A literatura homenaxea o teatro na entrega dos premios da AELG

Desde Sermos Galiza:
“Antes do comezo da cerimonia de entrega de premios anuais da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no Teatro Principal de Pontevedra, coñecíanse xa os nomes gañadores, os resultantes por elección da asemblea de socios e socias. Dos outros, foron sorpresa até que a escritora Antía Otero foi abrindo cada un dos sobres. O teatro, en todas as súas facetas, ía ser o grande protagonista do máis solemne acto anual da asociación da literatura, na vontade de recoñecer o esforzo de profesionais, entidades e institucións que pulan por unhas artes escénicas ás que a crise está batendo con forza.
A intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, no inicio do acto, argumentou as razóns de que autores e autoras quixeran dedicarlle o seu ano a quen fai posíbel que o pano continúe a subir cando o peso é aínda máis forte. “Os escritores e escritoras galegos cremos na nosa cultura” comezou o presidente da AELG nun discurso no que incorporou os duros datos do mundo editorial como son o peche de 45 bibliotecas e a perda do 38% de traballadores e traballadoras desde 2008. Aproveitou tamén para reclamar, máis unha vez, un Panteón de Galegos Ilustres “laico e que máis cedo que tarde sexa de propiedade pública” e definiu, mentres comentaba a viveza da conmemoración do día de Rosalía en centros escolares e concellos, como “unha ofensa a nosa dignidade como pobo”, que continúe pechado o seu acceso ao público. (…)”

Onte, onde o mundo se chama Bernardo Atxaga, por Ramón Nicolás

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Declarouse onte Bernardo Atxaga un siareiro absoluto do título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, confesando que mesmo chegou a empregalo, con modificacións, nun limiar para unha edición estranxeira dalgunha obra súa e de aí o título deste apuntamento. Con todo, debo comezar por sinalar que supuxo unha fortuna onte poder acompañar a Anxos Rial, concelleira de Cultura de Pontevedra, Mercedes Queixas, secretaria da AELG, e ao escritor vasco, no Pazo de Mugartegui con ocasión dunha conferencia que ditou baixo o título de Reaccións ante unha pedra riscada.
Por veces todo aquilo que atesoura unha obra literaria ou, cando menos parte dela, pode ser revelado nun discurso de pouco máis de media hora. Iso foi o que aconteceu onte cun discurso que contrapuxo, ou confrontou, as interpretacións dos trazos peculiares dunha pedra que se derivarían dunha lectura materialista-científica ou doutra que se derivaría de aplicar unha clave imaxinativa. Polo medio circularon os asombros, os medos, as maxias, os bosques, as pantasmas, as paisaxes da conciencia e a subxectividade para chegar a Rousseau, cando na literatura comeza a rastrexarse algo íntimo e persoal, e concluír nas orixes da escritura, no pranto contido no Gilgamesh onde, por certo, se atravesaba un río que se chamaba Ulla. Velaí, finalmente, como a explicación máis subxectiva dos riscos distintivos que posuía aquela pedra, o que no fondo hai na literatura,  pode ser unha lectura tan válida, ou máis, para enfrontarse á vida como a outra.
Para min, que lera aquela Obaba fascinante en castelán, hai xa vinte e cinco anos, onte supuxo un verdadeiro día de festa. Eskerrik asko, Atxaga. Grazas tamén a Paz Castro polas fotografías: arriba, de dereita a esquerda, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bernardo Atxaga, Mercedes Queixas e Antía Otero).”

Tabela dos Libros de maio, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega outra volta a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boa lectura!»

Santa Cruz, Oleiros: charla-coloquio de Armando Requeixo arredor de Xosé María Díaz Castro

O martes 6 de maio, ás 10:30 horas, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Centro Cultural As Torres) de Santa Cruz, Oleiros, terá lugar unha charla-coloquio sobre o escritor Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas, a cargo de Armando Requeixo. Esta actividade, organizada polas bibliotecas municipais de Oleiros, está dirixida a alumnado de 3º e 4º de ESO do Instituto Neira Vilas e do Instituto Miraflores e nela participaran sobre 160 alumnos/as e 9 profesores/as destes centros.

