O
venres 1 de xullo, ás 20:30 horas, na Mediateca Municipal O Grilo de Cacheiras (Teo), preséntase o libro A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge, publicado en Laiovento, dentro das actividades que A Oliveira de Teo realiza para a recuperación da Memoria Histórica. No acto participará, acompañando ao autor, Francisco Pillado.
Allariz: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro
O
xoves 30 de xuño, ás 20:00 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3) de Allariz, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora.
Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre a desaparición da versión impresa de Galicia Hoxe
(A Coruña. 29 de xuño de 2011). A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta profundamente a desaparición da versión impresa da cabeceira informativa Galicia Hoxe, que confirma a lenta asfixia á que está a ser sometida a cultura galega e o seu idioma, o que, desta volta, se concreta nun medio de comunicación, acalando a súa voz, o que vén restar luz ao discurso plural e en lingua propia de Galicia que a cidadanía precisa e demanda, nun modelo verdadeiramente democrático e respectuoso coa identidade de seu.
En Galicia Hoxe recoñecemos un traballo progresivo e continuado de apoio aos escritores e escritoras en lingua galega, á estrea das súas obras e mais á translación á sociedade da súa actividade cultural, do seu pensamento crítico a respecto das cuestións que afectan á nosa realidade cultural e social. Sobranceamos, en especial, o omnipresente apoio aos novos escritores, sempre necesitados de páxinas que visualicen e reforcen a comunicación entre o oficio da escrita e o lectorado.
Para alén do fundamental valor informativo, negar o necesario e imprescindíbel apoio dos poderes públicos a un medio de comunicación como Galicia Hoxe, é negar a visualización dos escritores e escritoras de noso, creadores de idioma e no idioma propio e oficial por vontade propia e comprometida. Cómpre salientarmos publicacións como Lecer ou Revista das Letras, con vinte anos de existencia fecunda esta última, alicerces sólidos en que chantar a luz dunha nova xeración de creadores, de poetas que estaban inéditos, ademais de contribuír para consolidalos e conseguiren presenza pública.
A desaparición de Vieiros, A Nosa Terra en papel, A Peneira, Gznación, e agora Galicia Hoxe, poñen de manifesto o continuo baleirado de contidos daquelas encomendas do Estatuto de Autonomía que lle dan a súa razón de ser á existencia dun goberno galego, a respecto daquelas funcións de protección e potenciamento do emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, ademais de provocar o acrecentamento do paro dos profesionais da cultura tamén no eido informativo.
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Lugo: presentación do número 26 da revista oral O pazo das musas
O
xoves 30 de xuño, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, preséntase o número 26 de O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), nun acto coordinado por Antonio Reigosa, co seguinte sumario:
– Portada musical. Na Fraga de Merlín, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
– Álvaro Cunqueiro. Louvanza, por Darío Xohán Cabana (10 minutos).
– Poesía de Álvaro Cunqueiro. Díxenlle á rula (Herba aquí ou acolá). Noivado IV (Poema do si e non), por Carlos Vázquez (5 minutos).
– Música. Porta de Oriente, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
– Memoria do Mondoñedo de Álvaro Cunqueiro. O cruceiro do claustro da catedral de Mondoñedo, por Fernando Arribas Arias (10 minutos).
– Historias de Álvaro Cunqueiro. Historias de Os outros feirantes, por Ana Carreira (8 minutos).
– Música. O que Deus mandou (Afonso X, O Sabio), por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
– Álvaro Cunqueiro, gastrónomo. Cunqueiro: o home que sabía o que sabía, por Isidro Novo (5 minutos).
– Poesía de Álvaro Cunqueiro. A dama que ía no branco cabalo e Agora trobo o vento e maila lúa fría (Dona do corpo delgado), por Carlos Vázquez (5 minutos).
– Música. Alalá do Cebreiro, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
– Historias de Álvaro Cunqueiro. Historias de Os outros feirantes, por Ana Carreira (8 minutos).
