Rianxo: presentación de Nimbos. Cáliz fervendo!

O venres 13 de xuño, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Auditorio de Rianxo, preséntase Nimbos: Cáliz fervendo!, caderno XXIX do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, con Xosé Luís Axeitos, Armando Requeixo, Luís Cochón e Luís Alonso Girgado, introducidos por Adolfo Muíños.

Xosé Estévez: “Xosé María Díaz Castro: poeta da lus, con querencias vascas”

Desde Galego en Euskal Herria:
“Como xa vos anunciamos no seu día, o Centro de Estudos Galegos da UPV/EHU celebrou as Letras Galegas cun completo programa de actividades entre as cales salientaba a palestra impartida por Xosé Estévez, sen dúbida un dos máximos referentes da cultura galega en Euskal Herria desde hai xa varias décadas. Baixo o título Xosé María Díaz Castro: poeta da lus, con querencias vascas, o historiador quirogués (asentado desde hai anos en Oiartzun) abordou a vida e a obra do poeta homenaxeado pola Real Academia Galega neste ano 2014, mais concedéndolle unha especial atención aos vínculos (familiares, mais non só) que unían fondamente a Díaz Castro coa terra e coa cultura vascas. Desde logo, Xosé Estévez é unha das persoas máis capacitadas para falar destes aspectos, e de aí que sexa para nós un auténtico honor poder publicar neste blogue o texto íntegro (con algunhas mínimas correccións lingüísticas) da súa intervención na Faculdade de Letras de Vitoria-Gasteiz. Un texto extenso e detallado, cunha minuciosidade e un respecto polas fontes que fala ben ás claras da calidade de Xosé Estévez como historiador. Un texto, en definitivo, moi recomendábel, e que esperamos que vos resulte de proveito. (…)
O texto completo pódese ver aquí.”

Propostas con premio: O Gran Reino, de Eduardo Santiago, premio Jules Verne de literatura xuvenil 2014

Entrevista de Ramón Nicolás a Eduardo Santiago en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Sinalou que a novela [O Gran Reino] se xera nunha reacción ao boom das novelas xuvenís de mundos paralelos, por que?
– Eduardo Santiago (ES): A primeira versión escribina hai sete anos. Daquela as miñas fillas eran dúas adolescentes de doce e quince anos e eu lía todos os libros que lían elas, porque gustabamos de intercambiar opinións. De súpeto decatámonos de que estabamos a ler sempre a mesma historia con distintos personaxes.
– RN: E a vinculación co ocorrido coas novelas de cabalerías de finais do XVI?
– ES: Ocorréuseme que podería haber un paralelismo co Quixote e as novelas de cabalerías de finais do século XVI. Unha nena intelixente e problemática que se puxera a ler compulsivamente este tipo de literatura podería desenvolver un certo afastamento da realidade como lle sucedera ao cabaleiro castelán.
– RN: Ao que parece, penso que en O Gran Reino hai elementos que se vinculan coa súa anterior obra publicada…
– ES: A protagonista segue a ser unha moza que, neste caso, chega a crear todo un mundo imaxinario ao seu xeito, como unha metáfora do principio creador feminino. As rapazas que formaron parte do xurado comentáronme que elas estaban convencidas de que esta novela escribíraa unha muller. Non daban creto cando descubriron que o escritor era un home. É a maior gabanza que me fixeron na miña vida. (…)”

Carlos Negro: “A poesía ten que fuxir da solemnidade para se achegar a novos públicos”

Entrevista de Carme Vidal a Carlos Negro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): No libro [Penúltimas tendencias] fai mención explícita de que vai dirixido a un público concreto, mozas adolescentes. Por que escribe para elas?
– Carlos Negro (CN): Sempre partimos do que se vive e eu son profesor e teño moitas mozas alumnas, rapazas que son lectoras e pareceume un destinatario interesante desde o punto de vista emocional. Makinaria era un poemario moi masculino e, por contraste, o reto era meterme na pel dunha moza nesa idade difícil da adolescencia. Interesábame como viven o mundo da publicidade, da imposición da beleza. (…)
– SG: Por que é singular escribir poesía para a mocidade?
– CN: Como dicía Fran Alonso nunha intervención, estamos inventando o xénero. Poden ler poetas clásicos ou modernos mais parecíame unha posibilidade inmensa que persoas coma min que estamos a carón de adolescentes podamos pensalos como destinatarios. O reto é atopar unha linguaxe contemporánea, que resulta críbel sen caer na impostura. O máis difícil foi atopar a voz, que fose natural, fluída, que se lea como a voz dunha moza e que se esqueza que detrás hai un home. Busquei unha voz feminina, contraditoria e rabuda. Trátase dunha moza que se fai preguntas, a primeira, quen quere ser e se revela contra as persoas que lle din como ten que ser.
Imposicións como o amor romántico, os modelos sexistas… continúan a consagrar a desigualdade e os estereotipos. Quen quero ser neste libro é esa moza que loita contra todo iso. (…)
– SG: Alén diso, vostede foi o autor do manifesto da AELG deste ano para a conmemoración do Día de Rosalía, que desta volta se promocionou con graffitis incluídos.
– CN: Cada vez é máis obvio que Rosalía fala cara o futuro. Canto máis achegamos á literatura ao mundo contemporáneo, mellor a entende o alumnado. Rosalía é un clásico porque permite continúas relecturas. A emigración é Rosalía e é o século XXI que nos tocou vivir. A súa voz é libre e os seus versos son berros para graffitear nas paredes por iso os rapaces a senten próxima. (…)
– SG: No libro hai unha recreación do poema Longa noite de pedra, como fixo no seu tempo o colectivo Ronseltz.Vostede acaba de dicir que fuxe da solemnidade da poesía, síntese herdeiro deles?
– CN: Non tanto nas formas, xa que eu non teño esa actitude paródica, mais si creo que hai unha conexión na antisolemnidade, no antiacadémico. A poesía ten que luxarse as mans, meterse no mundo que lle tocou vivir, lonxe de mensaxes crípticas e elitistas. Síntome herdeiro deles tamén no sentido de ser algo dadaístas, calquera pode ser artista e intentalo. A poesía ten que fuxir da solemnidade se se quere achegar a novos públicos. (…)”

Ferrol: actos destacados do sábado 14 e domingo 15 na Feira do Libro

O sábado 14 e domingo 15 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 14
12:00 h. Firma de Xaquín Marín e Gabriel Tizón na caseta de Central Librera.
13:30 h. O actor e escritor Pepablo Patinho presenta o seu álbum infantil 321, publicado por Edicións Embora.
18:30 h. Un paso (sempre) adiante! Actuación musical do dúo formado por Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro, arredor de poemas galegos de diversa autoría.
20:30 h. Presentación do libro – disco Tanto encanto reunido, de Berros do Castro, publicado por Edicións Embora.

Domingo 15
13:00 h. Firma de Ramón Loureiro na caseta de Central Librera.

Vigo: presentación de Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde

O sábado 14 de xuño, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva de Vigo (Rúa Terzo de Afora, 11), preséntase Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde, publicada pola A. C. Caldeirón, e que obtivo o VII Certame de poesía erótica Illas Sisargas. No acto participa, xunto á autora, Paco Souto e María José Pérez Carreira.