Sushi para ler?
Desde
Sermos Galiza:
“Xildas, de Antonio M. Fraga Allegue e O poder de Amabel, de Érica Esmorís botan a andar Sushi Books, o novo selo de Rinoceronte Editora S.L.U. dedicado á literatura infantil e xuvenil. Dúas obras de autoría galega que poñen en marcha unha iniciativa que publicará tamén na nosa lingua traducións de obras de Astrid Lindgren, E. A. Wyke-Smith, Ole Lund Kirkegarrd ou Roald Dahl entre outros nomes da literatura universal. (…)
Sushi Books nace dentro do proxecto editorial de Rinoceronte, unha editora que se ven destacando por traer á nosa lingua obras fundamentais da literatura contemporánea e que agora se adentra no mundo editorial para lectores de menor idade. Na súa páxina web aparecen xa anunciadas as novidades, ademais de en galego, en castelán, catalán e éuscaro, xa que a editora ten vontade de publicar algúns dos seus libros nas outras tres linguas do Estado. (…)”
Fisterra: Co galego até a fin do mundo, música e poesía no Faro
Vigo: presentacións dos números 8 e 9 da Revista Núa
O
21 de setembro, ás 22:00 horas, no Teatro Ensalle (Rúa Chile, 15) de Vigo, preséntanse os números 8 e 9, xunto a un avance do número 10 da Revista Núa.
Para esta ocasión contarán coas intervencións de:
– Escenificafión parcial da nova proposta escénica de sther carrodeguas: París-Dakar.
– Lectura dramatizada do texto de Carmen Abizanda: O fío de la vermella.
– Presentación visual do próximo número de Núa (10), por Julio Fernández.
– Avance dramatúrxico de Imprudentemente deseé, por Pedro Fresneda.
Vigo: presentación de Noite~Día, de Alfonso Láuzara
O
sábado 21 de setembro, ás 20:30 horas, na Cova dos Ratos (Rúa do Romil, 3) de Vigo, preséntase o poemario Noite~Día, de Alfonso Láuzara, publicado pola Porta verde do sétimo andar, con limiar de Rosa Enríquez.
A Coruña: presentación do segundo volume da toponimia de Nicandro Ares na Real Academia Galega
Desde
a Real Academia Galega:
“O segundo volume da toponimia de Nicandro Ares, compilada e indexada por Antón Santamarina, completa a publicación da totalidade dos estudos toponímicos de Nicandro Ares por parte da Real Academia Galega.
O presidente da Academia, Alonso Montero, despois de escusar a ausencia do autor dos textos, Nicandro Ares Vázquez, debido á súa avanzada idade, salientou a importancia da publicación desta obra que recolle todos os escritos sobre toponimia dun dos grandes eruditos nesta materia no noso país.
Pola súa parte, o coordinador do Seminario de Toponimia, Ramón Lorenzo, destacou o gran labor de edición feito por Antón Santamarina, autor tamén dun exhaustivo índice de temas de grande utilidade para o lector.
Antón Santamarina, membro de número da Academia e editor da obra, comezou a súa intervención debuxando unha breve biografía de Nicandro Ares. Nado en Santa Eulalia de Bóveda, na súa mocidade ingresou no Seminario de Lugo onde foi alumno do arqueólogo Francisco Vázquez Saco, quen o introduciría no estudo desta especialidade e da epigrafía. Xa a partir de 1964, Nicandro Ares encamiña o seu interese cara á ciencia toponímica que, tal e como lembrou o profesor Santamarina, se basea na dilucidación da orixe dos nomes de lugar atendendo a dous principios: o respecto ás leis da evolución fonética das palabras e á súa congruencia semántica. “No caso daqueles termos escuros aínda a partir destes dous principios, hai que botar man dos textos antigos para procurar a súa orixe, e aquí é onde Nicandro Ares amosa un grande olfacto á hora de pescudala remexendo nunha gran cantidade de documentación”, apuntou Antón Santamarina.
Coa saída deste segundo volume de Estudos de toponimia galega de Nicandro Ares Vázquez, a Academia completa a edición dos 178 artigos sobre toponimia deste autor, publicados en diversos medios entre 1964 e 2011, e centrados sobre todo na casuística da provincia de Lugo.”
Santiago: ingreso de Pegerto Saavedra na Real Academia Galega
Desde
a Real Academia Galega:
“(…) Despois da preceptiva lectura da certificación da celebración do acto de ingreso por parte do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o novo membro numerario, Pegerto Saavedra, deu comezo ao seu discurso titulado Demarcacións, topónimos, papeis, memoria: sobre a división e o control do territorio na Galicia moderna cunha evocación do seu antecesor na cadeira, o catedrático lucense de Xeografía na universidade compostelá, Francisco Xavier Río Barja, discípulo de Otero Pedrayo e continuador da súa obra de pescuda e análise científica da nosa xeografía. O novo catedrático salientou a contribución decisiva de Río Barja á modernización dos estudos xeográficos no noso país, quer mediante o seu labor docente na universidade, quer mediante as súas publicacións na Revista de Economía de Galicia. (…)
Na súa resposta en nome da Academia, Ramón Villares salientou a importancia das investigacións do novo membro numerario sobre as condicións de vida no rural galego durante o Antigo Réxime, exemplificada en obras como A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850, publicada en 1992, e que había merecer o Premio da Crítica ao ano seguinte. Villares Paz subliñou tamén a influencia que estudosos marxistas como Pierre Vilar e E. P. Thompson tiveron na súa formación como historiador, un maxisterio que se fai patente na súa dedicación ao estudo da vida das clases populares galegas, e das súas estratexias de resistencia á autoridade dos estamentos superiores durante o Antigo Réxime. Ramón Villares rematou o seu discurso trazando unha análise comparativa entre os obxectos de estudo de Otero Pedrayo e Pegerto Saavedra: o primeiro, centrado no esplendor e decadencia da fidalguía; o segundo, na comprensión do papel histórico do campesiñado galego. (…)
O discurso completo pódese descargar aquí.”
