O 29 de decembro, ás 19:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase [círculo_dentro_do_círculo], de Inma Doval Porto, con colaxes de Emma Pedreira, autoras que guiarán o acto. O libro está publicado pola editora galego-luso-brasileira Urutau. As colaxes de Emma Pedreira estarán expostas no local da Asociación e a mostra poderá visitarse até o 20 de xaneiro. As persoas interesadas poden inscribirse reservando praza enviando un correo electrónico a acab@mundo-r.com
Fina Casalderrey: “Foi Mozart quen me escolleu a min para que contase esta historia”
A AGAL honra José Luís Rodríguez, Montero Santalha e Alonso Estravis
Desde Nós Diario:
“A Associaçom Galega da Língua (AGAL) nomeou en asemblea este domingo 19 de decembro como socios de honra os profesores José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis, fundadores e aínda membros activos da AGAL.
Pola mañá inaugurouse na presenza de representantes de diferentes colectivos e institucións unha placa conmemorativa para lembrar o acto fundacional cos nomes das 40 persoas que promoveron en 1981 a entidade. Foi no mesmo lugar en que naceu a AGAL hai catro décadas: o Centro Don Bosco de Santiago de Compostela. Alí se realizou en 1981 a primeira asemblea da Associaçom. Naquela data, sinala a entidade nun comunicado, 50 persoas botaban a andar un proxecto chamado a mudar o rumbo da lingua no que supuxo o comezo do movemento reintegracionista moderno e do desenvolvemento sistemático desta escrita.
Aliás, no interior do recinto enterraron unha cápsula do tempo con as avaliacións das persoas participantes sobre a situación actual da lingua galega e mais unha previsión da mesma en 2081. Ese é o ano no que se prevé abrir esta cápsula, a coincidir co centenario da AGAL. O contedor acolle así textos inéditos que só se darán a coñecer dentro de 60 anos.
A xornada continuou cun xantar en que interviron diferentes socias e socios fundadores para lembrar aquel momento fundacional e recoñecer o traballo de toda unha vida desenvolvido por José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis no seo do reintegracionismo. O proceso de fundación da AGAL foi impulsionado por un numeroso grupo de persoas, moitas delas discípulas de Ricardo Carvalho Calero. Xavier Alcalá, José Luís Rodrigues, Aracéli Herrero, Xosé Ramón Pena, José Martinho Montero Santalha, Maria do Carmo Henríquez Salido, Joám Trilho, X. Rodríguez Baixeras, António Gil, José Maria Monterroso Devesa, Joám Carlos Rábade Castinheira, Joaquim Campo Freire ou Manuel Miragaia Doldám aparecen como algúns dos nomes máis destacados daquel proceso, sinala a AGAL nun comunicado enviado aos medios.
Destacan desde a entidade que, “aínda que algúns deles se desvincularon do colectivo co tempo, sorprende como, logo de 40 anos de traxectoria, moitos continúan vencellados ao proxecto e á causa lusista, ademais de ser fundamentais no desenvolvemento doutros proxectos do movemento reintegracionista”.”
Acta da reunión do xurado do XV Certame Literario Terras de Chamoso
Desde a Asociación Cultural Arumes do Corgo:
“Sendo as 19:30 h do día 13 de decembro de 2021, na localidade do Corgo, reúnense os membros do xurado para fallaren os premios da XV edición do certame literario Terras de Chamoso, convocado pola Asociación Cultural Arumes do Corgo, do que forman parte:
D. Xurxo Xosé Rodríguez Lozano
D. Xosé Manuel Castro Castedo
Dna. Beatriz López Dorado
Dna. Ana Vila Portomeñe
Dna. Chelo Vázquez Castro
Exercendo de secretario do xurado, sen voto, o secretario da A. C. Arumes do Corgo, D. Mario Outeiro Iglesias.
Logo das deliberacións pertinentes e das votacións oportunas, os membros do xurado conclúen declarar premiados na XV edición do certame literario Terras de Chamoso como segue:
CATEGORÍA: INFANTIL
Modalidade: poesía
1º premio: Daniel Rielo Rodríguez, de Barredo (Castroverde), pola obra “O inverno galego”.
