Bases do Concurso Nacional de Poesía da A. C. O Facho 2022

“A Agrupaçom Cultural O FACHO convoca o Concurso de Poesia 2022, que se regerá polas seguintes bases:

1º) Ao prémio de poesia d’O Facho poderám concorrer qualquer pessoa até os 35 anos de idade e sempre que nom tenha publicado nengum livro individual de poesia e a obra seja inédita e nom ter sido premiada com anterioridade em qualquer outro concurso ou certame.
A obra presentada deve estar escrita em língua galega em qualquer das três normas ortográficas (AGAL, PADROM, RAG) e com um máximo de umha obra por autor. É responsabilidade do júri do prémio determinar se algum dos trabalhos apresentados possui ou nom as características para ser considerado “livro”. Porém, recomenda-se que tenham umha extensom mínima de 300 versos.
2º) Os originais para o Concurso enviaram-se por triplicado devidamente encadernados, em formato DIN A4, a dobre espaço e mecanografados por umha soa cara ao Apartado de correios, 1320; ou também à Caixa de Correios n.º 46, Oficina Principal d’A Corunha. Apresentarám-se sob um lema, que figurará na portada dos textos enviados, e virám acompanhados de um envelope fechado que contenha no exterior o lema da obra e, no interior, o nome, apelidos e telefone do autor ou autora.
3º) Estabelece-se como prémio único a ediçom pola Editorial Medulia da obra premiada. O Facho fará a entrega ao/à autor/a de 15 exemplares.
4º) O prazo de admissom de originais finda o dia 15 de Abril do 2022 às doze da noite. O falho do prémio fará-se público no mês de Maio.
5º) Os ganhadores serám elegidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O FACHO. O mesmo estará composto por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito da escrita literária, da ediçom ou da crítica.
6º) O júri poderá declarar deserto o prémio do concurso e resolvera aquelas situaçons que se pressentem e que nom esteiam contempladas nestas bases, assim como as duvidas que podam existir na sua interpretaçom. Assim mesmo, o júri escolherá de entre os trabalhos apresentados um único libro. Ademais, poderá deixar constância na acta outros títulos que considere merecedores de ser publicados, nom significando isto nengum compromisso por parte d’O Facho. Nom se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos livros mencionados.
7º) O Facho disporia do prazo de um ano para editar o livro. Transcorrido esse tempo, o autor ou autora poderá dispor da obra com a única condiçom de que deverá deixar constância do galardom em sucessivas ediçons do livro.
8º) A participaçom neste Certame implica assumir as bases do mesmo.
9º) Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, no lugar concordado, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom. No caso de que o autor o autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
10º) Esta convocatória entrará em vigor ao dia seguinte da sua publicaçom nos médios.

Na Corunha, 12 de Janeiro 2022
Agrupaçom Cultural O Facho”

Concurso de Teatro Infantil 2022 da A. C. O Facho

“Assumindo como próprias as palavras de Juan Ramón Jiménez quando afirmava que “Teatro infantil é aquele que também lhe gosta aos nenos”, a Agrupaçom Cultural O FACHO acordou convocar o Concurso de Teatro Infantil 2022, que se regerá polas seguintes bases:

1º) Poderám optar ao devandito prémio qualquer pessoa, sem restriçom, sempre que a obra seja inédita e redigida em língua galega -em qualquer norma ortográfica (AGAL, PADROM, RAG)-, nom representadas, nem premiadas noutros certames.
2º) Estabelece-se como prémio único de 450 € e umha biblioteca de livros de teatro.
3º) A obra, que nom poderá exceder os 80 fólios, será apresentada por triplicado, em formato DIN A4, a dobre espaço e mecanografados por umha soa cara.
4º) Os originais para o Concurso enviaram-se por correio à Caixa de Correios n.º 46, Oficina Principal d’A Corunha. Apresentaram-se sob um lema, que figurará na portada dos textos enviados, e virám acompanhados de um envelope fechado que contenha no exterior o lema da obra e, no interior, o nome, apelidos, correio electrónico e telefone do autor ou autora.
5º) O prazo de admissom de originais finda o dia 15 de Abril do 2022 às doze da noite. O falho do prémio fará-se público no mês de Maio.
6º) Os ganhadores serám elegidos por um júri nomeado pola Agrupaçom Cultural O FACHO. O mesmo está composto por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego.
7º) O júri poderá declarar deserto o prémio do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se apresentem e que nom estejam contempladas nestas bases, assim como as dúvidas que podam existir na sua interpretaçom.
8º) A participaçom neste Certame implica assumir as bases do mesmo.
9º) Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom. No caso de que o autor o autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
Esta convocatória entrará em vigor ao dia seguinte da sua publicaçom nos médios.

