Arquivos da etiqueta: Ana Acuña
Entrevista a Ana Acuña e Diego Ameixeiras no Diario Cultural da Radio Galega
Entrevistas a Ana Acuña e Diego Ameixeiras en La Región
Diego Ameixeiras e Ana Acuña, Premios Losada Diéguez
Desde
Sermos Galiza:
“A nova novela de Diego Ameixeiras, Conduce rápido, é o libro de narrativa escollido polo xurado do Premio Losada Díéguez para a súa 30ª edición na modalidade de Creación Literaria. Da obra de Ameixeiras, o xurado destaca, entre outros valores, a “proximidade da linguaxe ao público máis novo”, ademais do retrato de personaxes contemporáneos e a boa recepción que a obra tivo entre lectores e lectoras e tamén no ámbito da crítica. Novela negra ambientada en Compostela, crónica social e de sucesos na que Ameixeiras dá un paso adiante na liña que inaugurou con Historias de Oregón e seguiu en títulos como Matarte lentamente, Todo Ok ou Dime algo sucio, o seu anterior libro.
En canto ao premio de Investigación e Ensaio, o xurado do Losada Diéguez optou por destacar a obra Conciencia política e literatura galega en Madrid, de Ana Acuña ao tempo que destaca o seu rigor no estudo da presenza de galegas e galegos en Madrid no período 1950-2000. Os premios entregaranse o vindeiro 13 de xuño no pazo da familia Losada en Boborás.”
Pontevedra: presentación do libro Pontevedra, laranxeiras e limoeiros
O mércores 15 de abril terán lugar dous actos paralelos aos Premios Estatais da Crítica que se resolverán o sábado 18 de abril en Pontevedra:
– 19:00 h. Na Casa das Campás (Pontevedra), preséntase o libro Pontevedra, laranxeiras e limoeiros, con Ana Acuña, Víctor Freixanes e Olivia Rodríguez.
– 19:30 h., tamén na Casa das Campás, terá lugar a conferencia Humanismo e crítica literaria. O Premio da Crítica, por Ángel Basanta, presentado por Ana Acuña.
Constitución do Grupo de Traballo de Literatura de Tradición Oral da AELG
A
Sección de Literatura de Tradición Oral, cuxo coordinador é o vogal da AELG Antonio Reigosa, promoveu a creación dun Grupo de Traballo neste ámbito co obxectivo fundamental de favorecer, tanto individual como colectivamente, a visibilidade e o prestixio da oralidade como sistema de comunicación primordial da nosa cultura popular.
O Grupo está conformado polas seguintes persoas: Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Isidro Novo, María do Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto e Antonio Reigosa, todas con longa experiencia e recoñecido prestixio nos campos da investigación, recreación e difusión da literatura de tradición oral e, en xeral, nos diferentes ámbitos da cultura popular tradicional galega.
O Grupo, logo de avaliar a traxectoria e actividades da Sección ao longo dos últimos anos, acordou dar continuidade aos proxectos Polafías, Xornadas de Literatura de Tradición Oral, Mestras e Mestres da Memoria.
En canto ás Polafías, organizaranse dúas en 2015: a primeira delas terá lugar o vindeiro sábado 21 de marzo, ás 17:30 h., en Tallo, Ponteceso, co lema Non deas a esquecemento: regueifeiras/os; e outra polafía que terá lugar ben na provincia de Ourense, ben na de Pontevedra.
Tocante á VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral -a celebrar en Lugo no próximo outono- o tema a tratar será o sexo e a escatoloxía na Literatura de Tradición Oral.
Tamén acordou reunir propostas para novas gravacións en vídeo de Mestres e Mestras da Memoria.
Así mesmo o Grupo resolveu integrar e promover novas actividades a nivel local (xornadas, relatorios, representacións…) similares ás que se viñeron desenvolvendo en Lugo nos anos pasados como o Obradoiro de Narración Oral, Letra das Festas, Recital de Coplas de Antroido…, considerando representada a Sección naquelas actividades onde participe, colabore, promova ou interveña calquera dos membros do Grupo de Traballo. Tamén elaborar un mínimo de dúas unidades didácticas durante o ano 2015 para impulsar o uso do arquivo videográfico e documental da Sección de Literatura de Tradición Oral da web da AELG, así como crear un blog específico da Sección de Literatura de Tradición Oral dentro da web da AELG, no que se anunciarán as diferentes actividades que se desenvolven polo país en relación á oralidade e cultura popular, así como publicar os artigos que se consideren.
Marín: presentación de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña
Madrid, 18-19 setembro 2014: Xornadas Internacionais UCM-UNED Literatura galega: identidade, alteridade e exilio, do 18 ao 19 de setembro
As
Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 Literatura galega: identidade, alteridade e exilio pretenden facer unha posta en común das liñas de investigación que se están a desenvolver nos Centros Galegos das universidades do mundo e noutras institucións, nomeadamente no ámbito da literatura galega fóra de Galicia e do estudo da identidade, a alteridade e o exilio. Procúrase, por outra parte, favorecer o contacto entre profesores, investigadores e estudantes interesados no coñecemento e no estudo da literatura galega, así como fomentar o intercambio científico entre os relatores e os asistentes. Ademais, con estas Xornadas quérese abrir e estimular o diálogo entre as distintas xeracións pertencentes á colectividade galega.
Os seus destinatarios son: profesores, investigadores e estudantes, Departamentos de Romanística, Centros Galegos en España, Portugal, Hispanoamérica e no resto do mundo, Escolas Oficiais de Idiomas e outras institucións interesadas no estudo da lingua, da literatura e da cultura galega.
Está organizado pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), Centro de Estudos Galegos e a UNED, está dirixido por Carmen Mejía Ruiz (UCM) e Xavier Frías Conde (UNED). O comité científico está formado por Ana Acuña (Universidade de Vigo), Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega), Antonio Domínguez Rey (UNED), Alberto Gómez Bautista (Universidade de Aveiro), María Victoria Navas Sánchez-Élez (UCM), André Pociña López (Universidad de Extremadura), Eugenia Popeanga Chelaru (UCM) e Juan Miguel Ribera Llopis (UCM).
Pódese descargar o programa definitivo aquí.









