A Coruña: presentación de Gratas e boas novas, de Celso Fernández Sanmartín

O venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Gratas e boas novas, de Celso Fernández Sanmartín. No acto, acompañando ao autor, participan Dores Tembrás e Eva Veiga, e os músicos Benxamín Otero (oboe) e Carlos Quintá (acordeón diatónico).

Ramón Nicolás sinala que falta “un estudo da súa obra como conxunto”, sobre Celso Emilio Ferreiro

‘Celso Emilio Ferreiro foi coñecido como moi poucos escritores, segundo apunta Ramón Nicolás, que está preparando unha biografía sobre o escritor que ten previsto publicar Xerais, despois de ter realizado numerosos estudos sobre a obra do escritor de Celanova. Nicolás sinala que o Día das Letras Galegas “marcou un punto de inflexión na celebración: a cantidade e intensidade de actos que se celebraron, non só a nivel académico, senón e sobre todo popular”. Por isto, considera o biógrafo que desde o ano 1989 non hai grandes novidades na recepción da obra de Celso Emilio “fóra dalgunhas achegas interpretativas illadas e puntuais; non hai aínda un estudo que cualificaría como definitivo sobre a súa obra”. Para Ramón Nicolás, aínda con todo o coñecemento que hai da obra de Ferreiro, quedan algunhas sombras sobre algunhas facetas e xéneros que o escritor practicou. Neste sentido explica que “sobre todo a narrativa, por non estar tan popularizada como a poética”. “E son da opinión que hai aí un narrador de altura. Tamén recibe unha escasa atención o labor xornalístico e aqueloutro de carácter político derivado das súas responsabilidades políticas desenvoltas tanto na Federación das Mocedades Galeguistas como no seo dos primeiros anos da Unión do Povo Galego e na súa militancia no PSG”. Sinala que tamén sería desexable desbotar “algúns tópicos evitables ao pouco que un se informe e contraste datos. O máis molesto son afirmacións acusatorias un tanto infamantes e que nunca se acompañan de documentos”. (…)” Vía La Voz de Galicia.

O Parlamento avala o 2012 como o ano de Celso Emilio Ferreiro

‘Os tres grupos con representación no arco parlamentario galego acordaron este martes [11 de outubro], a instancias do PP, “honrar a figura de Celso Emilio Ferreiro” no centenario do seu nacemento. Deste modo, ao longo de 2012, programaranse diferentes actividades de “promoción e difusión” para dar a coñecer a súa biografía e a súa obra. Malia o acordo do pleno da Cámara, o debate sobre esta iniciativa, que insta á Xunta a elaborar un catálogo de actuacións e a buscar a colaboración doutras entidades para difundir a súa obra e dar a coñecer a súa “actividade política de compromiso con Galicia e en defensa dos valores democráticos”, non estivo exento de polémica (…)’ Galicia Hoxe. Tamén en La Voz de Galicia, La Opinión e Cultura Galega.

Lugo: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres.

Santiago: presentación de Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco

O xoves 13 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro da profesora e escritora Carmen Blanco Un mundo de mulleres, publicado en Biblos Clube de Lectores. No acto intervirán, coa autora, María Xosé Agra e Tucho Calvo.

Intervención de Marta Dacosta na inauguración do VI Ciclo Escritores/as na Universidade

O xoves 6 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, tivo lugar a inauguración do VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, actividade organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Neste acto de inauguración estiveron presentes: Camiño Noia, Directora do Departamento de Filoloxía galega e latina, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística e Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Reproducimos a continuación a intervención de Marta Dacosta:

