A Coruña: A Literatura e o Cinema, con Carlos Amil e Margarita Ledo, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura

O mércores 18 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), continúan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Literatura e o Cinema, onde participan como relatores Carlos Amil e Margarita Ledo, presentados por Antía Otero.

Cristina Ferreiro gaña o XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

“O xuri do XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Antía Otero, Estevo Creus, Francisco X. Fernández Naval, Francisco Pérez e María Casar, reunido na Casa do Concello de Sarria o sábado 14 de abril ás 11:00 horas, tras realizar a derradeira deliberación á que chegaron 12 poemarios resolveu conceder o premio á obra presentada baixo o lema: Abecedario póstumo, do que resultou ser autora Cristina Ferreiro.
O xuri destaca que o premio Fiz Vergara de poesía chegue a esta edición cunha enorme vitalidade, demostrada polo número de orixinais presentados, así como pola elevada calidade dos seus textos, o que o converte no centro das olladas de moitas e moitos poetas e un referente no panorama literario da poesía galega.
Esta obra foi destacada polo seu ritmo, por tratarse dunha peza non compartimentada, na que estamos ante un poema longo que inclúe textos de prosa poética e no que se reflicte a contemporaneidade máis actual. É, en certa medida, unha testemuña deste momento histórico, non como denuncia senón como receptora da realidade que vivimos. Reveladora e en certo modo visionaria. Nela trabállanse moi ben os silencios e as pausas, deixando espazos para o lector.
O xuri destacou que hai no libro un latexo de cidade asolagada que entronca co mito das cidades asolagadas galegas e co momento de incerteza e cambio que vivimos.” Vía A. C. Ergueitos.

A Coruña: obradoiro Todo nada poesía, impartido por Antía Otero

Durante os meses de maio, xuño e xullo de 2012 desenvolverase na Librería Cascanueces da Coruña o obradoiro de escrita Todo nada poesía, dirixido por Antía Otero:
“Se che interesa a escrita, as marxes e o centrifugado poético podes matricularte xa no obradoiro.
Máis información, horarios, prezo, matrícula…..no seguinte contacto:
LIBRERÍA CASCANUECES
Rúa Cordonería, 10, baixo – 15001, A Coruña
Teléfonos: 881887939 // 630582850
Correo electrónico: eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

Arrancamos en maio e hai límite de prazas!!!”

A Coruña: actos do mércores 20 de marzo en CoruñaMayúscula

O mércores 21 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, e dentro do programa CoruñaMayúscula, terán lugar as seguintes actividades con presenza galega:
11:00-12:00 h. No Auditorio, recital poético de Antía Otero, Gracia Iglesias e Antón Castro.
19:30 h. Na Aula 9, mesa redonda co título Poesía, futuro, coa presenza de José María Paz Gago, Yolanda Castaño e Guillermina Royo-Villanova.
20:30 h. Na mesma Aula 9, combate verbal entre Manuel Vilas e Camilo Franco.
22:00 h. Recital 11×6. Participan Sofía Castañón, Antón Castro, Estevo Creus, Gonzalo Escarpa, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Gracia Iglesias, Elena Medel, Antía Otero, Ángel Petisme e Estelle Talavera Baudet, presentados por Pedro Ramos.

