A industria galega dos curtumes (Laiovento), de Claudio Otero Eiriz
Vigo: presentación de A boneca de cristal, de Majo Villar
Faladoiros Literarios na Rede: Abril, de Luz Darriba, no Facebook da Libraría Abrente de Bueu
O IES Monte da Vila do Grove abre o seu terceiro festival de arte e novela negra
“O IES Monte da Vila do Grove abre o seu terceiro festival de arte e novela negra, dirixido ao conxunto da sociedade. Son, segundo explican no IES, ilustracións baseadas nas obras Infamia, de Ledicia Costas, e Na casa da avoa, de Marta Dacosta, que foron elaboradas por alumnado de Educación Plástica e Visual, Volume, Debuxo Artístico I e Técnicas de Expresión Gráfico Plástica.
Segundo o programa, o encontro de Ledicia Costas co alumnado de 4º de ESO para falar do libro Infamia terá lugar o mércores 14 de abril, cando tamén haberá un encontro co alumnado participante no concurso de relatos breves. Pola súa vez, Xosé Tomás guiará obradoiros de ilustración dirixidos a estudantes que cursan asignaturas como Debuxo Artístico I e Educación Plástica e Visual.
O xoves 15 será a quenda de Marta Dacosta, quen conversará com alumnado das materias de Debuxo Artístico I e Técnicas de Expresión Gráfico Plástica. Xunto a esta actividade, centrada na obra Na casa da avoa, desenvolverase un obradoiro de poesía cos participantes no concurso poético levado a cabo polo IES Monte da Vila.
Nesa mesma xornada prográmanse os obradoiros de ilustración cos participantes nos clubes de lectura da biblioteca e co alumnado da materia de Técnicas de Expresión Gráfico Plástica, nesta ocasión a cargo de Alberto Guitián.
Este último e Marta Dacosta repiten experiencia, pois xa foron protagonistas en 2020, xusto cando comezaba o estado de alerta. Naquela ocasión compartiron protagonismo con Sergio Vera, Antonia Huertas e Diego Ameixeiras, para desenvolver un programa de actividades que non eran exclusivas da comunidade educativa, senón que incluían unha xornada de portas abertas. Daí os encontros con Marta Dacosta e Diego Ameixeiras desenvoltos na Biblioteca Municipal e a exposición Alteracións, con obras do alumnado do propio IES vinculadas aos libros da autora e autor convidados.”
Francisco Antonio Vidal gaña o III Premio Laudamuco para textos Teatrais coa obra A vinganza de Fortimbrás
Desde Nós Diario:
“Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira. Ribeira, 1957) é o gañador da terceira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, nado na Bouciña (Palmeira), concorreu ao certame coa obra A vinganza de Fortimbrás, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, destaca que “a pesar da situación excepcional por mor da pandemia da Covid-19, dende o Concello de Brión mantemos o noso compromiso coa cultura e vimos de fallar a terceira edición do Premio Laudamuco, que recaeu no escritor e etnógrafo coruñés Francisco Antonio Vidal Blanco”.
O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro e que escolleron por unanimidade o texto titulado A vinganza de Fortimbrás entre os 47 presentados ao certame.
O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.
Segundo a acta do xurado, A vinganza de Fortimbrás é “unha precuela que vén dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”. (…)”
A Coruña: presentación de O retorno dos homes mariños, de Xurxo Souto, en Portas Ártabras
O 15 de abril, ás 20:00 horas, na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga 22), na Coruña, terá lugar a presentación do libro O retorno dos Homes Mariños de Xurxo Souto, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Felipe Senén. É preciso reservar praza chamando ao teléfono 630 930 298