“Decálogo da novela”, por Alberto Lema

Desde Euseino? (Foto: Cidadá a loitar cunha nevarada mentres anda por Manhattan, Nova York, o 10 de febreiro de 1969. Fotografía tirada durante o traxecto dun funcionario do Servizo Meteorolóxico Nacional (EUA) en obrigas oficiais):
“Realidade, ficción, mentira, verdade. Contra o que dicía o filósofo de Friburgo, cómpre saír da casa, non quedar no limiar. Eis a función da novela segundo Alberto Lema. A linguaxe que nos pode facer libres non está dentro, se cadra está fóra. O ser humano ten que saír fóra da protección da linguaxe, saír á realidade. O autor de Pazo de inverno faino. Mesmo se arrisca a andar no medio da tempestade, do ruído e a furia dos que lle negan á literatura a súa potencia. Pois, ¿paga a pena tentar comprender algo se non o comprendemos todo? Debrúzase así un cacho de realidade coa que batemos: ¿filosofía do encontro? Precisamos unha novela para a xente que está viva, para tropezar con ela, mancarnos e sandar. Para andar pola nevarada, pola treboada que toda literatura de seu é.
Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

¿Escribir desde fóra?
1) Les mots. As imaxes abáfannos. Son tantas, que a súa multitude gratuíta non pode ser banal: agochan un plan secreto contra nós. Acadar a beleza das palabras esíxenos un esforzo. A ese tránsito chamóuselle durante séculos cultura e ten as chaves da nosa servidume e, por tanto, da nosa liberdade. As imaxes non liberan. Asombran e fan ruído. Se somos humanidade é por obra e graza da linguaxe, e a lingua sempre conta algo. A paciencia de contar chámase literatura.
2) Anxo exterminador. Á narrativa contemporánea non lle gusta saír da casa e quen le sempre acaba sentando no sofá do salón de quen escribe. Demasiada confianza. Fóra vai frío, chove, quenta o sol de máis. Acontecen traxedias. Para que imos abrir esa porta? Ese medo ao exterior, á desorde do real, convídanos a exploralo. A novela faise fóra e quen escribe pregunta polo nome das cousas que ten a man. Fai visible o visible. (…)”

Crónica fotográfica do Roteiro pola Coruña no centenario de María Casares, por Arancha Estévez

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro pola Coruña no centenario de María Casares con Arancha Estévez, celebrado o pasado 29 de outubro. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí.

Eduardo Estévez: “Na poesía hai que deixar espazos, o lector ten que atopar o seu propio abandono”

Entrevista a Eduardo Estévez na Televisión de Galicia:
“Veu unha pandemia e baleirou o mundo, pero a Venecia abandonada do poeta Eduardo Estevez non é unha cidade con xente pechada na casa, senón unha cidade en que os habitantes decidiron marchar. Falamos co autor deste poemario que acaba de publicar Positivas. A entrevista pode verse aquí.”