Manuscritos: Helena Villar Janeiro
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Francisco Macías: “A obra de Vidal Bolaño tería que facer repensar as políticas editoriais e o sistema literario”
Entrevista
a Francisco Macías en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que descobre a Obra Completa de Vidal Bolaño?
– Francisco Macías (FM): Estou a recibir opinións de moita xente que me di que están descubrindo un autor como a copa dun pino, un autor inmenso. A publicación da súa obra podería facer repensar as políticas editoriais e o sistema literario. Manter un autor como Roberto case oculto di moi pouco do noso sistema literario. Topei mesmo con xente moi enfadada por non ter lido este autor, por non o ter atopado e saber del só agora. É a primeira vez que a Academia descobre un autor. No caso de Lois Pereiro, a conmemoración foi moi popular, mais non foi unha descuberta. A figura de Roberto era moitas cousas, director, actor, iluminador, dobrador… pero a xente está descubrindo un autor. Ten mérito a Academia, a que o escolleu.
– SG: Como explica ese ocultamento da súa obra, até agora case nada publicada e moi difícil de atopar?
– FM: Roberto sigue sendo moi incómodo, o que di moi pouco a favor da cultura galega, que non se asuma a como un gran autor. Hai que ser autocríticos e recoñecer que isto é así. Vén dado tamén polos prexuízos que temos polos dramaturgos, que son escritores de segunda. Trátase dunha eiva que había que eliminar. Por outra parte, Roberto era un tipo moi independente. A xente na cultura funciona por capelas, e el era un home libre. Aínda hai medo a súa literatura, eu creo que é porque quen a le se asombra. Roberto falaba do presente, non tiña que diferenciarse da realidade, do que estaba a acontecer. Non hai ningún autor da literatura galega que se ocupase tanto do que estaba a pasar, do presente, da decadencia da sociedade na que vivimos. (…)
– SG: Vostede non apresurou o día para chegar con todo pronto ao 17 de maio mais, valora que hai moito ruído editorial arredor da data?
– FM: Son parte implicada mais, ás veces, nótase premura no traballo de moitas editoras. Non este ano particularmente, senón sempre. Hai unha produción excesiva que non se corresponde coa demanda, é o mundo ao revés. Non creo que se demande todos eses títulos tan repetitivos. Nós temos ganas de que pase o día para seguir traballando tranquilamente a obra de Roberto. Outros teñen o sentimento contrario, que vai ser de nós a partir do 17, que faremos cos libros. Nós estamos convencidos de que a literatura de Roberto ten un percorrido longo. A partir de agora, ninguén vai poder obviar a obra de Roberto Vidal Bolaño. É un monstro pero non hai que ir con premuras. (…)”
Preséntanse 41 orixinais no Premio Xerais de Novela e 39 ao Premio Merlín do 2013
“Este
ano 2013 compiten 41 orixinais na XXXª edición do Premio Xerais de Novela e 39 na XXVIIIª do Premio Merlín.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 31 de maio. Os premios serán fallados o sábado 8 de xuño na illa de San Simón.
O xurado da XXX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren corenta e unha obras, está formado por: Cristina Domínguez Baños (xornalista), Elisa Iglesias Gil (licenciada en tradución e interpretación), Ramón Rozas (xornalista), Iago Martínez (xornalista), Raquel Feijoo Casas (xornalista) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e nove obras, está formado por: Rocío Carballeda Alonso (profesora), Mar García Pérez (licenciada e filoloxía hispánica e bibliotecaria), Isabel Mociño González (doutora en filoloxía galega e docente na Universidade de Vigo), Montse Pena Presas (licenciada en filoloxía galega, profesora da Universidade de Santiago e crítica literaria), Antonio Seijas Cruz (ilustrador e deseñador) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 31 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 8 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.”
Arteixo: presentación de Sete ch´iens a um posso, de Sílvia Capón
Parlamento das Letras: Santiago Lopo
Entrevista
de Armando Requeixo a Santiago Lopo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Santiago Lopo (SL): Como tradutor de formación, penso que nos falta presenza no exterior, traducións a outras linguas. Deberiamos darnos a coñecer, porque temos moito e moi bo que dicir.