A Coruña: obradoiro O ollo da arte, impartido por Antía Otero

O ollo da arte é un obradoiro impartido por Antía Otero onde coñecer, descubrir e valorar o feito contemporáneo e a creación artística actual a través dunha mirada propia. Percorreranse (valéndonos de nocións teóricas e propostas prácticas) os novos comportamentos artísticos, motivando que os participantes propoñan e fagan visibles as súas propias ideas, así como o traballo e o debate en grupo.
Celebrarase todos os luns entre o 12 de marzo e o 2 de xullo, de 19:00 a 21:00 horas, na aula de obradoiros de Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. O prezo é de 35 euros para membros da comunidade universitaria (25 euros en segunda matrícula) e 55 euros público xeral (45 euros en segunda matrícula), con dous créditos de libre elección.
O prazo de matrícula comprende desde o día 25 de xaneiro até o día 6 de marzo.
Nos obradoiros non haberá preinscripción. O solicitante dun obradoiro deberá recoller a folla de pagamento nas oficinas da Área de Cultura da Universidade da Coruña (Casa do Lagar, campus de Elviña) ou en Normal, a cal se entregará por rigorosa orde de chegada a fin de formalizar a matrícula. Unha vez dispoña da folla de pagamento, o solicitante dispón até o día seguinte para formalizalo e entregar o xustificante de ter pagado o obradoiro. A Área de Cultura dará de baixa e considerará non inscritas ás persoas que non atendan este requisito.
Máis información aquí.

A Coruña: obradoiro Todo nada poesía, dirixido por Antía Otero

Todos os mércores, de 18:00 a 20:00 horas, a partir do 2 de febreiro, e até o mes de abril, na Librería Cascanueces (Rúa Cordonería, 10, baixo) da Coruña, terá lugar o obradoiro Todo nada poesía, dirixido por Antía Otero. Este obradoiro de creación literaria/artística trata de achegar aos participantes ao entramando poético dende unha visión actual e contemporánea. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do inmediato, do pequeno… facendo pé na grandeza do poético. Para matricularse e ter máis información, pódese chamar ao teléfono da Librería, 881887939, ou no correo eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

Na morte de Isaac

Ás 13:00 horas do día 6 de xaneiro, na capela ardente instalada no Museo do Pobo Galego, as escritoras e escritores Marilar Aleixandre, Eduardo Estévez, Cesáreo Sánchez, Teresa Moure, Carlos Negro e Antía Otero fixeron unha lectura de poemas queridos para Isaac Díaz Pardo. Ademais, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, dirixiu as seguintes palabras:

Querida familia de Isaac, queridos Camilo e Xosé, querida Mimina, querido Isaac:

Vimos as escritoras e os escritores galegos a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.

Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.

Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos máis novos, sempre foi o noso fogar. Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro. E fixéchesnos partícipes da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito, de sementar de novo os eidos ermos de silencio.

E acompañámoste no teu traballo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital e iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria. Traías na palma da mao a palabra fértil, habitada pola ferida memoria dos nosos exiliados, de Castelao, de Lorenzo Varela e de todos os homildados que dicía Luís Seoane.

Eles e ti, rumor de auga nutricia, entraña errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos.

Fuches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.

Editaches os nosos libros, cando aínda aprendíamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.

Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e solprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.

Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.

Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.

Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.

Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños. Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.

Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, como pobo que vén atravesando os séculos coma inmorrente río de luz”.

Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2012

Museo do Pobo Galego

Debate, proxección audiovisual e novos libros sobre Lois Pereiro

O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa (R/ San Pedro, 24) de Santiago de Compostela, terá lugar un evento, baixo o título Lembrando a Lois Pereiro, no que participarán Xosé Manuel Pereiro, O Leo, Iago Martínez e Daniel Salgado, moderados por Alberto Ramos. Antes da conversa, está previsto que se proxecte un fragmento da peza artística Corporal (je t’aime), proxecto baseado nunha idea de Antía Otero e Carlos Neira, a partir de poemas de Lois. Desde Cultura Galega.
Esta nova coincide coa saída de dous libros sobre o autor a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas: Lois Pereiro. Dicionario de sombras, de Antón Patiño, editado en Espiral Maior, e o catálogo da exposición Quen corta os fíos do soño?, publicado pola Fundación Luís Seoane. Desde a páxina oficial de Lois Pereiro.

Santiago: presentación de Pintalabios, de Ana Cibeira

O mércores 9 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Pintalabios, de Ana Cibeira, publicado en Toxosoutos. No acto, acompañando á autora, participan Antía Otero e David González Couso.