Xosé Ramón Freixeiro Mato: “O galego necesita estabilidade na norma e dentro dela avanzarmos na aproximación ao portugués”
Entrevista
a Xosé Ramón Freixeiro Mato en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vostede fala da dificultade de construír unha lingua literaria a través dun idioma desprestixiado, cal é o proceso?
– Xosé Ramón Freixeiro Mato (XRFM): Non é o mesmo ao dunha lingua normalizada, cun estándar estabelecido. No noso caso houbo que construír unha lingua literaria contemporánea desde a que existía nas clases populares, sen norma fixada e sen instrumentos e ferramentas que os escritores adoitan ter na súa mesa. Que nesa circunstancia fosen publicando libros de calidade artística e lingüística é un esforzo de grande valor. Na análise da lingua literaria teremos de discernir o que é auténtico galego, xa que existen moitas interferencias do castelán que eran inevitábeis.
– SG: A súa Estilística da lingua galega recorre tamén á literatura popular e, dalgunha maneira, na súa traxectoria apreciase a querenza por autores que beberon na lingua do pobo. Que valor lle engade á elaboración da estilística?
– XRFM: No falar da xente ou nos cantares populares hai unha riqueza extraordinaria de recursos. A literatura culta traballa especificamente cos recursos, procurando construír unha obra artística e extrema o seu aproveitamento, mais eses recursos están tamén na fala. Os mellores autores beberon da lingua popular para construír a súa obra literaria. É a fonte básica, aínda que haxa que saber distinguir o que é auténtico galego das interferencias. (…)
– SG: Tamén neste libro está a súa preocupación pola calidade da lingua.
– XRFM: Trinta anos despois da Lei de Normalización non nos podemos conformar con dicir que o importante é falar. Temos que dar o paso e empregar un galego de calidade porque un galego deturpado vai ser un galego castelanizado que non ten futuro. Iriamos cara á confluencia co español e estariamos a pór en perigo o propio idioma. Escribir e falar en galego auténtico transmite prestixio ao idioma, é dicir, sería unha ferramenta para a normalización. Como se vai prestixiar a lingua se un presidente da Xunta, un conselleiro ou un académico falan de maneira que mesmo contradí as normas que eles aprobaron? Denota un desleixo co idioma que resta credibilidade e eficacia normalizadora. O galego só se poderá normalizar se a xente ten a sensación de que a lingua está definida e os falantes a usan con corrección, sobre todo os que teñen responsabilidade pública.
– SG: Como valora a decisión de Vítor Vaqueiro, Teresa Moure ou Séchu Sende de abandonar a normativa despois dunha longa traxectoria de escrita?
– XRFM: Son tres persoas que admiro no plano persoal e tamén do punto de vista literario e da calidade de lingua. O seu posicionamento paréceme respectábel e sei que a súa é unha decisión a contracorrente que non lles vai dar beneficios persoais. Escribir en portugués para min é escribir en galego e por tanto acho lexítima a súa opción; porén, considero que neste momento o prioritario é afortalarmos un modelo de galego digno e auténtico, de calidade. Defendo que son preferíbeis decisións colectivas, nomeadamente por parte de persoas que, coma min, se senten comprometidas cos acordos de 2003 que, aliás, aínda non se consolidaron. Estes inclúen poucas mais significativas mudanzas que marcan por onde se debe camiñar na estandarización do galego. Outra cousa sería que a RAG recuase, entón as entidades deberiamos pensar colectivamente outra saída. Acho que o galego necesita unha estabilidade na norma e dentro dela avanzarmos na aproximación ao portugués. Podemos ir nese camiño seguindo o marco normativo, pois canto máis auténtico for o galego máis se parecerá ao portugués, como dixo Dieste. Só así parece posíbel a confluencia. O ideal é que ese camiño se vaia andando sen trasladar á sociedade conflitos que redundarían no desprestixio do galego. Sobre o galego penden moitas ameazas e os pasos deben ser medidos.”
Compostela: Teresa Moure presenta Eu violei o lobo feroz
Desde
Sermos Galiza:
“”A erótica dunha presa independentista acusada vagamente de vixiar arsenais de armas e Galicola, afastada do seu mundo nunha prisión do Estado”. Sen desvelar o argumento, podería ser este un resumo breve do libro Eu violei o lobo feroz, o primeiro poemario da escritora Teresa Moure e tamén a súa primeira achega en galego-portugués.
Adiada a presentación desde o Día da Patria por mor do accidente de tren en Angrois, Moure retoma esta tarefa pendente e lanzará o libro esta quinta feira en Compostela, nun acto convocado na facultade de Filosofía ás 20:00 horas no que estará acompañada polo tamén poeta Rafa Vilar.
Sermos Galiza conversou con Teresa Moure co gallo daquela primeira presentación marcada para xullo. Eis aquí o que contou.


