Santiago: presentación de Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro

O martes, 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Ana Salgado e Manuel Bragado.

Xosé Daniel Costas Currás gaña o X Premio de Poesía Novacaixagalicia, coa obra Monicreques

“A X edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, que organiza a Fundación Novacaixagalicia en colaboración co Centro PEN de Galicia, foi para Xosé Daniel Costas Currás. O poeta, nado en Moaña en 1981, impúxose entre os 71 participantes coa obra Monicreques. O xurado destacou “a aposta arriscada por unha estrutura autenticamente novidosa, a teatralidade da mesma, un ritmo e unha musicalidade singulares e unha plasticidade que vai máis alá das imaxes e cromías para construír un mundo poético e pletórico de modernidade, que non por iso deixa de lado a tradición”. Costas levará 12.000 euros e verá publicado o seu traballo na colección Arte de trobar. O presidente do Centro PEN, Luís González Tosar, Emma Pedreira, Ana Salgado, Edelmiro Vázquez Naval, Antón Pulido e Xabier Castro Martínez foron os compoñentes do xurado.” Vía Cultura Galega e Fundación Novacaixagalicia. Recollido tamén en La Voz de Galicia.

Santiago: presentación de Como estás?, de Claudio Pato

O venres 18 de novembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Como estás?, de Claudio Pato, publicado por Estaleiro Editora. Ademais do autor, participarán Miguel Mosqueira, Ana Salgado, Xosé Carlos Hidalgo e Xoán Rodríguez.

Santiago: presentación de Fogar impronunciable, de María do Cebreiro

O mércores 8 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Fogar impronunciable. Poesía e pantasma, o último ensaio de María do Cebreiro, publicado en Galaxia. A autora estará acompañada por Carlos Lema, Ana Salgado e Isaac Lourido.

A Coruña: Ana Salgado participa no ciclo Escrita(s) da Galería Sargadelos

Mañá xoves 21 de maio ás 20 horas comezará a segunda sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña. Baixo o título Pedra e carniza intelixente Ana Salgado enfiará unha achega á poesía de vontade comunal feita nas últimas décadas para pór de relevo os intentos de problematizar algunhas nocións entre as que están identidade, nación, intimidade, clase, xénero ou dominación.

Ana Salgado é licenciada en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago. O seu labor profesional desenvolveuse no Servizo de Normalización Lingüística da USC, na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega ou na Compañía Radio Televisión de Galicia. Na actualidade é redactora de Praza das Letras (revista e portal) e coordinadora de Protexta, suplemento literario da revista Tempos Novos.