura «Celso Emilio Ferreiro», centrábase nun principio en diversos aspectos que podería suscitar a lectura de 15.724 pero, na realidade, sobordou con moito os límites que podería suxerir un faladoiro sobre este título. (…)
No Club de Lectura soubemos o que, doutro xeito, talvez sería imposible como as razóns que levaron a Constela a escoller a imaxe da ave durmida ou o armadillo como símbolo; desvelou as dificultades que supoñen para el tanto a escolla dos títulos como dos nomes dos personaxes alén de confesar as fontes empregadas para construír o discurso ampuloso e cheo de naftalina que empregan os xornalistas. Non esqueceu, tampouco, confesar as claves dunha novela alicerzada nese punto exacto da ficción e realidade, no xogo de catro voces narrativas e mais na relevancia que pode adqurir un final conscientemente aberto a diversas posibilidades interpretativas. (…)”

Juan Tallón pecha unha etapa literaria con Fin de poema

Entrevista a Juan Tallón en Sermos Galiza:
“(…) “Con A pregunta perfecta e Fin de poema nalgunha medida entendo que pecho unha etapa na que a literatura é material narrativo da miña propia literatura. Acontece isto polo interese que teño por descubrir o meu propio traballo como escritor. Os outros sérvenme para traballar comigo mais se non pechei, si entornei esta etapa” explica, despois de poñer en literatura O caso Aira-Bolaño e aventurarse agora con catro poetas que son, ao tempo, catro mitos da nosa contemporaneidade.
Confesa que escribe o que lle fai feliz e adéntrase así no seu imaxinario literario, nas figuras de poetas que buscaron unha morte tráxica cando o fin da poesía era un feito. Se algo une a Cesare Pavese, Anne Sexton, Gabriel Ferrater e Alejandra Pizarnik é a poesía e o suicidio e son estes os dous elementos cos que Tallón constrúe a obra que lle valeu o premio Lueiro Rey de novela curta na súa recente edición. Non é a primeira vez que o autor visita a historia literaria para o seu traballo creativo. Aconteceu xa en A pregunta perfecta. (O caso Aira-Bolaño) e regresa de novo nese El váter de Onetti, o seu primeiro libro publicado en español, aínda que o autor quere explicar que o orixinal está escrito en galego e ao non ser publicado adiantouse a tradución en Edhasa. (…)”

Ourense: actividades literarias destacadas do venres 7 na Feira do Libro

O venres 7 de xuño prosegue a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Venres 7
20:00 h. Presentación do libro-CD Rosalía pequeniña, de Uxía, publicado por Galaxia. No acto, Uxía, acompañada por Sergio Tannus, interpretarán algunhas pezas da obra, a autora asinará exemplares dende unha hora antes na Libraría Pedreira.
21:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Xerais e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado por Galaxia. Modera o acto Manuel Outeiriño. Previamente, ambos estarán no posto da Libraría Pedreira.