Entrevista
de Montse Dopico a Oriana Méndez en Magazine Cultural Galego:
“Oriana Méndez gañou o Premio de Poesía do Concello de Carral con O que precede a caída é branco, un poemario habitado por unha cidade sen cidadáns, por persoas expropiadas da súa liberdade. Mais tamén por traballadoras que se unen nun momento no que todo parece estar a piques de estourar. O libro amosa algunhas conexións coas obras anteriores da autora, Cero e Derradeiras conversas co Capitán Kraft. Como o ollar á opresión, ao poder e á súa violencia. Ou á memoria. Cero estaba escrito deste o estrañamento, o distanciamento respecto dunha realidade incomprensible. En O que precede a caída é branco hai unha urxencia de reaccionar ante o presente. Ante o que acabou perfilándose como unha guerra contra a clase obreira. Contra case todos e todas nós.
– Montse Dopico (MD): Salientara xa o xurado a unidade de contido e forma da obra. Que se cadra é a túa forma de escribir, non só neste libro.
– Oriana Méndez (OM): É verdade que concibo os libros como unha idea, unha proposta unitaria. Nos tres libros que teño publicados non fixen unha escolma de textos escritos en distintos momentos, senón unha proposta a partir dunha idea.
– MD: A idea é, se cadra, a da cidade sen cidadáns, senón unha “caterva humana/ que é/ expropiada de si mesma”, sometida ao “pensamento do servo”, na actual guerra contra a clase traballadora. O espazo urbano xa estaba, por outra banda, nos dous libros anteriores.
– OM: Comparto a lectura, si. É certo que falo do espazo urbano, e é normal porque é fundamentalmente o que coñezo. As referencias a Vigo son constantes, nese sentido. Pero podería ser calquera outra das cidades que coñezo. Si é unha cidade expropiada de cidadáns porque neste sistema económico non pode haber cidadanía porque só as persoas libres son cidadás. Hai unha guerra en curso na que unha parte pequena da poboación vai gañando e outra parte, a maioría, vamos perdendo. Falo disto nuns textos de forma máis explícita e noutros menos. (…)”
Cuestionario Proust: Carmen Panero
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carmen Panero:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son parsimoniosa.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A súa tolerancia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A comprensión das miñas eivas.
4.– A súa principal eiva?
– Non sei dicir que non.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir (ou viceversa).
6.– O seu ideal de felicidade?
-Que amar non sexa o contrario de ser libre.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non poder valerme por min mesma.
8.– Que lle gustaría ser?
– Volvería ser a mesma.
9.– En que país desexaría vivir?
– Sempre en Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– A cor azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia branca.
12.– O paxaro que prefire?
-O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
-Yourcenar.
14.– E na poesía?
– Antonio Machado.
15.– Un libro?
–Arraianos, de X. L. Méndez Ferrín.
16.– Un heroe de ficción?
-Don Quixote.
17.– Unha heroína?
– A Penélope de Begoña Caamaño.
18.– A súa música favorita?
– O jazz.
19.– Na pintura?
– O expresionismo abstracto.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– …ao final, meu pai tamén tiña os pés de barro.
21.– O seu nome favorito?
– Aurora.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A maledicencia.
23.– O que máis odia?
– A agresividade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Son pacifista… Pero, a resistencia armada é precisa e, sendo contraria á pena de morte, xustifico matar ao tirano.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Axilidade para responder.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O bo humor.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os de quen baten sempre na mesma pedra.
30.– Un lema na súa vida?
– Coñécete a ti mesma.”
Vilalba: presentación de Sete Caveiras, de Elena Gallego
O
venres 4 de xullo, ás 20:30 horas, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado por Xerais. No acto, coorganizado polo Instituto de Estudos Chairegos, A Voz de Vilalba e a editora, participa, xunto á autora, Moncho Paz.
A RAG escollerá as Letras 2015 entre Carvalho Calero, Filgueira Valverde, Xela Arias, Manuel María e Celestino Fernández de la Vega
Artigo
de Alberto Ramos en Praza:
“Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde, Manuel María, Xela Arias ou Celestino Fernández de la Vega. Un destes autores collerá o relevo de Díaz Castro para as Letras Galegas do vindeiro ano, tal e como o confirmaron fontes da Real Academia Galega a Praza Pública. A decisión tomarana os académicos este sábado, día no que se reunirán en pleno na sede da institución na Coruña. Cada unha das propostas conta co aval de tres membros numerarios da entidades e o resultado darase a coñecer tras unha rolda de votacións eliminatorias, de xeito que en cada quenda a proposta menos apoiada quedará descartada. (…)”
Taboleiro do libro galego (XXIV), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Unha entrega máis neste 2014 do «Taboleiro do libro galego» e que será o último ata o que recolla as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas do vindeiro mes de setembro. Grazas, nesta ocasión, ás once librarías que participaron nesta ocasión: Suévia, Miranda, Carricanta, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Couceiro, Libros para soñar, Librouro e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
2º-. Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf (tradución de Celia Recarey), Irmás Cartoné.
