Vilagarcía: conferencia sobre 150 anos de Cantares gallegos

O venres 28 de xuño, ás 20:15 horas, no Salón de Actos do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa (Rúa Castelao, 5), o profesor Losada Carregal pronunciará unha conferencia baixo o título 150 anos de Cantares gallegos, ilustrada polos recitadores Carmen Abalo e Enrique Brumbeck.

Lugo: edición número 33 da revista oral O pazo das musas

O xoves 27 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 33 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre. Este número estará dedicado a lembrar o 50º aniversario da publicación da primeira edición de Contos populares da provincia de Lugo, con 300 relatos (contos e lendas maiormente) tirados directamente da tradición oral. Este libro foi a consecuencia dun proxecto educativo no que participaron tanto o alumnado como o profesorado de diferentes escolas rurais da provincia de Lugo. Unha obra coral, colectiva, grazas á que (máis alá dos seus indiscutibles valores etnográficos) toda unha xeración de galegos e galegas se achegou tamén ao galego escrito por primeira vez. Co impulso de Antonio Fernández López, propietario do Centro de Estudios Fingoi e da Granxa de Barreiros de Sarria, centros neurálxicos do quefacer recompilatorio, coa coordinación do entón director do colexio Ricardo Carvalho Calero, a vontade e o bo facer de mestres como Avelino Pousa Antelo ou Valentín Arias, e a de tantos outros que se relacionan na Táboa de Abonantes da primeira edición, ou o traballo de escolma e redacción dun entón mozo bolseiro, Bernardino Graña, esta obra pioneira e singular da literatura galega de tradición oral foi unha realidade que agora, medio século despois, é un referente histórico imprescindible.

SUMARIO Nº 33

– Portada musical. Marcha de procesión, por Os Melidaos (3:57).
Os contos populares da provincia de Lugo: moito máis que contos, por Xoán R. Cuba Rodríguez (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do IES Leiras Pulpeiro: Inmaculada Alonso Rodríguez (O paisano, o abogado e as moscas), Laura López López (O galego e o cabalo do rei), José López Rivas (A capilla de San Lourenzo) e Marta López Rodríguez (O segredo) (5’).
– Música. Pasando pola Vila de Arzúa, por Os Melidaos (3:13).
Os Contos Populares da Provincia de Lugo na historia das colleitas de contos populares galegos, por Antón Santamarina (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do CEIP Luis Pimentel: Manuel Pérez Fontal (O raposo, o lobo e o home), Paula López Gómez (O lobo e o xigante), e Daniel Barreiro Blanco (O demo axuda ao caseiro) (5’).
– Música. Foliada rianxeira, por Os Melidaos (2:46).
– As musas en Oriente, por Celeste Seoane Míguez (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do IES Virxe dos Ollos Grandes: Adrián Valdés González (O pequeno e o reló do cura), Pablo José Fernández Fernández (O paisano e o médico), Borja Núñez Gómez (A intención basta) e Luís Fernández Maira (A muller folgazana) (5’).
– Música. Muiñeira de Entrambasaugas, por Os Melidaos (2:24).
– Facer país: Os Contos Populares da Provincia de Lugo e o modelo educativo do Colexio Fingoi, por Carmen Carricoba (10’).
– Contos contados polo alumnado do Colexio Fingoi: María Torres Pérez- Batallón, Nicolás Núñez Rojas, Samuel Rodríguez Río e Candela Cabañas Rivas (A galiña asustada, O home descoidado i o burro e O soldado e os zapatos) (5’).
– Música. Foliada de Castrelo, por Os Melidaos (3:14).
– Contos contados polo alumnado do IES Lucus Augusti: Sara Luna Castillo Fernández (O patrucio e os estudiantes), Mikel Novo Ares (O xastre e os cinco gorros), Paola Rodríguez Méndez (O sogro vello e a nora e os pratos) e Yago Rodríguez Méndez (A vaca dos dous irmaus e o abogado don Crispín) (5’).
– Opinión. Intervención do público (5’).
– Epílogo, por Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3’).
– Contraportada musical. Muiñeira de Sabaxáns, por Os Melidaos (4:35).

Cambados: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 27 de xuño, ás 20:30 horas, nas instalacións de Exposalnés de Cambados (Praza da Calzada), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado coa Libraría Ramón Cabanillas, participa, xunto ao autor, Francisco Fernández Rei.

Ourense: presentación de As vidas de Nito, de Xabier Paz

O xoves 27 de xuño, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase As vidas de Nito, de Xabier Paz, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Mercedes Suárez e Manuel Bragado.

Malpica: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A cuarta feira 26 de xuño, ás 21:00 horas, no Centro Cívico de Malpica, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Asociación Cultural Caldeirón e A Mesa pola Normalización Lingüística.

Compostela: conferencia de Roi Vidal sobre Roberto Vidal Bolaño e a dignidade do teatro galego

A quinta feira 27 de xuño, ás 20:00 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, terá lugar unha conferencia de Roi Vidal sobre Roberto Vidal Bolaño e a dignidade do teatro galego. No acto, estará acompañado por Francisco Macías.

Santiago: quinta xornada do Congreso Internacional Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada

Chega a quinta e derradeira xornada de Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual, organizado polo Consello da Cultura Galega. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única. O programa é o seguinte:

XOVES 27 DE XUÑO
ROSALÍA Á LUZ DOS NOVOS PARADIGMAS CRÍTICOS. Coordinadoras: Helena González e Dolores Vilavedra.
10:00 h. A obra de Rosalía: como convencer os galegos de que o somos, por Francisco Rodríguez. Retrucante: Helena González.
12:00 h. Mesa redonda: Rosalía á luz do pensamento feminista. Moderadora: Margarita Ledo. Con Carmen Blanco, María Reimóndez e María Xesús Nogueira.
16:00 h. Rosalía e os emigrantes galegos, 1880-1970: da polisemia do mito na diáspora, por Xosé M. Núñez Seixas. Retrucante: Afonso Vázquez-Monxardín.
18:00 h. Mesa redonda: Cantares gallegos, novas perspectivas de análise. Moderador: Anxo Angueira. Con María López Sández, Helena González e Álex Alonso.