Entrevista de Ana G. Liste a Antonio Manuel Fraga en Praza:
“(…) – Praza (P): Tras ler esta novela [Askja] é preciso preguntar: ten fascinación polas illas?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Si, sinto certa fascinación polas illas, e tamén polos nortes xeográficos. Unha combinación de ambas cousas foi o que me levou en 2016 a viaxar a Islandia. Aluguei unha furgoneta coa intención de percorrer a illa enteira, pero decateime de que nos días que tiña que era imposible. Entón, viaxei pola costa sur, desde a capital, Reykjavík, ata os fiordes do leste do país. E como tiña medo de que durmir tantas noites na furgoneta afectase ás miñas costas decidín alugar un cuarto nametade da viaxe nunha vila pequena que se chama Djúpivogur. Esa noite, sen escuridade, porque viaxei en xuño, paseina na Guest House Hammersminni, que é onde se desenvolve despois a novela. Alí empecei tomar notas para escribir unha ficción relacionada con ese lugar, pero aínda sen moito foco, sen saber que era o que quería escribir.
A idea da novela partiu desa fascinación por estar nesa vila porque daquela eu tiña a sensación de que era o lugar máis afastado de todo onde estivera a miña vida. Era unha vila mariñeira, pequeniña, non especialmente bonita, sobre todo en comparación co resto do país, pero si que alí tiven esa sensación de estaba absolutamente lonxe de todo, e que me gustaría crear unha ficción centrada neste lugar.
– P: Ten moita potencia atoparse nun lugar no que non recoñeces nada.
– AMF: Si, porque aínda que sendo galegos temos en común ese alma de Fisterra, de fin do mundo, todo o demais era diferente. O paseo que da no comezo da novela a protagonista acompañada da súa parella é un paseo que din eu de noite, pero que non era noite, había unha luz estraña e permanente, case como a que sae dunha lámpada como velada por unha gasa. Este pasear entre a poalla ao borde do fiorde, ver os picos da montaña nevados en xuño… Esas sensacións recupereinas despois durante o proceso de escrita de Askja.
– P: Como tivo a idea de situarse na voz de Ana para para escribir esta novela? Ao avanzar na lectura semella que se puxera na pel dunha amiga para narrar esta historia.
– AMF: Pode ser, pode ser. A escolla dunha protagonista feminina non foi casual. Eu procuraba unha afastamento para, dalgún xeito ou de moitos xeitos diferentes, poder falar de min; que é algo que nos encanta ás veces aos escritores, pero facelo con disimulo. Este afastamento levoume ao descubrimento e ao abraio. O que procurei foi deixarme impresionar e observar a vida a través dos ollos de Ana, que creo que é algo importante, sobre todo para as persoas que creamos: deixarnos impresionar polo outro, pola mirada allea, e tratar así un pouquiño de fuxir do inferno da uniformidade.
Si que manteño unha relación moi estreita con Ana, como se fose unha amiga, porque aproveitei moitas circunstancias, formas de ser e vivencias en común cos miñas amigas, iso axudoume moitísimo. Tamén proxectei cousas miñas en Ana, esa inquietude vital, o desexo de narrar e a necesidade de se explicar a través da narración, como ela fai na novela. (…)”
Arquivos da etiqueta: Antonio Manuel Fraga
Crónica fotográfica do Roteiro Illas. Faros. Nortes. A Coruña de Askja, con Antonio M. Fraga (A Coruña, 25 de outubro)
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Illas. Faros. Nortes. A Coruña de Askja, guiado por Antonio M. Fraga, celebrado o pasado 25 de outubro. A crónica fotográfica completa (obra de Diana Varela Puñal) pode verse aquí. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.
Presentación de Askja, de Antonio Manuel Fraga
Bueu: presentación de Askja, de Antonio Manuel Fraga
Redondela: presentación de Askja, de Antonio Manuel Fraga
Miño: encontro con Antonio Manuel Fraga arredor de Askja
Roteiro Illas. Faros. Nortes. A Coruña de Askja, con Antonio M. Fraga, o 25 de outubro
O Roteiro Illas. Faros. Nortes. A Coruña de Askja, con Antonio M. Fraga, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
Nun exercicio de nostalxia autorreferencial, Antonio M. Fraga guiaranos por algúns dos espazos polos que transitan as personaxes da súa novela Askja. Lembraremos A Coruña de comezos do milenio a través varios locais (algúns dos cales xa non existen) e cruzaremos o espello para coñecer os seus reflexos mitolóxicos en Islandia.
Terá lugar o sábado 25 de outubro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será diante da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (Rúa Pelamios, 1). Non é necesaria inscrición previa.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.















