Xabier P. DoCampo: “A proba de que a posguerra non está esquecida é que non somos capaces de enfrontarnos a ela”

Entrevista a Xabier P. DoCampo en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Quince anos de escritura para rematar esta novela [A nena do abrigo de astracán]. Vostede di que non se podía facer en menos.
– Xabier P. DoCampo (XPD): Eu concretamente non puiden! É certo que no medio escribín outras dúas, pero estiven durante todo ese tempo dándolle voltas a esta historia. A estrutura foi complicada, e necesitei unha documentación amplísima, que me levou moito tempo conseguir. Vin máis de setenta películas que puideran entrar na novela? Todo iso vai alongando.
– LO: Pensou en deixala?
– XPD: En abandonala non pensei nunca. Pregúntasmo agora e decátome. Nunca pensei en abandonar esta novela, o que si cheguei a pensar é que ao mellor non era quen de escribila [ri], que é totalmente distinto.
– LO: A obra sitúase nuns anos corenta que vostede tamén viviu, axudouse das súas vivencias para recrear o ambiente?
– XPD: Si. Eu nacín no 46, pero recordo todo canto poño alí. Ribadeínsua é unha especie de Macondo que eu creo a base das vilas da miña infancia, e de onde fun sacando as miñas vivencias daquel tempo. (…)
– LO: A súa obra é relacionada con outra que escribiu hai uns anos, Cando petan na porta pola noite, pola súa reflexión sobre a culpa. É un tema que lle interesa?
– XPD: Si. É unha cuestión que está moito no meu pensamento, a culpa e o remordemento. Con algún dos contos de Cando petan na porta pola noite ten esa relación de recoñecer o mal e de ver que existe. É un elemento que está en toda a vida que vivín. Sempre recoñecín o mal e o ben e, por tanto, tiven a oportunidade de optar por unha maneira ou outra de actuar. Supoño que todas esas persoas que eu retrato tamén a tiveron, e optaron pola maldade.
– LO: Tamén lle interesa a memoria. Temos esquecido o período da posguerra?
– XPD: A proba de que non está esquecido, por máis que de cando en vez se diga, é que non somos quen de enfrontarnos a el, e que tratamos de que permanezan nas cunetas aínda as vítimas do mal que houbo. Iso é un xeito de ter unha actuación absolutamente indigna, é negarlles o recordo e a memoria. Moitas veces se ten falado do esquecemento e o perdón. Ben, todos os perdóns que queiras, pero unha vez que puxeches as cousas na situación de seren esquecidas. Ninguén pode esquecer se toda a vida viviu escoitando aos seus pais ou veciños falar da desaparición de alguén do que nunca se soubo máis. A memoria actúa dentro da culpa, roe e corroe ata que alguén se enfronta ao recordo como o ten que facer, con humildade e recoñecemento da dignidade da vítima.”

Xabier P. Docampo publica a novela A nena do abrigo de astracán

Desde Galicia por Diante, na Radio Galega:
Xabier P. DoCampo publica a novela A nena do abrigo de astracán. Falamos co autor da obra de Xerais, que lle levou 15 anos de traballo e reflicte unha historia triste sobre unha rapaza, Susana, a vila de Ribadainsua e o cinema. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Culturgal, Pontevedra: actividades literarias destacadas do venres 1

Do 1 ao 3 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 1 e sábado 2, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 3, terá lugar o Culturgal 2017. O prezo das entradas é o seguinte: “a entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, entregarémosche unha pulseira e entrarás e sairás do recinto cando queiras durante ese día. Se queres acceder máis de 1 día, tes unha pulseira de 3 euros coa que poderás entrar e saír durante os 3 días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada.”

As actividades literarias destacadas do programa para o venres 1 son:
18:00 h. Espazo infantil Deleite. A galiña azul. Secretaría Xeral de Política Lingüística. Programa FalaRedes 2017. Actividade teatral de dinamización da lingua galega inspirada na obra homónima de Carlos Casares, a cargo de Ubú Teatro.
19:30 h. Espazo Libro. Mesa redonda «Teatro nas escolas». Edicións Fervenza. Con Raquel Castro, Carlos Labraña, Xosé Lois García e José Luis Graña.
19:30 h. Espazo Infantil Deleite. O branco non pinta!. Apiario. Con Antía Otero, autora, que contará o conto que María Brenn, ilustradora, debuxará en directo.
20:00 h. Sinatura de Xabier P. DoCampo (stand Xerais).
20:30 h. Manuel Bragado conversa con Xabier P. DoCampo sobre A nena do abrigo de astracán, publicado en Xerais.