2º premio: Ceibe Gil Fernández-Coronado, de Outeiro (Castroverde), pola obra “A mensaxe”.
Modalidade: relato
1º premio: Abel Fernández Brea, de Valdriz (Láncara), pola obra “A Santa Compaña”.
2º premio: Noa García Valín, da Pobra de San Xiao (Láncara), pola obra “A matanza”.
Premio “A Legua Dereita”: Joel Barrio Rodríguez, de Maceda (O Corgo), pola obra “A vida rural”.
CATEGORÍA: XUVENIL
Modalidade: poesía
1º premio: deserto.
2º premio: deserto.
Modalidade: relato
1º premio: Deserto.
2º premio: Deserto.
CATEGORÍA: ADULTOS
Modalidade: poesía
1º premio: Néstor Bacelar Domínguez, de Vigo, pola obra “Arden as flores en outono”.
2º premio: Carlos Neira Suárez, da Coruña, pola obra “A gadaña de Maruxa”.
Modalidade: relato
1º premio: Moncho Iglesias Míguez, de Vigo, pola obra “O Moisés”.
2º premio: Francisco Javier Fernández Davila, de Nigrán (Pontevedra), pola obra “Rexina”.
Os membros do xurado agradecen a colaboración de Dna. Ainhoa Sancosmed López pola axuda prestada para a elección do Premio A Legua Dereita e de D. Manuel Fernández López polo seu asesoramento nas categorías infantil e xuvenil.
E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión, cando son as 21:00 h do día 13 de decembro de 2021.”
Compostela: presentación de A abertura da boca, de Carlos Callón
O XX Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos xa ten un gañador: Francisco Rozados Rivas
O 22 de decembro, a Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos” acolleu o fallo do XX Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. O xurado, por unanimidade, outorgou o premio á obra Niscoventa, de Francisco Rozados Rivas. O xurado estaba integrado por: Santiago Freire Abeijón, Xavier Castro Rodríguez; Antonio Piñeiro, Pedro García Vidal, Xerardo Agrafoxo Pérez e Concepción Allut, en calidade de secretaria.
Emma Pedreira: “As autoras aparecen cando deixamos de pensar que os homes o fan todo mellor”
Entrevista de María Solar a Emma Pedreira no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Cando unha editora lle encargou a Emma Pedreira facer unha biografía bibliográfica, porque sabía da súa adicción por devorar libros, ela devolveulle xusto iso: un percorrido vital pola súa relación cos libros como memoria persoal, dos seus libros lidos e recordados, odiados ou amados, pero tamén un pachwork de personaxes e recordos vitais que saca tirando do fío dos libros. A entrevista pode verse aquí.”
Vídeo da presentación do caderno Vivas e Libres en Vigo
Lalín: presentación de O ladrón de paraugas, de Xosé Lueiro
Un artigo de Míriam Ferradáns publicado en Nós Diario, Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Desde Nós Diario:
““De aquí ao nordés unha volta de pescozo leve para ver o bosquexo dunha illa que descansa. Xa está. Chegou a calma e a vida normal aos penedos de Ons”: Así comeza ‘Dalias’, o artigo de Miriam Ferradáns que vén de gañar o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego.
O artigo foi publicado o 10 de novembro de 2020 en Nós Diario, medio co que Ferradáns colabora habitulamente e xornal no que tamén colabora outra das 3 finalistas desta edición do premio, Cláudia Morán chegou a esta fase co seu artigo Un deserto, aparecido o 18 de novembro de 2020 en Nós Diario. A terceira finalista era a xornalista Patricia Hermida, por Historia de como Avó Antonio subiu ao ceo, publicado o 5 de maio de 2020 en El Correo Gallego.
Tres finalistas, tres mulleres, que foron elixidas após a deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Cristina Pato. (…)
Un total de 29 artigos optaban á XVIII edición do Premio Fernández del Riego. Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas he escrito en lingua galega.”