Bo día a todos e todas, en primeiro lugar quero darvos as grazas pola vosa presenza.
É unha honra para min estar aquí representando a AELG que unha vez máis se comprace en organizar estes encontros con escritores e escritoras na Universidade. Esta actividade é froito dun convenio coa SXPL e no seu deseño contamos coa colaboración do Departamento de Filoloxía galega e latina da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Grazas tamén pois a estas entidades por facer posíbel que esta actividade se manteña. Agardemos que no futuro a capacidade financeira e ese convencemento da importancia do papel da literatura no proceso de normalización permitan seguir adiante con este tipo de actividades.
Para a AELG esta é unha actividade fundamental no sentido de que permite a comunicación directa entre os nosos escritores e escritoras e o alumnado e o profesorado universitario. Entendemos que estas mesas redondas son unha actividade complementaria axeitada, pois poder escoitar ao propio autor, coñecer de primeira man a súa posición e os seus motivos, é sempre altamente enriquecedor.
Nesta ocasión a Universidade de Vigo propuxo o suxestivo título «Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise». Estamos pois ante unha proposta de debate que bebe directamente da problemática actual da lingua galega, a ferramenta fundamental da escritora, a que nos define e nos sitúa.
Desde 2008 o pantasma da crise percorre os países ricos, e un capitalismo esgotado reaccionou empuñando a arma do medo para sobrevivirse a si mesmo. Entón os gobernos sumáronse á ladaíña e sacaron de tesoiras. A cultura e a lingua foron as dúas primeiras vítimas: liñas de axuda que desaparecen, orzamentos que diminúen, medios de comunicación, en galego, que pechan… Neste tempo, a AELG denunciou a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura do noso país que, ao final, acaban por se traducir na destrución de emprego.
Sinalábase antes a importancia do papel da literatura como ferramenta normalizadora. E si, na historia da nosa literatura, a defensa do idioma ocupa, naturalmente, un lugar central. Por iso non podo deixar de pensar que Castelao volvería hoxe falarnos daqueles que pretenden derrubar o Pórtico da Gloria, dos que elevan o inglés á categoría de lingua universal para enviarnos como paquetes teutóns a procurar traballo fóra da nosa terra. E pregúntome, con que argumentos lles explicaría hoxe Sarmiento a idoneidade de que a nosa lingua estea presente nas escolas e sexa a lingua na que os nosos nenos e nenas aprendan a ler e a escribir aos que se empeñan en dicir que o galego non serve para nada e que debemos aprender inglés?
Esta segunda década do segundo milenio ten no seu haber o triste cómputo da perda de espazo para a nosa lingua. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega manifestou no seu día a súa posición contraria ao actual Decreto 79 que modificou o estatus do noso idioma no ensino. Malia a entrega e o traballo de décadas, hoxe reduciuse a súa presenza nos centros escolares por vía normativa, e esta eiva marcará a súa vitalidade entre as xeracións futuras, esas para as que as escritoras e os escritores deixamos as nosas arquitecturas de palabras, empeñados e sermos galegas e galegos.
A pasada fin de semana a asemblea xeral da Federación Galeusca pechou o encontro das tres asociacións de escritores coa lectura do Manifesto da Federación Galeusca 2011 nel recóllese a nosa afirmación de que
“1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, os que usamos como instrumento de creación as nosas linguas… que
2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do “destino histórico” da cultura española.
4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.”
Neste ano 2011 en que se cumpren 100 anos do nacemento de Cunqueiro, cómpre lembrar as palabras de quen, para alén das súas posicións políticas, sempre considerou que a lingua era un deber incuestionábel. Cunqueiro era consciente e declarouno publicamente de que a lingua é fulcral para o futuro dun pobo, porque nela reside a nosa identidade. Por iso quixo que o lembraramos para sempre como quen procurou Mil primaveras máis para a lingua galega.
A poesía, a narrativa e o teatro, están unha vez máis ante a encrucillada. Deséxovos que ao longo destas mesas redondas botedes algo de luz en tan escuros días no camiño de procurarmos outras mil primaveras máis para a lingua galega.

Publicado Castelao e os bascos, versión galega do libro de Iñaki Anasagasti

Editado pola Fundación Moncho Reboiras para o estudo da cuestión social e sindical en Galiza (Fesga), con tradución para o galego e notas de Xurxo Martínez Crespo, xa está dispoñíbel on-line o libro Castelao e os bascos, que Iñaki Anasagasti publicara no 1985, que pode ser descargado libremente aquí.
Castelao e os bascos na súa versión española fora un bestseller en 1985, publicada pola editorial bilbaina Ekin coas súas 607 páxinas, e só ficaban exemplares soltos nalgunhas mans particulares. O traballo de Iñaki Anasagasti chantara un fito senlleiro naquelas datas, pois expoñía, de xeito ameno e divulgador, unhas relacións pouco recoñecidas entre Castelao e os nacionalistas vascos, enxertadas dentro do movimento Galeuzca.” (Do prólogo de Xosé Estévez).

Editado en francés Un ollo de vidro, de Castelao

“Estes días chega ás librerías do mundo francófono, editado en Les Fondeurs de Briques, o libro de Castelao, orixinal de 1922, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete en tradución directamente do galego de Vincent Ozanam: Un oeil de verre. (…) O libro chega ás librerías de Francia coas ilustracións do propio Castelao e que nós tamén publicamos na nosa edición. Máis unha vez, a nosa literatura florece noutras linguas. Unha boa nova para encetar o outono literario.” Vía Galaxia.

Convocado o V Certame Literario Terras de Chamoso

“Por quinto ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:

1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
– CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
– CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
– CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
– POESÍA (de 30 a 60 versos).
– RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 23 de novembro de 2011.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato. Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 17 de decembro de 2011, no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.