Javier Pastor gaña o X premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración

“Foi a “forza visual e o uso moi expresivo do colaxe dixital” o que, en palabras do xurado, lle valeu a Javier Pastor Díaz (Barcelona, 1974) o X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración. Presentábanse sesenta obras a concurso e destacou a súa “pola composición con gran dinamismo” así como “a modernidade e o cromatismo da ilustración”. O galardón está dotado con 1.500 euros e servirá para ilustrar o texto gañador do premio homónimo, pero na categoría de narración infantil e xuvenil. De feito, nas bases dise que a ilustración proposta debe tomar como base o texto premiado na modalidade de narración desta edición.” Desde Cultura Galega.

Vigo: visita guiada á exposición de Manuel Colmeiro, por Carlos L. Bernárdez

O sábado 19 de xaneiro, ás 11:45 horas, terá lugar o percorrido Coñeces a túa cidade, coñeces a túa contorna? coa visita guiada á exposición de Manuel Colmeiro na Pinacoteca Municipal de Vigo (Rúa Abeleira Menéndez 8), guiada por Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición. O lugar da cita será o vestíbulo principal do MARCO.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2012

“Tras pechar o día 15 de xaneiro as votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2012. En total, este ano recibimos 453 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para o Banqueiros, de varios autores (Laiovento).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Ardalén, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Mr. Gwyn, de Alessandro Baricco (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais).
– Mellor libro infantil para María Fumaça, de varios autores (Galaxia).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Lilus Kikus, de Elena Poniatowska, traducido por Teresa Moure (Trifolium).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor portada dun libro para adultos para Tonas de laranxa (Xerais).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Palabras de auga (Xerais).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política cultural da Xunta.
– Mellor Libraría para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Brétemas, de Manuel Bragado.”

Pontevedra: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa das Campás de Pontevedra, preséntase Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicada por Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Maio Longo, coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Editorial Galaxia, intervirán, xunto ao autor, Luís Bará e Carlos Lema.
Reportaxe posterior en Galaxia.

Ribadavia: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O venres 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Pub Aljama de Ribadavia (Tras Mesóns), preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Eladino Cabanelas, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona do Carballiño-Ribeiro.

Sigüeiro (Oroso): presentación de Perspectivas sobre Bóveda

O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Sigüeiro-Oroso (Rúa da Cultura, s/n.), preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, publicado pola A. C. Alexandre Bóveda, no que participaron os seguintes autores: Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Xusto Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. No acto intervirán Manuel Mirás Franqueira, Xosé Manuel Sanchez Rei, Presidente da Asociación e editor do libro; Uxío Breogán Diéguez-Cequiel e Valentín García Bóveda.

Ramón Villares: “A cultura danos seguridade e calquera proxecto de futuro terá que levar a marca propia para diferenciarse”

Entrevista a Ramón Villares na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Sendo libros centrados na economía tanto en Galicia como tarefa, como La marginación de Galicia, Valentín dedicaba un amplo apartado á cultura. Cal é a importancia do factor cultural para un proxecto de futuro?
– Ramón Villares: A cultura marca calquera produto, sexa industrial ou manufacturado. É o elemento esencial de algo que no tempo de Paz-Andrade non se coñecía e hoxe denominamos o poder brando, que é ter as calidades que outros quixeran ter e non teñen e polas que te admiran. Se pensamos no que fixo Sargadelos e a estética Díaz Pardo, podémonos preguntar se vendía un anaco de barro cocido ou unha idea de Galicia. Por que se lle pagaba unha vaixela ou unha figura? A cultura ten un grande poder simbólico e foi un acerto de Valentín ter escrito iso e insistir sempre en que o futuro de Galicia e as tarefas pendentes do país tiñan tamén que ver coa cultura. Que a nosa presenza no mundo tiña que levar o pegamento cultural. Claro que había que industrializarse, coutar a emigración, ter aforro rexional e investimento financeiro, que tiñamos que contar con instrumentos e institucións que o facilitasen, pero ao tempo debíase ser consciente de formarmos parte dunha cultura. Unha cultura non só galega senón que se estendía por catro continentes grazas á lingua portuguesa. Foi un acerto moi valioso de Paz-Andrade. Hoxe os economistas recollen moito esa idea de que cultura e institucións son fundamentais. Non se trata só de números, a nosa vida constitúese tamén a través de emocións, sentimentos e paixóns, non só de razón. Entendo que dedicase capítulos dos seus libros á cultura e véxoo como unha lección para a situación actual e futura. (…)”