Lugo: presentación de A historia de España baseouse en falacias, de Francisco Calo Lourido
A Coruña: palestra “Cultura e emigração galega em Portugal”, por Carlos Pazos-Justo
Carme Adán: “Entendemos o pensamento de Rosalía porque somos quen de ver onde se xera a inxustiza”
Entrevista de Laura Veiga a Carme Adán en Nós Diario (foto desde a Wikipedia):
“- Nós Diario (ND): Que quería transmitir co manifesto do Día de Rosalía?
– Carme Adán (CA): Foi unha proposta que me fixeron desde a AELG e que aceptei a pesar de que me parece dunha responsabilidade enorme. Que podo dicir eu de Rosalía que non estea dito? Porque eu nin son especialista nela nin son escritora.
Quixen falar da dimensión de Rosalía como pensadora porque é algo que nos serve no presente. É dicir, ante que inxustizas estamos, por que non escoitamos os berros da xente que sofre ou os nosos propios, como nos absorbe o mundo tecnolóxico até o punto de non permitirnos compartir…
Isto era o que quería pór enriba da mesa, especialmente de cara á mocidade porque este manifesto se vai ler fundamentalmente nos centros educativos. Parecíame que reflexionar desde o mundo no que estamos a través de Rosalía podía ser algo que lles achegase.
– ND: Cre que están aumentando as desigualdades?
– CA: É unha pregunta complexa. Acrecentan as desigualdades económicas? Todo apunta a que si, porque a concentración de capital en mans duns poucos é cada vez maior e só hai que mirar as ganancias da banda nestes momentos e as dificultades das persoas para pagar as súas hipotecas.
Por outra parte, tamén é certo que avanzamos na igualdade entre homes e mulleres, se ben todo apunta a que o machismo está a alza. Temos máis conciencia de que as persoas migran? Si, mais ao mesmo tempo deixámolas morrer sen case deternos a pensar en Melilla ou no Mediterráneo. Como se iso non fose con nós. Importounos moito a guerra de Ucraína hai un ano, mais que espazo informativo ocupa hoxe?
Vivimos nun mundo cheo de contradicións escoitando só aquilo que parece que nos afecta directamente. E iso que nos afecta dura moi pouco nas cabeceiras porque constantemente hai noticias novas. A lectura de Rosalía obríganos a deternos e pensar: por que sempre existen persoas que non son escoitadas? Quen son as persoas que non son escoitadas? Pobres, mulleres, persoas fóra das nosas fronteiras ou da nosa pantalla do ordenador, as que non teñen móbil, das que non fala o youtuber de moda.
Rosalía ten sempre esa dimensión aberta para unha nova lectura que fagamos do seu pensamento porque é este o que alimenta a súa poesía e os seus versos.
– ND: Ese pensamento propio e crítico é ao que fai referencia no manifesto.
– CA: Penso que un escritor ou unha escritora, para que se considere un clásico, debe apelar a algo no que nos poidamos sentir reflectidas.
Cando Rosalía fala da xustiza e da inxustiza, da lingua galega ou das mulleres, está apelando a nosa comprensión sobre iso, non soamente como algo antropolóxico ou histórico dese momento, senón tamén da nosa realidade. Entendémolo porque somos quen de ver onde se xera a inxustiza.
Cando ela se reivindica como unha muller que pensa libre é unha forma de posicionarse. O pensamento crítico é algo que utilizamos como unha frase feita, por exemplo no ensino, mais realmente non o fomentamos. Diría que inclusive o desprezamos.
A potencialidade de Rosalía, entre moitas outras cousas, está nesa defensa do ser fiel ao que se pensa e desas ideas que van contracorrente. Unha cousa que me dá medo é que entendamos por pensamento dicir o que nos dea a gana, fomentando o odio e o rexeitamento ao outro, en lugar de promover o respecto e a comprensión. O pensamento propio non é para botar por fóra, é unha reflexión a respecto de como nós nos situamos no mundo e intentamos vivir en sociedade.
– ND: Nese sentido, que destacaría do Día de Rosalía?
– CA: Creo que é moi importante celebrar o Día de Rosalía, animar a que a xente a lea desde si, porque podemos sacar lecturas propias e diferentes do que outras persoas nos contan sobre o seu discurso. Esa é a mellor proposta que podemos facer polo seu día: deixarse levar pola lectura de calquera dos seus textos.”
Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2023, no Panteón de Galegos Ilustres
O acto central do Día de Rosalía de Castro terá lugar o sábado 25 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela.
Este é o programa:
– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Lectura do Manifesto da AELG, pola súa autora, Carme Adán.
– Lectura de poemas rosalianos:
Xosé Ramón Fernández Vázquez (A. C. Solfa)
Susana Peleteiro (Asociación do Traxe Galego)
Xosé Manuel Carril (Federación Galiza Cultura)
Pilar Lueiro García (A. C. O Galo)
Eli Ríos (Comadres das Letras)
María Álvarez Landesa (Comadres das Letras)
Eva Teixeiro (Comadres das Letras)
Carmen Villar (Comadres das Letras)
Susana Méndez Rodríguez (CIG)
Beatriz Maceda Abeleira (AELG)
Anxo Angueira (Fundación Rosalía)
– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
– Ofrenda floral.
– Interpretación do Himno Galego polas persoas asistentes.
Gres, Vila de Cruces: Encontros literarios en Gres, con Carlos Labraña
Barcelona: presentación de Unha cunca de caldo quente, de Xosé Lois García
Sada: presentación de Os derradeiros días de Ulises e Penélope, de Rubén Anido Regueiro
Fina Casalderrey, proposta para o Premio Hans Christian Andersen, o ‘Nobel’ da literatura infantil
Desde Pontevedra Viva:
“A escritora pontevedresa Fina Casalderrey é, desde hai anos, unha das grandes referencias da literatura infantil española. Por iso é polo que non sexa de estrañar que fora proposta para gañar o Premio Hans Christian Andersen, coñecido como o ‘Nobel’ da literatura infantil.
Así o acordou a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte e da Xunta de Galicia.
O Premio Hans Christian Andersen é o máis alto recoñecemento internacional que se concede a un autor vivo neste xénero.
O galardón concédeo a Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) desde o ano 1956 a partir das propostas que realizan as propias seccións nacionais.
O fallo do xurado farase público na Feira do Libro Infantil de Bolonia en 2024.
A entrega dos premios realizarase no marco do 39 Congreso Internacional de IBBY, que se celebrará en Trieste (Italia) do 30 de agosto ao 1 de setembro de 2024.
Xunto a Fina Casalderrey, a sección española desta organización propuxo para o Premio Hans Christian Andersen á ilustradora vasca Elena Odriozola para a categoría de ilustración.
O xurado internacional que elixirá á persoa que recibirá este premio está integrado por profesionais do sector chegados desde Rusia, México, Estados Unidos, Austria, Arxentina, Líbano, Alemaña, Finlandia, China, Eslovenia e Francia.”