3º-. Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar, Xerais.
4º-. O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
5º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
6º-. Chovida do ceo, Alfredo Conde, Edicións Xerais e A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.
POESÍA
1º-. Dun lago escuro, de Marta Dacosta, Edicións Xerais.
2º-. A segunda lingua, de Yolanda Castaño, Pen Clube-Xunta de Galicia.
3º-. Remontar o río, de Helena Villar Janeiro e Luz Darriba, Tirar do fío Edicións.
4º-. Kid Salvaxe, de Carlos G. Reigosa, Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-.Non temos medo, de Rodri Suárez, Nicetrip edición.
2º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
3º-. E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, de Henrique del Bosque, Edicións Xerais.
4º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, Através.
5º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
6º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.
XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
2º-.Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
3º-. Dragal III, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
INFANTIL
1º-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.
2º-.Volvo! O regreso de Usha, de María Reimóndez, Xerais.
3º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
4º-.A burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.
5º-. O fío vermello, de An Alfaya, Edicións Xerais.
LIBROS CD-DVD
1º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
4º-. Cantos animais, de Susa Herrera, Primera Persona.
5º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A Torre dos Mouros / Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo, Demo Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
OUTROS
1º-. Luzes, nº 6, maio 2014.”
A Coruña: presentación de A distancia do tambor, de Eva Veiga
Mondoñedo: VII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño, do 4 ao 6 de xullo
Compostela: presentación de Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira
O
venres 4 de xullo, ás 20:00 horas, no Restaurante Rúa (Rúa de San Pedro, 24) de Santiago de Compostela, preséntase Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Roberto Noguerol e Manuel Bragado.
Cangas: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao
O
xoves 3 de xullo, ás 00:30 horas, na Salasón de Cangas, María Lado e Lucía Aldao protagonizan Con dez poemas con barba, cabaré lírico cheo de poesía, historias e cancións e pensado para emocionar a aqueles que odian a poesía. O acto enmárcase na XXXI edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
O Consello da Cultura difunde o Sempre en Galiza cun acto institucional e varias accións polo 70 aniversario
Desde
o Consello da Cultura Galega:
““Sempre en Galiza é un libro, pero tamén é un texto que pode ser comentado, twitteado, retwitteado e difundido de múltiples formas” apuntou Ramón Villares na rolda de presentación das diferentes accións encamiñadas a dar a coñecer esta obra. Unha proposta que conta coa colaboración da Fundación Castelao, cuxo presidente, Carlos Mella, destacou a súa pertinencia porque “Castelao cítase moito pero non sempre se entende ben e invéntase un Castelao para cada ocasión”. Foi Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia, quen situou a obra no seu contexto. “É un dese libros de referencia que marcou a varias xeracións” incidiu Freixanes ao tempo que destacou que “pouco libros tiveron tanta influencia política e emocional”. Ademais, o director da editorial Galaxia fixo referencia ao carácter poliédrico da obra, que “pode ser un libro de memorias, de pensamento político, pero sobre todo é un libro de aposta de futuro e de propostas que segue a ter unha dimensión mobilizadora”.
Co gallo do 70 aniversario da primeira edición da publicación, terá lugar no Parlamento de Galicia un acto institucional o vindeiro 4 de xullo. Alí, Xusto García Beramendi, Ramón Máiz e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, explicarán o significado da obra. Nese acto terá lugar unha lectura colectiva de varios extractos e servirá de mostra das lecturas realizadas por personalidades galegas ou descendentes de galegos que viven fóra de Galicia, como son Miguel Cabanela, prestixioso traumatólogo; Nadia Calviño, directora xeral de presupostos da Comisión Europea, ou Francisco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.
Outra das iniciativas é a edición dixital aumentada do texto. Unha app para tablets e móbiles Apple e Google Android, de descarga gratuíta, editada polo Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela. A app contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais, como estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.
Todo estes contidos están a disposición dos usuarios no web conmemorativo preparado especificamente para a ocasión e que estará operativo a partir do vindeiro 4 de xullo.
As actividades de difusión arrincaron o pasado 20 de maio cunha acción encamiñada a difundir a obra de Castelao nas redes sociais. Co hashtag #sempreengz todos os días, a través do twitter do Consello da Cultura Galega e de culturagalega.org, así como do Facebook das dúas webs, ofrecemos unha escolma de frases extractadas da obra para facilitar o seu coñecemento e que se difunden a máis de 15 000 persoas.”


