Cuestionario Proust: Antonio Manuel Fraga

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antonio Manuel Fraga:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo que poño, exclusivamente, nas cousas que me gustan.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sen dúbida a bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me acepten tal como son, sen demasiadas análises.
4.– A súa principal eiva?
– O pesimismo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ver cinema.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ler na praia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Calquera cambio imprevisto supón unha pequena desgraza para min, así que supoño que algunha asociada a un cambio grande.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha illa con moito sol e pouca xente.
10.– A súa cor favorita?
– A cor azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A orquídea.
12.– O paxaro que prefire?
– O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– Dúas: Salinger e Cortázar.
14.– E na poesía?
– Outras dúas: Celso Emilio e Lorca.
15.– Un libro?
– Imposíbel ficar cun só libro! Así que vou elixir a miña actual lectura, da que estou a gozar moito: Cadeas, de Xabier López López.
16.– Un heroe de ficción?
– Atticus Finch.
17.– Unha heroína?
– Matilda.
18.– A súa música favorita?
– Case calquera que propoña algo diferente e con calidade. Ultimamente escoito moito jazz.
19.– Na pintura?
– Talvez Monet, non o teño claro.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os meus catro avós.
21.– O seu nome favorito?
– Xulia e Nuno.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O cinismo.
23.– O que máis odia?
– O fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O cómplice silencioso.
25.– Un feito militar que admire?
– A afouteza dos guerrilleiros que se botaron ao monte despois do golpe de estado do 36.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha. A idea da morte horrorízame.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ultimamente, malia algunha mancha importante de tristura, a felicidade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A credulidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Non te afastes da xente que te quere.”

Os manuscritos de Rosalía presentados pola RAG botan luz sobre o posíbel libro Postrimerías

Desde Sermos Galiza:
“O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo máis a profesora e investigadora María Xesús Lama foron os encargados de facer públicos os manuscritos da autora de Cantares Gallegos, uns documentos que o presidente Xesús Alonso Montero, cualificou de “valiosísimos”.
Da man de Henrique Monteagudo coñeceuse un poema manuscrito inédito en galego, que pertencería á súa primeira etapa poética. O poema foi achado no proceso de preparación dun álbum rosaliano con pezas escritas da súa man co que a institución buscaba participar na conmemoración do 150 anos de Cantares Gallegos. Segundo o secretario da RAG, o manuscrito fora depositado no Arquivo Municipal da Coruña polas fillas de Rosalía. “Este texto é probablemente un esbozo en dezaseis versos dun poema máis extenso, que polo seu feitío recorda aos publicados en Cantares Gallegos“, indicou Monteagudo que situou a escrita na década de 1870.
En canto aos textos manuscritos en castelán, proceden do propio Arquivo da Real Academia Galega e foron maiormente publicados no libro En las orillas del Sar. Arredor deles, a investigadora María Xesús Lama destacou que o último dos manuscritos é o que deita nova información sobre a historia literaria de Rosalía xa que, segundo sinalou, deixa á vista a intención da autora de publicar un novo libro de poesía en castelán que respondería ao título de Postrimerías. “Sen embargo, nese título de Postrimerías, delatábase a conciencia da autora de que sería o derradeiro”, explicou.
“Son unha contribución moi valiosa, un ramo excepcional ao ano do sesquicentenario da publicación de Cantares, que supuxo unha verdadeira treboada rosaliana, cunha multitude de actos ao longo de todo o país que amosa que o proxecto de Rosalía para Galicia segue vixente”, afirmou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que tamén participou na presentación.
A RAG disponibiliza na súa páxina un documento no que se recollen os ínéditos manuscritos e os textos explicativos de Henrique Monteagudo e María Xesús Lama.”

Xosé María Lema Suárez: “A nosa esperanza é que fronte á masa servil hai en cada período histórico unha minoría rebelde”