Agrupaçom Cultural O Facho
A Crunha, 12 Janeiro 2022

Compostela: visita guiada á exposición Ánxel Casal, 125 anos con Nós, o 2 de febreiro

“Cómpre anotarse previamente en comunicacion@ogalo.gal indicando nome, apelidos e teléfono, antes das 12:00 horas do martes, día 01.02.2022.
Posteriormente á admisión, que será comunicada por correo electrónico, media hora antes do comezo deste acto é preciso recoller a entrada no mostrador da Biblioteca Ánxel Casal.”

A abertura da boca, de Carlos Callón, en Nós Televisión

Desde Nós Televisión:
“O título do último poemario de Carlos Callón remite a un rito do antigo Exipto, o uep-rá, no que as momias recuperaban as funcións de alimentarse, respirar e volver á vida. Esta historia, sérvelle ao autor de metáfora para expresar o valor que a escrita poética ten para transitar a dor. A entrevista pode verse aquí.”

A Coruña: presentación de Acoso e demolición do sistema público de ensino, de Xosé Ramón Branco Buxán

O 31 de xaneiro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o libro Acoso e demolición do sistema público de ensino. Covid-19: causa ou escusa?, de Xosé Ramón Branco Buxán, publicado por Laiovento. No acto participará, ademáis do autor, o exreitor da UDC Xosé Luís Armesto. As persoas interesadas deben inscribirse previamente aquí.

Henrique Monteagudo: “A situación e evolución sociolingüísticas do galego a partir de 1975 non poden ser entendidas sen a pesada herdanza recibida”

Desde a Real Academia Galega:
“En 1938, Franco afirmaba que na nova España totalitaria se imporía “una unidad nacional, que la queremos absoluta, con una sola lengua, el castellano, y una sola personalidad, la española”. Tras a caída de Cataluña, La Vanguardia publicaba un editorial titulado “Hablar como Franco”, unha consigna repetida ao longo das vindeiras décadas que sintetiza a política lingüística e cultural represiva da ditadura. “Estaba inspirada nun nacionalismo español excluínte e brutalmente autoritario, o cal significaba non só a imposición do español como a única lingua oficial do Estado e do sistema educativo, senón a expulsión dos idiomas propios das nacións periféricas da vida pública e un control estrito sobre o seu cultivo”, expresa Henrique Monteagudo n’O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización (Galaxia, 2021). O académico afonda no que é o seu último libro na historia social da lingua galega durante o período franquista, analizando con detalle a súa marxinación sistemática e mais a resistencia galeguista dirixida a constituír un sistema cultural autónomo co idioma como o elemento definidor.
O coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da Real Academia Galega presentou en rolda de prensa o seu novo traballo, continuación da Historia social da lingua galega (1999), acompañado do presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e a secretaria, Margarita Ledo Andión, e mais o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. “O profesor Monteagudo leva anos dedicado ao estudo social da lingua, tanto na realidade presente como na súa dimensión histórica. Hoxe é unha primeira autoridade do tema. Este libro é unha crónica necesaria dos esforzos da sociedade galega, mesmo que fosen algunhas minorías, para a recuperación da dignidade do idioma en tempos moi adversos”, salientou o presidente. O volume, engadiu Margarita Ledo, “constrúese, dende a fasquía sociopolítica da lingua, unha nova xenealoxía que nos explica o pasado do presente e nos dá puntos a reflectir sobre un porvir que vai reclamar, coma na ditadura, a toma de posición persoal”. A obra marca “un antes e un despois” para calquera que queira achegarse a “un estudo rigoroso” do período abordado, engade Francisco Castro, que destaca tamén o pulso narrativo dun relato que deixa moi ben documentado todo o traballo “lingüicida” do franquismo.
As dinámicas de substitución do galego instauradas no século XIX e intensificadas nas primeiras décadas do XX “foron extraordinariamente potenciadas pola ditadura franquista, cuns resultados desastrosos no curto e no medio prazo”, recorda Henrique Monteagudo. “A situación e evolución sociolingüísticas do galego a partir de 1975 non poden ser entendidas sen facer referencia á pesada herdanza recibida”, advirte.
Un dos elementos que xogou a favor da castelanización foi a progresiva extensión do aparato educativo, que ao longo do século XX foi avanzando ata abranguer o conxunto da poboación galega en idade escolar. Os medios de comunicación foron outro axente castelanizador de crecente influencia xa que, salvo moi escasas excepcións, excluíron por completo a lingua propia de Galicia. A persecución lingüística dos golpistas levou mesmo a prohibir o uso de calquera idioma que non fose o castelán en marcas, nomes comerciais, rótulos de bares ou tendas e nas proxeccións cinematográficas, ademais de impedir a escolla dos chamados “dialectos” para darlles nome aos fillos e fillas ou redactar calquera tipo documento oficial, lembra o autor entre outros exemplos. (…)”