Arquivos da etiqueta: Afonso Francisco Traficante Fernández
Compostela: II Festival de poesía para Corpo Principal, Alguén que respira!
Lisboa: presentación de Dentes para a mazá
Compostela: presentación de Dentes para a mazá
As novísimas da poesía galega, reunidas no volume No seu despregar
Desde Sermos Galiza:
“(…) No seu despregar son 18 autores e autoras que naceron entre 1985 e 1997. No volume, publicado por Apiario, podemos atopar poetas xa recoñecidos e con obra publicada como Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial ou Ismael Ramos, entre outros, aínda que tamén novos valores curtidos en fanzines, blogs ou na propia revista Dorna. E un caído en combate, Fran Cortegoso, finado o pasado outubro.
Elas e eles son, por orde alfabética: Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés.
Como xornalistas que somos buscamos unha traza común, unha etiqueta para os nomear, até que nos demos de fuciños coa realidade en forma de editora, Antía Otero, que negou a maior: “No seu despregar’ nace como unha idea de recompilación, de antoloxía, non con ningunha vontade de etiquetar. O propio título refírese a iso tamén, como unha idea de despregable, de mostra. No texto das editoras falamos precisamente disto. Creo que son autores que comparten un tempo, seguramente un espazo e seguramente uns referentes, unha ollada ou non. O único é que hai é un marco cronolóxico, pero non hai máis”.
E abonda: “Este libro, desde logo, non quere marcar unha xeración. Nace como unha mostra de cales son eses novos impulsos na escrita, pero sen vontade de xerar ningún nome nin etiqueta. É máis, nace con outra vontade, de que sexa o lector/a quen descubra os vasos comunicantes entre eles, que os hai”. (…)
Preguntada polas diferenzas desta xeración coa anterior, Otero considera que “para min a xente que escribe agora está moito menos encorsetada, moito menos acomplexada, que cren moitísimo máis no que fan, e cunha altísima calidade. Pero sobre todo esa idea de que non teñen corsé nin o queren. Creo que as voces deben ser individuais, compartes un tempo físico e non significa que sexas igual que o teu compañeiro. Non quere dicir nada que nazas parello a alguén. Por iso nos gustou a idea de despregar. Interesanos moito a idea non xerárquica, a idea transversal do despregable, coma quen desprega un mantel nunha mesa e séntanse todos a comer. E non hai postos de mellores nin peores e xenéranse sinerxias entre eles. Esa é a vontade deste libro. Non é a de buscar unha etiqueta en ningún caso”.”
Monforte: acto destacado da Feira do Libro no xoves 25
O xoves 25 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa:
– 21:00 h. Presentación de A oseira, de Antón Blanco, publicado por Chan da Pólvora. Participan, xunto ao autor, Olga Novo e Afonso Traficante.
Compostela: presentación de A oseira, de Antón Blanco
O venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa San Pedro, 74), de Santiago de Compostela, preséntase A oseira, primeiro libro de Antón Blanco (Carril, Vilagarcía de Arousa, 1996). No acto intervirán, xunto ao autor, Antón Lopo e Gonzalo Hermo. Pechará a sesión o pianista e poeta Afonso Traficante, compañeiro de Antón Blanco no proxecto musical Canine.
V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Tiven, outra vez máis, a fortuna de participar no xurado Premio Literario Escolar Novacaixagalicia que se fallou o 10 de maio e que deliberou arredor de case catrocentas propostas literarias provenientes dos últimos anos da primaria, ESO e Bacharelato. Como todos os anos resulta para min unha ocasión magnífica que constata, por unha banda, que hai moita mocidade que escribe e que o fai moi ben e, pola outra banda, testemuña a existencia de novas xeracións que han vir, en ben pouco tempo, a sumarse con eficiencia e talento ao noso sistema literario. Oxalá sexa así. Galardóns coma este, ao meu ver, son moi necesarios e sería doloroso que desaparecesen. Deixo aquí a información oficial sobre a convocatoria e premiados: parabéns a todos eles!
O xurado do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia reuniuse esta mañá en Vigo para acordar os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón. Finalmente, a lista de premiados foi a seguinte: na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de ESO, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de ESO, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal). O xurado estivo composto polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero. O prazo de presentación dos traballos para o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia, no que podían participar todos os alumnos e alumnas de Galicia que estivesen cursando terceiro ciclo de primaria, eso ou bacharelato, estivo vixente desde o mes de febreiro ata o día 13 de abril. Nestes dous meses e medio en que se abriu a recepción de escritos inéditos e orixinais, chegaron ás oficinas de Novacaixagalicia 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.”
Coñécense os gañadores dos Premios Ánxel Casal da Concellaría de Educación de Santiago
Afonso Francisco Traficante Fernández, de Ordes, con 14 anos, foi o gañador do XV Premio Ánxel Casal, convocado pola Concellaría de Educación de Santiago, na modalidade de poesía por Nós corredizos, unha obra que a escritora Dores Tembrás, integrante do xuri, considerou “extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual”. Na modalidade de conto, o premio foi para Brais Lamela Gómez, de 16 anos, alumno do IES Basanta Silva (Vilalba). Da súa obra, Fiat Voluntas Tua, sinalou Marcos Calveiro, escritor e membro do xuri, a “calidade literaria e o uso dos recursos lingüísticos do galego”. En teatro, a premiada foi Lara Porto Mato, de 17 anos, alumna do colexio compostelán Manuel Peleteiro, por Sagrada Familia. A entrega dos premios celebrarase o xoves 16 de decembro, ás 12:00 h. no Pazo de Raxoi, en Santiago. Máis información aquí.