Cando un libro me aburre sempre penso que lle sobran páxinas. Fuxo das descricións barrocas de léxico escuro. Renego dos parágrafos eternos e mal construídos que te acaban asfixiando. Eses parágrafos que os lectores temos dereito a saltar e dos que Daniel Pennac falou no seu decálogo dos dereitos do lector. Esas liñas, que a maioría de nós evitamos ler, son o que lles sobra ás letras universais e, por conseguinte, ás galegas. E que conste que me gusta Proust, pero aí a cohesión textual é insuperable. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– SL: En xeral, son optimista. Pero como non me considero capaz dunha análise rigorosa, vou responder cunha frase de Jean Cocteau, dicindo que o sistema literario galego é coma a conxugación do verbo amar: o seu pasado non é simple, o seu presente non é máis ca indicativo e o seu futuro sempre é condicional. (…)”.
Compostela: manifestación de Queremos Galego!
A Coruña: Rosalía no Rosalía
Desde
Sermos Galiza:
“Cen anos despois de que a cidade lle rendera homenaxe a Manuel Murguía no seu oitenta aniversario, Rosalia de Castro será lembrada no teatro que leva o seu nome nun concerto-recital o vindeiro domingo día 19 de maio ás 20:00 horas.
O Teatro Rosalía de Castro acollerá un encontro de música e poesía no que participan o Concello e a Fundación Rosalía de Castro e no que se sentirán as voces de Anxo Angueira, Dores Tembrás, Elvira Varela, Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa ou Xurxo Souto. A Banda Municipal da Coruña, Cántigas da Terra, Lydia Botana, Miguel Ladrón de Guevara, Sito Sedes ou Pedro Lamas porán música a esta homenaxe da cidade á poeta.
“O pobo destas mesmas rúas que ela pisou, o pobo deste mar que ela cantou, o pobo que honrou a Moore como ela o honrou devólvelle hoxe a Rosalía as pisadas, o canto e maila honra. E devólvellas no seu, no teatro da arte, no espazo escénico que leva o seu nome. Rosalía no Rosalía. Afortunada, feliz, luminosa escolla” escribe Anxo Angueira na presentación do programa da homenaxe. (…)”
Dores Tembrás: “A miña poesía leva a terra tatuada”
Entrevista
a Dores Tembrás en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Por que Cronoloxía da Urxencia?
– Dores Tembrás (DT): Interesábame traballar o concepto do desexo, non como obxectivo senón determe no propio proceso e dentro del no que entendo como dous tempos, por unha banda a contención e pola outra a inminencia. Tentei escribir eses dous tempos do desexo a través dunha cronoloxía con tensións e distensións, co silencio como protagonista. Un desexo no que fala a muller, no que a figura da muller é fundamental.
– SG: Muller como voz poética ou tamén como referente?
– DT: Como voz poética mais no poemario aparecen tamén moitas mulleres diferentes, todas experimentan o desexo nestes termos. Para min era importante enfocar non só do desexo desde o punto de vista filosófico ou profundo senón tamén que se concretase en voces feminina, que coñecín e que me contaron. O desexo da palabra, do poema, de atopar o alento, o que determina o achádego do poema. (…)
– SG: Desde 2009 no que publica O pouso do fume (Espiral Maior), alén de O Peizoque Roque (Galaxia) para público infantil, non volve publicar. O mundo editorial está pechado para a poesía?
– DT: Neste caso din por fechado o poemario hai relativamente pouco. Paso moito tempo cos poemarios, pero si que é certo que a situación é terríbel. As circunstancias son tremendas e ao pulsar a opinión outros poetas de que para publicar parece que pedimos esmola. As editoriais pasan por momentos difíciles e compre buscar novas vías. A autoedición será un camiño que cada vez cobrará máis forza e tamén pequenas editoriais con proxectos arriscados. Mais son optimista porque creo profundamente na calidade da poesía galega.
– SG: Ten blog e páxina web, é a maneira de se achegar ao público lector?
– DT: Unha das maneiras é a edición dixital, a xente que publica directamente. Estamos a vivir un cambio de formato. Nese sentido síntome unha muller do meu tempo e gosto de estar en contacto coa xente que se interesa do que fago e recibir o seu feedback. (…)”.
Lugo: actividades destacadas do sábado 18 e domingo 19 na Feira do Libro
Finaliza
a andaina deste ano a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, de 11:30 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:
Sábado 18
– 13:30 h. Encontro de literatura fantástica con Contos Estraños e Urco Editora, coa presentación das obras O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando M. Cimadevila, Galiza mutante: Poder Nuclear, de Tomás González Ahola e As crónicas de Bran. A revolta dos mestres, de Xosé Duncan.
– 18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde.
– 20:00 h. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
Domingo 19
– 19:00 h. Presentación do libro de poemas Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado pola editorial Redelibros.
– 19:45 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado pola editorial Redelibros.
A partires das 19:00 horas, os dous autores e José Estévez López, autor dos libros Fugaz coincidencia e Nair, asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.