Entrevista de Montse Dopico a Xosé María Lema Suárez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Publicaras antes moitos libros. Pero nunca unha novela de aventuras [Costa do Solpor]. Como foi o proceso de creación?
– Xosé María Lema Suárez (XMLS): O proceso foi longo. Disque García Márquez botara 17 anos pensando a súa obra mestra Cien años de soledad e 14 meses escribíndoa; pois eu seguro que botei ese mesmo tempo ou máis pensando Costa do Solpor e poucos menos escribíndoa, aínda que non de maneira continua, claro.
A idea dunha novela longa de aventuras de mar e terra, con piratas nun escenario tan acaído como a illada Costa da Morte, foi algo que durante anos me andaba buligando na cabeza. Confeso que a miña pretensión era facer unha narración de certo valor, cun léxico e cunha fraseoloxía o máis enxebres posibles, e non me importaba a demora. Se dei feito algo que valese a pena é cousa dos lectores. Teño para min que ó final tanta espera lle veu ben á novela, que con toda a información paralela que ten nunca a podería escribir ós 30 anos, nin tampouco ós 40, e estou seguro que tampouco ós primeiros 50. Iso explícase porque nela hai boa parte dos meus estudos e investigacións de toda a vida, propios e alleos: de historia, historia da arte, de etnografía e antropoloxía, de onomástica e toponimia e, loxicamente, de lexicografía. (…)
– MD: A través do pai de Mariña, transmítesenos a idea dunha Galicia pobre, atrasada, instalada na ignorancia e na resignación ante o poder. Mais, ao mesmo tempo, temos personaxes que se rebelan, precisamente comandados por Don Cristovo. Sospeito que é un dos principais obxectivos do libro: contestar o tópico da Galicia submisa, atrasada. Pode ser?
– XMLS: En todas partes hai cans descalzos, e non hai que se deixar levar polos tópicos -o andaluz gracioso, o catalán agarrado, o galego parvo e submiso…-. Nun lance da novela o indeciso na metade da escaleira é un inglés, non un galego. Xa advertín que tentei fuxir do maniqueísmo, pois na narración hai galegos tanto no bando dos bos coma no dos malos. Unha vila de infausto nome, habitada por xente covarde, guiadiña, que acepta de bo grao as migallas que os poderosos lles deixan caer da mesa, é a que recibe peor trato.
Ó final dise que esta vila maldita desapareceu da faz da terra, pero tamén que por desgraza deixou sementeira por Galicia adiante perpetuando o espírito servil, motivo polo que este noso país estea condenado a dar un paso adiante e outro (ou outros) atrás eternamente. A nosa esperanza é que fronte a esta masa abaixadiza, servil, hai en cada período histórico unha minoría rebelde que se ergue contra os abusos dos poderosos, reclama os seus dereitos e abre vieiros para o progreso. Na novela está liderada por un fidalgo e a súa filla, un crego e un mozo pegureiro, pero o protagonismo acábao levando a mocidade unida de tres colectivos parroquiais; mesmo os dous principais heroes –o Chavián e Mariña- renuncian ó seu liderado a prol da vitoria colectiva. (…)”

A Coruña: estrea de Romano, obra de Lino Braxe, representada por Espello Cóncavo, o venres 17 e sábado 18

O venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Compañía de teatro Espello Cóncavo estrea a obra Romano, escrita por Lino Braxe. Interveñen os actores Miguel Pernas, Xosé Vilarelle e Manuela Varela, contando nesta estrea coa colaboración de Antonio Simón, Laura Sarasola, Sabela Amado e Felipe Cotelo. A música en directo corre a cargo da trompista Alma Sarasola e a mezzosoprano Rita Gasalla.

Lugo: acto de homenaxe a Benxamín Casal

O venres 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23), terá lugar un acto de homenaxe a Benxamín Casal, baixo o nome de A forza da intelixencia, organizado conxuntamente pola Editorial Galaxia, o Club Cultural Valle-Inclán e o Círculo das Artes. No acto intervirán:

Víctor F. Freixanes (Editorial Galaxia).
– Tonina Gay e Felipe Arias Vilas (Club Cultural Valle-Inclán).
– Jesús López-Domínguez López (Círculo das Artes).
Ramón Villares Paz (Consello da Cultura Galega).
– Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega).
– Xosé López Orozco (Concello de Lugo).
– Alberto Núñez Feijóo (Xunta de Galicia).
– Xulián Parga Rodríguez.
– Familia de Benxamín Casal Vila.
– Música a cargo de Najla Shami.

Arteixo: contacontos con Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali

O venres 17 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, terá lugar unha sesión de contacontos arredor da obra Suleimán y Salúa, de Francisco X. Fernández Naval e o ilustrador sirio Ali Ali, publicada en Trifolium, coa presenza dos dous coautores. A entrada será libre e gratuíta, mais para asistir é preciso reservar asistencia no teléfono 881-969745, ou ben no e-mail: luscandil@gmail.com.