– Teatro de Álvaro Cunqueiro. Vexo vexo… que ves?, por Paloma Lugilde e Rubén Pérez Pombo (10 minutos).
– Música. Polos teus ollos quen pasou, amiga (Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira), por Pilocha. Músicos: Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich (3 minutos).
– Opinión. Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
– Epílogo. Por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
– Contraportada musical. No niño novo do vento (Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira), por Pilocha. Músicos: Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich (3 minutos).
Crónica posterior en El Progreso.
Guitiriz: curso Paisaxes simbólicas na nosa cultura, na Universidade de Verán 2011, do 20 ao 22 de xullo
O
Curso Paisaxes simbólicas na nosa cultura, da Universidade de Verán 2011 (Universidade de Santiago), desenvolverase do mércores 20 ao venres 22 de xullo, na Casa Habanera (Guitiriz, Lugo), con 22 horas lectivas. O curso está cofinanciado polo Concello de Guitiriz e outras institucións e empresas. O seu director é Roxelio Pérez Moreira e o seu secretario: Francisco Javier López González. Máis información sobre o curso e matrícula (o prazo remata o venres 8 de xullo) aquí.
PROGRAMA
* Mércores 20 de xullo:
– 10:00 h. Recepción e inauguración.
– 11:00 h. Os usos simbólicos da paisaxe: simbolismo existencial, simbolismo cultural. María López Sández, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada.
– 12:45 h. As paisaxes do pan: entre a terra e a mesa. Adolfo García Martínez, profesor de Antropoloxía Social e Cultural. UNED.
– 16:15 h. Imaxe do xardín do Edén nos claustros dos mosteiros galegos. Ana Goy Diz, profesora de Historia da Arte. Universidade de Santiago de Compostela.
– 18:00 h. Viaxe a procura do solpor. Francisco X. Fernández Naval, escritor.
* Xoves 21 de xullo:
– 10:00 h. A casa tradicional: simbolismo e arquitectura popular. Francisco Javier López González, profesor de Enxeñaría Agroforestal. Universidade de Santiago de Compostela.
– 11:15 h. Cruceiros e cruces na paisaxe galega. Fernando Arribas Arias, etnógrafo e investigador do patrimonio cultural.
– 13:00 h. Arqueoloxía e territorio: patrimonio e paisaxe. Felipe Arias Vilas, director do Museo do Castro de Viladonga, arqueólogo e historiador.
– 16:15 h. A paisaxe rural na nosa arte pictórica: realidade e idealización. Roxelio Pérez Moreira, profesor de Patrimonio Natural e Paisaxe. Universidade de Santiago de Compostela.
– 18:00 h. As paisaxes do mar na arte pictórica galega. Xosé Manuel B. López Vázquez, profesor de Historia da Arte. Universidade de Santiago de Compostela.
* Venres 22 de xullo:
– 10:00 h. Bosques simbólicos de Galicia. Manuel Antonio Rodríguez Guitián, botánico e profesor de Produción Vexetal. Universidade de Santiago de Compostela.
– 11:15 h. Da natureza xurdíu o símbolo. Luís Giadás, investigador de simbolismos e rituais na cultura popular.
– 13:00 h. As paisaxes imaxinarias na cultura popular galega. Antonio Reigosa, escritor e investigador da mitoloxía popular e da literatura de tradición oral.
– 16:30 h. Roteiro: paisaxes simbólicas chairegas.
Fran Alonso publica na rede Contesta ou disparo
Nas
palabras do propio Fran Alonso:
“Coa intención de cumprimentar estes 20 anos de escrita pública, que fago entre a publicación de Tráiler (1991) e a de Ninguén (que sairá en setembro 2011), poño a disposición dos meus lectores e lectoras un primeiro libro da miña autoría, en formato e-book, a fin de que poida ser descargado de balde.
