Compostela: aberta a inscrición para o Curso de literatura práctica, impartido por Camilo Franco

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, coa colaboración da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega organiza unha nova edición dos obradoiros de literatura para adultos que veñen realizándose estes últimos anos durante o outono.
Nesta ocasión, o programa, que leva por título Curso de literatura práctica, estará conducido polo escritor Camilo Franco e ofrecerá unha aproximación á literatura a partir de reflexións sobre onde comezan as historias ou a quen debe convencer o escritor ou escritora. Contará tamén coa participación doutros autores convidados.
O curso, gratuíto, componse de dez sesións, os sábados de 11:30 a 13:30 horas, na aula de didáctica do Museo-Fundación Eugenio Granell (praza do Toural) e comeza o 13 de setembro.
A inscrición cómpre facela por correo electrónico, enviando os datos persoais (nome, enderezo e teléfono de contacto) ao Departamento de Lingua Galega (dlg@santiagodecompostela.org). A data límite é o 5 de setembro e o número de prazas, que se asignarán por orde de chegada das inscricións, é de 25.

O colectivo galego no País Vasco premia un poemario de Concha Blanco

Desde GlobalGalicia:
“A escritora ceense Concha Blanco non deixa a actualidade literaria nin no verán. Á súa nómina de galardóns acaba de sumar o primeiro premio do certame poético Anduriña voandeira convocado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi.
Blanco presentouse ao concurso con A mentira é un tirizó, «un conxunto de versos, de metáforas continuadas que reflicten a desolación dun sector de poboación debido ás circunstancias sociais que se están a vivir». A entrega dos galardóns celebrouse o domingo 29 de xuño, pero a ceense non puido acudir.”

Ramón Vilar: “Falamos de cambiar o mundo mais esquecemos cambiarnos a nós mesmos”

Entrevista de Montse Dopico a Ramón Vilar Landeira en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A maioría dos relatos parecen de escrita recente, pola temática. Foi así?
– Ramón Vilar Landeira (RVL): É certo que escribindo levo moitos anos. Mais sempre era crítico co que escribía, ou se cadra inseguro… Hai relatos que rompín e volvín facer e outros que desbotei, ou novelas que comecei e decidín deixar. Sempre é un proceso de escribir e romper… Si que ás veces mandaba cousas a premios para probar se gustaban, pero nunca mandara nada a unha editorial. Esta foi a primeira vez. Os televisores estrábicos empeceino polo 2009, cando xa era evidente o tema da crise. Eu quería facer algo que reflectise a crise, pero non só económica, senón tamén as crises persoais, afectivas. No libro tamén hai algún relato anterior a esa época, pero case todos foron escritos a partir do 2009.
– MD: Case todos os relatos están protagonizados por xente de clase traballadora. Falas da crise desde esa perspectiva.
– RVL: É un libro de ficción, non é autobiográfico. Conto cousas que vivín pero ficcionalizadas, cousas que me contaron, que lle pasaron a outras persoas… Pero si é certo que, claro, a clase traballadora é a que mellor coñezo. É normal que estea moi presente nos relatos.
– MD: No último dos relatos o personaxe fai unha reflexión que parece túa. Di que escribir en galego é como rexentar un supermercado de barrio a 200 metros dunha gran área comercial.
– RVL: Si, porque o noso é un sistema literario pequeno que ten diante unha gran superficie comercial que é o castelán. E o pequeno tendeiro non pode competir, aínda tendo un produto da mesma ou de máis calidade, por causa do marketing, das axudas que levan os grandes…
– MD: Ese mesmo personaxe explica que a escrita é unha loita contra un mesmo e que os seus relatos son retratos, imaxes… Que é o que é Os televisores estrábicos.
– RVL: Porque eu creo que cada un escribe contra si mesmo e non para competir cos demais. Tes diante a folla en branco e é algo contigo mesmo. Rompes o que non che gusta, sentes frustración por non ser quen de escribir algo mellor… E esa insatisfacción é o que che levar a tentar mellorar… E despois, que é algo que para min tamén é evidente, o que pasa é que moito falamos de cambiar o mundo mais esquecémonos de cambiarnos primeiro a nós mesmos. (…)”

Ribeira: Curso de escritura creativa impartido por Xabier López Marqués

Desde a Concellería de Educación de Ribeira proponse a participación nun Curso de escritura creativa, que se desenvolverá do 7 ao 17 de xullo, da man do profesor e poeta Xabier López Marqués. Os datos son os seguintes:

Actividade: Curso de escritura creativa. 24 horas facendo literatura.
Docente: Xabier López Marqués.
Datas: Do 7 ao 17 de xullo.
Horario: De luns a xoves, de 10:00 a 13:00 h.
Lugar: Salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas (R/ Manuel Lustres Rivas, nº 20, 2º) de Ribeira.
Dirixido a: Maiores de 16 anos.
Inscrición: Desde o día 26 de xuño ao 4 de xullo de 2014.
As prazas cubriranse por orde de inscrición (20 máx.)
Descrición da actividade: Curso “práctico” de escritura creativa.
Aprenderase a escribir textos literarios, preferentemente líricos, partindo de presupostos xerais e básicos: Que é Poesía? Que é prosa?
Información e inscrición: normalizacion@riveira.com e teléfono 981835650.
NOTA: A asistencia ao curso é gratuíta.

Pontevedra: presentación de Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres

O xoves 3 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, preséntase Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Miguel Anxo Fernández Lores, Xesús Alonso Montero e Víctor F. Freixanes.