Rosalía Fernández Rial gaña o VII Premio Vidal Bolaño 2024

Desde Galaxia:
Rosalía Fernández Rial gaña o VII Premio Vidal Bolaño 2024 pola súa obra Fóra de campo.
Reunido o Xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, composto por José Luís Baños de Cos, dramaturgo; Ana San Fernando, actriz; Delio García Represas, profesor e coordinador dos Contratos programa de Teatro do IES Ribeira do Louro; e Raquel Castro Martínez, como secretaria do xurado; hoxe, xoves 16 de maio, na sede da Editorial Galaxia decide, por unanimidade declarar gañadora desta VII edición a obra Fóra de campo, que unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Rosalía Fernández Rial.
O xurado destaca da peza a súa temática acaída ao premio porque tata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade. Destacan tamén valores como a sororidade e a detección precoz do acoso.
Todo isto é transmitido a través dunha linguaxe actual e axeitada ao público ao que vai dirixida.
O venres 24 de maio, celebrarase, ás 19 h, no IES Ribeira do Louro a entrega do premio.
Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”

Lugo: actividades do 17 de maio na Feira do Libro 2024

A Coruña: “Luísa Villalta na lembranza”

O xoves 16 de maio, véspera do Día das Letras galegas, ás 19:00 h., na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, realizarase un acto de homenaxe e recoñecemento á autora homenaxeada neste 2024 Luísa Villalta na lembranza. Serán tres amigas as que repasarán a vida e a obra de Luísa: Ana Pillado, Marga do Val e Pilar García Negro.
Tres compañeiras de vida de distintas xeracións: a alumna, Ana Pillado, na casa de seus pais Pancho Pillado e Noli, Luísa recitou, tocou o violino e recibiu o empuxe para comezar a publicar; Marga do Val, a compañeira de xeración, amigas, xuntas nas páxinas de A Nosa Terra e na defensa do país, e a amiga Pilar García Negro, a primeira lectora de moitas obras de Luísa.
Este encontro terá unha duración de 1 hora. E as persoas que nos acompañedes levaredes de agasallo unha copia do poema manuscrito que Luísa escribiu en homenaxe a Alexandre Bóveda.
As persoas interesadas en asistir pode anotarse aquí.