O sábado 8 de outubro, ás 12:00 horas, no Teatro Pastro Díaz (Constanza de Castro, 19), en Viveiro, terá lugar a mesa de debate Protagonistas (I): Antón Villar Ponte, Xohán Vicente Viqueira e Florencio Vaamonde Lores, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Carlos Nuevo Cal.
Relatores:
– Emilio Xosé Ínsua. Antón Villar Ponte (1881-1936): un guieiro xeneroso e esforzado.
– Antón Costa. Xohán Vicente Viqueira e o ensino galego.
– Isabel Seoane. A participación de Florencio Vaamonde nas Irmandades da Fala.
Arquivos da etiqueta: Antón Villar Ponte
Letras en familia, por Armando Requeixo
Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) Galicia tamén deu ao mundo familias literarias de mérito. Só cómpre lembrar o rexionalista Uxío Carré Aldao e os seus tres fillos Uxío, Leandro e Lois Galo Carré Alvarellos; os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, fundadores e destacados persoeiros das Irmandades da Fala; Vicente Risco e o seu fillo Antón; Álvaro Cunqueiro e o seu fillo maior César; Fermín Bouza Trillo, o seu fillo Bouza-Brey e o seu neto Bouza Álvarez; e, mais nos nosos días, os irmáns De Toro (Suso, Xelís e Antonio Raúl), Villar (Miro e Rafa) ou Valcárcel (Xulio e Xesús Manuel), Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán e as poetas Cristal Méndez Queizán e Oriana Méndez; Uxío Novoneyra e a súa filla Branca; Roberto Vidal Bolaño e o seu fillo Roi Vidal Ponte ou, por non ser prolixo, as Brontë galegas, as tres irmás poetas Andrea, Lara e Marcela Porto Mato.
Agora ben, se hai un caso entre nós que destaca pola súa admirable recursividade ese é o da familia Álvarez, insólita saga recollida no libro Escolma de familia (2000). Unha historia literaria que se remonta ao século XIX co bisavó dramaturgo e ensaísta Emilio Álvarez Giménez, que pasa polo avó poeta Xerardo Álvarez Limeses, os seus fillos Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez ―polígrafo consumado que tiña un curmán, Emilio Álvarez Negreira, tamén escritor― e os fillos deste, Afonso, Xosé María e Celso Álvarez Cáccamo, poetas e narradores.”