María Solar: “Vivimos con moitas culpas que non merecemos porque son cargas sociais, sobre todo as mulleres”

Entrevista de Susana Pedreira a María Solar en Onda Cero Galicia:
“A nosa radio lectora volve á Librería Cronopios para citarnos coa escritora e xornalista galega, María Solar. A culpa é a súa última novela, coa que gañou o Premio Xerais de novela. Falamos das diferentes culpas coas que cargamos, das relacións que tecemos cos demais ao longo das nosas vidas e do peso que o pasado ten no presente de cada un. Neste enlace directo á nosa web podes volver escoitar a entrevista con Susana Pedreira desde a Librería Cronopios de Pontevedra.”

Lupe Gómez gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía con Salón de té

Desde Nós Diario:
“O Xurado do XI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía do Concello de Fornelos de Montes resolveu esta sexta feira, 10 de febreiro, concederlle o galardón ao poemario presentado baixo o título Salón de té.
Luís Cochón, en calidade de presidente, xunto ás vogais Mercedes Queixas, Míriam Ferradáns, Armando Requeixo e Carlos Da Aira, ademais de Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto, acordaron o premio por unanimidade.
Unha vez aberta a plica, o texto, que se impuxo a outros cincuenta traballos, resultou ser da autoría de Lupe Gomez Arto.
O xurado considera que o poemario Salón de té destaca polos “seus versos depurados e ben traballados, que nos conducen á beleza e á verdade dun mundo persoal máis tamén común e universal”. En definitiva, “un traballo luminoso e evocador que recrea o personalísimo mundo da poeta de Fisteus”. (…)”