Contesta ou disparo, que é o título do libro, pódese descargar en formado pdf ou epub desde este enderezo.
Contesta ou disparo é un libro que contén 34 entrevistas breves, rápidas e de aire frívolo, feitas por min en 1991, desde o Diario 16 de Galicia, a 34 persoas da cultura e da política galega: Isaac Díaz Pardo, O Mago Antón, Mariano Abalo, Julián Hernández, Justo Beramendi, Chano Piñeiro, Manuel Forcadela, Miguelanxo Prado, Alberto González Alegre, Xosé Luís Blanco Campaña, Couceiro, Carlos Casares, Os Diplomáticos de Monte Alto, Alfonso Eiré, Manuel Moldes, Roberto Vidal Bolaño, Luís Mariño, Carlos Mella, Antón Baamonde, Roberto Cordovani, Atilano, Xaquín Marín, Ramón Villares, Xosé Luís Suárez Canal, Margarita Ledo, Manuel Guede, Miguel Cancio, Valentín Carrera, Pemón Bouzas, Suso Costas, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Luma Gómez e Laxeiro.
Contesta ou disparo está editado baixo licencia Creative Commons e acceso libre e é un libro de xornalismo, humilde pero simpático; lixeiro pero que, ao tempo, recupera a memoria de noso; fugaz pero tamén significativo.
Dado que, precisamente hoxe, tamén me fago un ano máis vello, velaí o meu agasallo, para quen desexe lelo.”
Paco Martín: “Levo anos fóra del, pero o ensino é un oficio fascinante”
Entrevista
a Paco Martín en La Voz de Galicia (Lugo):
“- La Voz de Galicia (LVG): -Tendo en conta o dito de que segundas partes non son boas, ¿como lle foi a vostede con Das novas cousas de Ramón Lamote?
– Paco Martín (PM): Pois non me foi nada mal. Iso de que segundas partes non son boas, neste caso non é unha segunda parte, pero tamén temos El Quijote como demostración palpable de que iso é unha falacia, porque a segunda parte é moito mellor que a primeira. A min foime ben, leuse moito e tivo moi boas críticas, tamén en castelán, aínda que supoño que non foi tan rompedor como o primeiro, que abriu un camiño, pero estou satisfeito.
– LVG: ¿Como era a literatura infantil en galego cando comezou a publicar, no 1971, e como é agora?
– PM: Daquela non era. Aínda non era e había que facela, por iso a maioría dos que nos dedicamos a isto somos xente do ensino. Necesitabamos material para traballar cos nosos alumnos e como non o había, tiñámolo que facer nós, e de aí nacemos.
– LVG: Como mestre xubilado, ¿como ve a profesión hoxe?
– PM: Levo un tempo afastado dela, pero sigue sendo un oficio fascinante, que da a oportunidade de traballar con persoas nunha idade na que aínda a sinceridade e as paixóns máis directas están aí fóra e non se preocupan de gardalas, e iso é algo que enche. Agora hai máis medios pero a profesión segue sendo a mesma. (…)”
Pontevedra: presentación da edición especial de Un misterio na mochila de Alba, de Fina Casalderrey
O
xoves 30 de xuño, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do edificio do Café Moderno de Pontevedra (Centro de Maiores Novacaixagalicia), preséntase a edición especial do libro Un misterio na mochila de Alba, de Fina Casalderrey, publicado na Editorial Oxford. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, acompañando á autora, Antonio Ventura, Xosé Cobas, Xabier P. DoCampo (escritor), Ana Isabel Sabarís e Óscar Ibáñez (gaiteiro).
Ourense: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero
O
xoves 30 de xuño, ás 20:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal, 5) de Ourense, preséntase o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participa, acompañando ao autor, Fran Alonso.
Teo: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro
O
mércores 29 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Común dos Tilos (Os Tilos, s/n., detrás da piscina municipal) de Teo, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, acompaña ao autor Martiño Noriega.