Carmen Caramés gaña o XVII Premio de Poesía Johán Carballeira

Desde o Concello de Bueu:
“O sábado 3 de maio de 2014, ás 11:30 horas, reúnese o xurado do XVII Premio de Poesía Johán Carballeira, constituído por Marta Dacosta Alonso, Miriam Ferradáns Ferradás e Alberte Momán Noval. Tras o pertinente debate resolveu declarar gañador por unanimidade o traballo Dos días escuros de Mª Carmen Caramés Gorgal.
O xurado destacou a capacidade para retratar unha situación tan difícil como a dos malos tratos e que isto se faga cunha linguaxe poética tan acertada, mediante a utilización de imaxes moi potentes e un ton que engancha á lectora e ao lector e fai devecer pola lectura da páxina seguinte. Cabe destacar tamén a unidade do conxunto e a capacidade de secuenciación creando un itinerario que vai adquirindo intensidade até acadar o punto final que nos conduce directamente á realidade.”

Carmen Caramés: “A crise está deixando poucas vías para reflexionar sobre a violencia de xénero”

Entrevista a Carmen Caramés en Faro de Vigo (a foto é dese medio de comunicación):
“María del Carmen Caramés Gorgal é a gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Poesía, un recoñecemento que vén confirmar unha especial conexión entre a autora natural de Santa Comba, aínda que residente en Santiago, e a vila do Morrazo. (…)
– Faro de Vigo: O poemario co que participou títulase Dos días escuros e ao igual que os dous relatos que gañaron o premio Matilde Bares está relacionado coa violencia de xénero, unha temática na que parece especialmente sensibilizada.
– Carmen Caramés: É un pomario bastante recente e aborda a temática da violencia de xénero dende diferentes perspectivas. Dalgunha maneira apetecíame escribir sobre este tema, que está aí todos os días machacando en nós. Paréceme que desgraciadamente nunca rematarei de escribir e de reflexionar sobre este asunto. Quedan aínda moitas cousas por dicir e por contar e esta é unha maneira diferente de facelo. Gustaríame que se poda reflexionar ao redor deste tema a través da poesía. (…)”

Bautista Álvarez: “O que chamaron reforma democrática non foi máis que a continuidade do franquismo”

Entrevista de Montse Dopico a Bautista Álvarez en Magazine Cultural Galego:
“(…) Hai moito de verdade nos relatos do libro Retallos daquela infancia (Xerais) de Bautista Álvarez, malia seren ficción. Moitas lembranzas das terras da súa infancia: Las, Eiras e Loucía, no concello de San Amaro. Mais tamén moitas reflexións de alguén que sufriu a represión franquista e loitou contra ela. Desde Brais Pinto até a UPG. Desde o seu ingreso en prisión a finais dos 60 polas súas ideas “separatistas marxistizantes” até ser procesado, a finais dos 70, polo Tribunal de Orde Pública. Desde a ditadura até unha transición que pouco mudou e unha democracia que tampouco cumpriu as expectativas daquela xeración que soñara con ela. Falamos con el.
– Montse Dopico: Como se encontrou escribindo relatos de ficción en lugar de artigos de política?
– Bautista Álvarez: Pois a verdade é que, moitas veces, falar de política non ten transcendencia ningunha. A xente non fai caso, é arrastrada polo ambiente. E eu non vou estar sempre falando de política. Xa se publicaron os meus artigos escritos entre o 2004 e o 2011, sobre a crise económica, política…, a crise do nacionalismo,… a crise en todos os ámbitos. Está a piques de aparecer o segundo tomo, que son discursos meus en asembleas do BNG e congresos da UPG. E haberá un terceiro tomo, de traballos soltos. Algúns deles están escritos en español porque foron escritos para publicacións en español e eu non creo que precisen tradución por ese motivo, pero estamos vendo que facer. A cuestión é que, claro, ao deixar os cargos de responsabilidade que tiña na UPG e no BNG, quedoume máis tempo para escribir. E estes relatos fíxenos para divertirme. (…)”