Santiago: recital poético e musical A Rebelión da Décima Musa

O domingo 3 de xullo, ás 12:00 horas, na Praza 8 de marzo (porta do camiño) de Santiago de Compostela, terá lugar o IV recital poético e musical A Rebelión da Décima Musa, coa participación de: Ana Romaní, Antía Otero, María Rosendo, Lucía Aldao, Alicia Fernández, Dores Tembrás e as pandereteiras Bouba.

Ribeira: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

O sábado 2 de xullo, ás 19:00 horas, no Ateneo de Ribeira, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco, dentro dos actos de celebración do Día do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual.

Lugo: recital poético na inauguración da exposición Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso

O venres 1 de xullo, a partir das 19:30 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, inaugúrase a exposición Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso. 1903-1936, aberta entre o 1 e o domingo 31 de xullo (co seguinte horario: de luns a venres: de 11 a 14 e 17 a 20 h. e sábados: de 10 a 14 h., domingos e festivos, pechado). Como parte da inauguración terá lugar un recital poético a cargo de Carme Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Marica Campo e Isidro Novo.

Vigo: actividades do sábado 2 e domingo 3 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do sábado 2 son as seguintes:
20:30 h. Presentación do libro infantil Alba, a princesa das sete coroas, de Amalia Pérez Otero, con ilustracións de Nieves González Pardo, publicado por Ir Indo Edicións. Xunto coa autora, participará no acto Xelasio Suárez Santiso, director da editorial. Ao remate, a escritora asinará exemplares do seu libro.

E as do domingo 3 son estas:
19:00 h. Presentación do libro infantil O camiño dos druídas, de Xosé Lois Ripalda, publicado por Ir Indo Edicións. Xunto co autor, participará no acto Xelasio Suárez Santiso, director da editorial. Ao remate, o autor asinará exemplares do libro.
20:00 h. Presentación do libro Guía didáctica dos instrumentos galegos, de Moisés Quintas, publicada por Ouvirmos. Xunto co autor, participará no acto o mestre artesán Antón Corral e José M. Aldea, en representación da editorial.
21:00 h. O humor na Feira do libro. Cunqueiradas, divertido monólogo do actor e autor Cándido Pazó, baseado en textos de Álvaro Cunqueiro.

Samuel L. París: “Mensaxe a todas e todos os creadores: deixade o das videocreacións, non funcionan”

“Samuel L. París nace no 1984 en Muros. Publica Manual da destrución no 2008 no netlabel A Regueifa. Licenciado con deshonra en Filoloxía Galega e Filoloxía Hispánica pola sacrosanta UDC, unha vez rematada a súa etapa académica, pasa dous anos en Langangen (Noruega) traballando nunha pequena libraría-mercería e escribindo para dous xornais dos que nunca veu un peso. Hoxe en día reside en Compostela, aínda que iso non importe en termos evolutivos. Membro do proxecto Tinta de Lura, blogueiro desde tempos inmemoriais, baixista da Terbutalina e defensa central sachador en paro biolóxico.” Entrevista en Letra en Obras.

Carril: presentación de Tamén navegar

O sábado 2 de xullo, ás 19:00 h., dentro do X Encontro de Embarcacións Tradicionais en Carril, preséntase o poemario Tamén navegar, antoloxía de poesía galega dedicada á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, en edición a cargo de Francisco X. Fernández Naval, e publicado en Toxosoutos. Ao rematar o acto haberá un recital poético no que intervirán Marta Dacosta, Miro Villar, Ramón Caride, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Henrique Rivadulla Corcón, Carlos Arias e Cesáreo Sánchez.

A Coruña: Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais de 1861

O sábado 2 de xullo, na Fachada do Teatro Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura promoven Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais da Coruña de 1861, co seguinte programa (Xogos Florais 1861-2011 Unha estrela no ceo de Galicia):
13:00 h. Abre o acto un baile de Nova Galega de Danza.
13:05 h. Saúdo e presentación do acto polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo.
13:10 h. Lectura dalgúns poemas galegos do Álbum de la Caridad, publicado un ano despois dos Xogos Florais de 1861. Coa intervención de: Consuelo Bautista, xornalista de Radio Coruña; Manuel Gallego, arquitecto; Begoña Varela Bárcena, libreira de Nova Colón; Gonzalo de la Huerga, conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; Marisol López Facal, médica; Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña; Luísa Merelas, actriz; Roberto Pérez Vila, presidente do comité de empresa de Zara Loxística; Laura Gayoso, sumiller e restauradora; Ánxel Vázquez de la Cruz, médico; e Charo Soto Arias, vicedirectora do IES Eusebio da Guarda.
13:25 h. A presidenta da Asociación de Compositores de Galicia Margarita Viso Soto interpreta ao piano a muiñeira de Canuto Berea, peza que se escoitou nos Xogos Florais de 1861.
13:30 h. Discurso do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.
13:40 h. Desde a Serra de Outes, terra natal do poeta Francisco Añón, galardoado nestes Xogos Florais, traen unha ofrenda vexetal para os promotores e organizadores dos Xogos. O secretario da Asociación cívico-cultural Terra de Outes, Ramón Blanco, fai entrega dun carballo ao presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e dun loureiro á descendente dos irmáns de la Iglesia, María Rosa Saurín de la Iglesia.
13:45 h. Pecha o acto a Banda Municipal de Outes coa interpretación do Himno galego.

