Montse Pena: Un chapeu negro e un nariz de pallaso
Reportaxe sobre a edición de Anxo Angueira de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro
A Coruña: representación de Ópera de a patacón, polo grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda
A
Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o martes 21 de maio, ás 21:00 horas, no salón de actos do Colexio Calvo Sotelo da Coruña, terá lugar a representación da obra teatral Ópera de a patacón a cargo do grupo de teatro Alexandre Bóveda, no transcurso do XVI certame de teatro amador Candilejas Don Bosco 2013.
Esta obra é unha adaptación teatral a cargo do director do noso grupo de teatro, Xoán Carlos Mejuto desta coñecida obra como homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. A entrada é de balde.
Presentacións de Galego, Português, Galego-Português: 56 vozes por volta da lusofonia
Desde
Sermos Galiza:
“Entrevistas a 56 pessoas do mundo cultural galego, da literatura, da historiografía, da política, da música ou do ativismo linguístico, todas elas respondendo três questões: a adequação da vigente norma institucional para o galego, a relação entre galego e português e a vinculação da Galiza com o resto da lusofonia. O livro em que se recolhem todas as conversas, Galego, Português, Galego-Português, foi editado por ATravés e durante esta semana os dois autores farão os correspondentes lançamentos no País. Serão nos lugares e datas que se assinalam deseguido:
– 21 de maio: Vigo, local da CIG (Avenida Alcalde Gregorio Espino 47, rés-do-chão), 20:00 h. Apresenta Carlos Garrido.
– 23 de maio: Compostela, A Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, 44) 20:30 h. Apresenta Valentim Fagim.
– 24 de maio: A Corunha, Biblioteca González Garcés (Miguel González Garcés, 1) 20:00 h. Apresenta Maria Castelo.”
A literatura máis cool, segundo 8 escritores galegos
Desde Disquecool:
“Se algo concluímos desta moi limitada enquisa é que hai un libro galego que destaca sobre todos os demais no que a orixinalidade se refire. É De catro a catro, de Manuel Antonio, que nós xa colocamos o ano pasado como o libro máis cool da historia da literatura galega, e que elixiron dous dos nosos escritores. Antón Riveiro Coello explica: “Porque para min segue a ser un libro diferente, fresco, orixinal, moderno. Se cadra, a mellor viaxe literaria polo mar das vangardas.” Fran Alonso detalla: “De catro a catro é –continúa a selo– un libro distinto, profundamente cosmopolita, innovador, orixinal moderno e irreverente (igual que o propio Manuel Antonio).De catro a catro é inimitable, inconformista e indomable, é dicir, un libro «in».De catro a catro é un libro incansablemente recorrente e recorrido na literatura galega, fonte continua de reescritas, de reinterpretacións desde a contemporaneidade, de incitación a navegar no mar da literatura. E é que é o noso libro máis intensamente contemporáneo, probablemente. Eu, cando tiña 18 anos, sentaba diante dun radiocasete co libro De catro a catro entre as mans e recitaba poemas que gravaba unha e outra vez. Desde as páxinas de De catro a catro un pode aprender a vida e a literatura. Aprender o mundo. É unha viaxe profunda, unha viaxe axitada, unha viaxe iconoclasta e intemporalmente actual.De catro a catro é o libro máis cool da literatura galega. É coolísimo!” (…)
Iolanda Zúñiga expláiase sobre un libro que aínda non limos, pero queremos facelo xa: “Eu sempre fun moi fan do colectivo de poetas Rompente. O único libro que teño, coidado coma un tesouro, é unha antoloxía de poemas seus que editara Xerais na colección Ablativo Absoluto. O título é Upalás, e non só agrupa textos dos tres poemarios editados polo colectivo, senón poemas individuais dos seus autores e unha parte final que se titula: “Textos de resistencia e comunicación”. Considero que Rompente é o máis cool que paríu a nosa literatura. (…)”
Arancha Nogueira gaña o premio Francisco Añón con Andar descalza
Desde Cultura Galega:
“(…) Arancha Nogueira fíxose co premio Francisco Añón, que organiza o Concello de Outes. Andar descalza, o seu poemario, valeulle 1.200 euros e premio e a publicación da obra. (…)”
Euloxio Ruibal: “Era difícil e admirable que un grupo estrease unha obra”
Entrevista
a Euloxio Ruibal en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): E do cine ao teatro… Despois esa colaboración [con Roberto Vidal Bolaño] continuou cos premios Abrente, as primeiras mostras de Ribadavia…
– Euloxio Ruibal (ER): Nós tiñamos certa preocupación pola recolla de manifestacións etnográficas, parateatrais. Pero á hora de facer curtas de ficción, pasábamos por moitas dificultades económicas, e foi como fundamos Obradoiro, un grupo de teatro para interpretalas. Así naceu Antroido, seguindo nesa liña de investigación antropolóxica do parateatral (os peliqueiros de Laza, as procesións…). Eu escribira O cabodano, pero non pasou a primeira censura (a de texto: daquela primeiro censuraban o texto e despois o espectáculo). Entón tentamos unha farsa dun autor anónimo francés, da que eu fixera unha versión libre [a Farce de maître Pathélin, da que saiu As falcatrúas do Marqués Patacón, estreada en maio do 76].
Non houbo moita máis colaboración con Antroido, xa que despois eu me apartei do teatro, e ocupeime coa galería de arte Citania. Eles, mentres, tentaron a profesionalización, e eu dicíalles: “Que valentes sodes! Vivir do teatro!”. O que son as cousas, despois, á volta do tempo, Roberto quixo montar O cabodano, e eu cedéralle os dereitos a Vieites, pero non me puiden negar. E non chegou a vela estreada: a obra estreouse en Narón, con Susana Dans no papel principal [por Teatro do Aquí, con dirección de Rubén Ruibal, no ano 2002].
– SG: Que significaba escribir teatro naqueles tempos, comezando os 70?
– ER: Significaba saber que ía haber incomprensións, que ían haber dificultades para a estrea e para a publicación.
– SG: E como fixeron para crear público? Ten dito que o público non se capta, senón que se crea.
– ER: Ao público primeiro hai que atraelo, e despois mantelo. Eu centreime na escrita, pero admiro moito o traballo ao ver que un grupo consegue estrear unha obra, ao ver que se está facendo un esforzo incrible. Esixe traballar en solitario moitas veces, pero tamén en equipo. Na nosa formación, a de Roberto e a miña, influíron moitas cousas que nos fixeron pensar o teatro como algo dinámico: discutimos moito sobre Brecht, coñecemos Marat-Sade, de Peter Weiss, a través dunha montaxe de Marsillach, vimos Yerma, con Núria Espert… Despois encargármonos tamén da programación da Caixa de Aforros, buscando sempre teatro con esa dimensión ética, espectadores activos, e espectáculos críticos.”
Marta Dacosta gaña o XVI Premio de poesía Johán Carballeira
“Marta Dacosta
acadou o XVI Premio de poesía Johán Carballeira coa obra titulada Dun lago escuro. O xurado destacou o elaborado xogo simbólico do poemario, alicerzado nunha arquitectura esférica onde o lacunar de ameaza escura recolle un discurso fondamente parabólico, con evidentes tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza, a caída, a soidade, o silencio, a anonimia ou a rutina esgazadora.
Formaron o xurado Armando Requeixo, Berta Dávila e Xosé Daniel Costas.” Desde o Concello de Bueu.
