Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Raquel Castro

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Salvaterra de Miño: versos de auga e viño, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2021, que guiou Raquel Castro o domingo 26 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos cortesía de Marisa Gómez).

Alfonso Blanco Quintela gaña o III Premio Realia de Tradución Literaria

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Alfonso Blanco Quintela acaba de gañar o III Premio Realia de Tradución Literaria, pola tradución, ao galego, da obra As consecuencias da vella historia, escrita por Georgios Viziinos, e publicada orixinalmente en lingua grega en 1884. Blanco Quintela, que se presentou baixo o pseudónimo de Asier Ortegal, percibirá unha contía en metálico de 1.500 euros. A maiores, a súa tradución será publicada nos vindeiros meses nunha das dúas coleccións da editorial Huguin e Munin.
O xurado considera que a tradución asinada por Blanco Quintela é digna vencedora por varios motivos. Entre eles a riquez do seu léxico, cun uso adecuado da sinonimia, así como por escolmar con acerto a literatura grega de finais do século XIX até dar cun texto e cun autor ben coñecidos pero escasamente representados no ámbito ibérico. En consencuencia, segundo explican os membros do xurado na acta, “recoñéceselle ao tradutor non só que saiba traer de maneira eficaz un texto en tradución directa do grego ao galego, senón tamén a súa contribución ao encher un pequeno baleiro no corpus galego de tradución”. Tamén salientan que, “se ben é certo que a obra aínda precisa dun traballo de edición, este parece asumible, pois á calidade do orixinal cómpre sumarlle, en definitiva, unha tradución competente, que cos procesos de revisión aínda por chegar pode converterse nunha estupenda proposta literaria para os lectores e lectoras en galego”.
Os premios Realia de tradución, convocados polo concello de Santiago a través da concellaría de Acción Cultural, en colaboración coa Editorial Hugin e Munin, teñen unha periodicidade bianual. Os seus obxectivos son difundir e recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta; e outorgarlle visibilidade e recoñecer o traballo dos profesionais da tradución, coa publicación da obra nalgunha das coleccións da editorial. A obra gañadora será cedida á Biblioteca Virtual (BIVIR) da Asociación de Tradutores Galegos pasado un ano da súa publicación en papel. (…)”

“10 anos, 10 autores, 10 libros | Santiago Lopo”

Desde a Cidade da Cultura:
“Este venres 1 de outubro o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros da Biblioteca de Galicia continúa co escritor, tradutor e profesor Santiago Lopo, que falará dunha das grandes obras da nosa literatura, Merlín e familia. Lopo estará acompañado polo investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, un dos máis grandes coñecedores, non só de Cunqueiro senón da literatura mindoniense.
O clásico de Álvaro Cunqueiro, publicado por primeira vez en 1955 pola editorial Galaxia baixo o título de Merlín e familia i outras historias, será o libro que artelle a conversa entre os nosos dous convidados. De seguro nos permitirá achegarnos a aspectos pouco coñecidos dunha obra que popularizou o ciclo artúrico nunha xeración de lectoras e lectores que descubrían por primeira vez o galego nas páxinas dun libro.
Como vén sendo habitual, a sesión de 10+10+10 arrancará no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia ás 19.00 horas, e a asistencia é de balde previa inscrición. Tamén se poderá seguir na nosa canle de YouTube.