Marga do Val: “Sen lingua, somos seres sen patria”

Entrevista a Marga do Val en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): A patria é a lingua?
– Marga do Val (MdV): Si, sen ningunha dúbida. A lingua é a pel coa que crecemos. A patria vai connosco a todas partes: corpo/ casa no corpo/ espazo portátil. A patria de Thomas Mann vive na Montaña Máxica, é a Montaña Máxica. É a lingua. Tamén era así para Lois Tobío, e é así para min. A súa liberdade está na miña liberdade. Os e as sen lingua son seres despatriados. E iso é o que pretenden facer, “despatriarnos”, atentar contra a nosa verdadeira identidade. Esta é unha das armas e trampas do fascismo: desposuírnos da lingua, da patria. Por iso no exilio podemos seguir tendo a patria, como Mann ou como Tobío. A lingua é refuxio e esperanza de liberdade mesmo nos campos de concentración nazis, como lle acontece ao protagonista de A lingua secreta, a impecábel novela de Xesús González Gómez. (…)
– ANT: Vostede traduciu a novela da Premio Nobel Herta Müller Randea do alento, publicado por Xerais, e o libro no dicir da crítica respira en galego. A AELG premiouna como a mellor tradución do ano.
– MdV: Traducir esta magnífica novela de Müller foi un agasallo do que aprendín moito. Un traballo intenso no que me peguei moito ao texto e no que pretendín ser leal e fiel á escrita e as intencións da autora. De Müller e da súa escrita gústame a súa reflexión sobre a linguaxe que se pode ler nalgúns dos seus ensaios, na súa narrativa ou na poesía, está reflexión materialízase e Randea do alento é un libro sobre a fame que habita nas palabras coas que hai que sobrevivir nun campo de traballo e despois do campo. Herta aprendeu ben cedo que “a memoria pode desaparecer, a verdade nunca”. O que non pode dicirse pode escribirse e así se enfrontou a esta historia de silencios, nun tempo non que non se podía falar do pasado fascista de Romanía. Do poeta Oskar Pastior, cuxa morte impediu a escrita conxunta desta historia, recibiu a súa experiencia no campo e entre outras múltiplas imaxes a palabra alemá Atemschaukel, que elixiu para título. Por lealdade, a tradución debía manter ese título que é literalmente Randea do alento. Moitas imaxes vangardistas creadas por Oskar e por Müller debían respirar en galego coa ruptura e a forza coa que naceran en alemán, así a cara de lebre que vai aparecendo na cara cando se adoece de fame, no tempo da pel nos ósos, debe permitirnos ouvir en galego lebreouhdor, como un berro múltiplo e coral. Na tradución había que ser leal á escrita, ás imaxes, á lingua de exilio de Müller e da colectividade alemá que vive en Romanía, con palabras nacidas e crecidas nesa colectividade. Mais tamén cumpría ser leal á lingua dos maiores que herdamos e aquí é onde me permitín como licenza algunhas “desviacións da norma”, e fun para o val da Louriña e o Baixo Miño, en moitos aspectos léxicos mais tamén me deixei contaminar en homenaxe á literatura galega por herbiñas doutros libros. O alemán de Müller paréceme moi galego e a fome do libro era moi semellante á que me contara un vello veciño que andara pola neve de lonxe coa División Azul, algo sobre o que estou escribindo e que tamén é unha especie de tabú.”

Vigo: comeza a Feira do Libro 2011

Comeza a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do venres 1 son as seguintes:
19:30 h. Pregón da Feira, a cargo de Iolanda Zúñiga.
20:30 h. Presentación de Cociñando ao pé da letra, publicado en Galaxia, coa participación de Xosé María Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey, Yolanda Castaño, Francisco Castro e Andrea Costas.

Vigo: segunda sesión de Merendacea, Poesía para devorar

O venres 1 de xullo, a partir das 20:30 horas, no Museo Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, terá lugar a segunda sesión de Merendacea, Poesía para devorar, unha creación dos Poetas da Hostia en Verso producida polo Verbum. Trátase dun espectáculo de variedades poéticas creado colectivamente por unha serie de artistas que procuran explorar novos camiños para a lírica. Neses camiños cabe a videocreación, a música en directo, a danza, o teatro, a pintura e mesmo o humor, elementos que se poderán ver nos pequenos números que compoñen esta segunda merendola lírica. Desta ocasión, os versos correrán por conta de Lara do Ar, Daniel Landesa (que une os seus esforzos ao músico Mr. Carácter), Ledicia Costas, quen contará colaboración de Nuria Carballido, Estíbaliz Espinosa, Elvira Riveiro, Xabier Xil Xardón, Lucía Aldao, María Lado, Xosé Manuel Esperante e Nolim González, que virá acompañado de Dj. Cocón. A pintora e deseñadora María Longa é, desta volta, a autora dos obxectos poéticos que se sortearán entre os asistentes e a artista Nela Quesada participará cunha intervención en directo. Os espontáneos e insuperables Carlos Castro e David Santos porán cordura e música en directo. A tralla e a arroutada tráea o atlántico Xurxo Souto, que fará as veces de presentador e mestre de cerimonias.