Rianxo: presentación de Nimbos. Cáliz fervendo!

O venres 13 de xuño, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Auditorio de Rianxo, preséntase Nimbos: Cáliz fervendo!, caderno XXIX do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, con Xosé Luís Axeitos, Armando Requeixo, Luís Cochón e Luís Alonso Girgado, introducidos por Adolfo Muíños.

Parlamento das Letras: Anxos Sumai

Entrevista de Armando Requeixo a Anxos Sumai no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Anxos Sumai (AS): Están vivas, e iso é marabilloso. Como lectora alégrame entrar nunha librería, follear os libros con tranquilidade e asegúroche que sempre atopo algo que me interesa, cousa que non acontecía deica hai poucos anos. Aparecen poemarios, ensaios, novelas…, con propostas temáticas e formais distintas. Así que o valoro positivamente, como lectora, porque me gusta elixir e non ter que limitarme a obras impostas polos premios literarios ou pola crítica ou polos escaparates das librerías.
Como bibliotecaria gústame poder cuantificar a produción anual, consciente de que o número non sempre supón calidade pero sei que é un camiño cara á normalización. Tamén me parece importantísima a aparición de novas editoriais que, malia a crise, teñen a valentía de publicar obras difíciles de editar neste momento. E, evidentemente, é tamén un bo sinal o aumento das traducións ao galego. Neste sentido, e xa como autora, boto en falta a tradución das nosas obras a outros idiomas.
Hai outras cousas que boto en falta, como escritora, lectora e bibliotecaria: parece que só escribimos para nós, fáltanos a ansia de escribir para o mundo enteiro, sen traizoar as claves culturais que nos aleitan e fan máis fortes, xusto por ambición universal, as voces persoais. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AS: Como dixen antes, paréceme interesante para a lectura, pola cantidade de obras que se poden ler, pero é un chisco frustrante para quen escribe, pola cantidade de obras ás que non terán acceso as persoas que len porque será difícil que sexan publicadas. Cousas do mercado literario.
Creo que perdemos moitos anos de investimento en lectura e mesmo teño a sensación de que vivimos unha mentira, de que alguén nos enganou, como se canda o boom inmobiliario se crease un boom cultural para acalmar conciencias. Dóeme ser consciente de que iso é certo, de que fluíron moitos cartos que non se dedicaron a formar lectoras e lectores libres. Non se investiron nunha industria cultural sa. De todas formas, debo dicir que, se non houbese ese investimento público en edición, seguramente a min nunca me chegasen a publicar. De novo, un sentimento contraditorio.
Creo firmemente nas escritoras e nos escritores de hoxe que traballan, sen dirixismos, construíndo. Daquela, deixemos que o fagan á súa maneira. E non falo en primeira persoa porque me considero intoxicada pola cultura da transición, pola impostura de soñar un pais holográmico. As novas literatas, os escritores, deberían crear non na posición de quen resiste, senón na ousadía de quen avanza. Xa soñamos abondo, é tempo de construír. (…)”

Tabela dos Libros de xuño, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega outra volta a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»

Na cidade do dragón, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“En Suíza andei por Zug e Basel, no cantón xermano da Confederación. Fun alí convidado pola Federación de Sociedades Galegas, que manten vivo, con orgullo, o facho da galeguidade na diáspora.
En Zug impartín a tarde do 24 unha charla sobre Díaz Castro arroupado polo presidente da entidade A Nosa Terra, Xosé Rodríguez, quen xunto ao seu secretario, Carlos Rey, fixeron que a miña intervención se desenvolvese no mellor dos marcos posibles, cun moi participativo grupo de galegas e galegos emigrantes que moito se interesaron pola figura do homenaxeado.
Ao día seguinte foi a quenda de Sementeira, o centro galego de Basel, a cidade do dragón, pois a ese animal mitolóxico, o basilisco, remite o nome da localidade.
En Basel, na Wettsteianallee 141, pronunciei unha conferencia a mañá do 25 acompañado do carismático presidente de Sementeira, Ramón Carreira Collazo e varios dos seus máis estreitos e activos colaboradores: Gaspar Silva, Preciosa, Lina Boado ou Eusebio Arnáiz. Con eles, pero tamén con outras galegas e galegos que alí se deron cita, celebramos a palabra diazcastriana e tamén a festa da galeguidade, pois á miña intervención púxolle o broche a actuación do Grupo Semente e un xantar de fraternidade no que participaron moitos dos congregados á xuntanza.
A visita aos airiños da Helvecia que cantaba Noriega deume a oportunidade de comprobar, máis unha vez, que a Galicia espallada polo mundo vive con inusitada intensidade a cultura da terra como sinal de identidade e que a conmemoración do Día das Letras é para eles unha celebración de primeiro relevo, a escusa perfecta non só para regresar ás orixes da palabra que os identifica, senón tamén de xunguirse ao ritmo cultural que dende o Finisterrae flúe e chega por emotivas arterias a todo o tecido emigrante que irriga o planeta. (…)”

Vigo: actividades destacadas do venres 30 de maio na Feira do Libro

O venres 30 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

18:15 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na caseta da Libraría Andel.
19:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro. Intervirán no acto Armando Requeixo, Luís González Tosar e Víctor Freixanes.
20:00 h. Presentación do libro O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado por Galaxia. Xunto á autora, participan no acto Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Armando Requeixo: “Díaz Castro desexaba reflectir a parálise dunha Galiza inmobilista que non conseguía avanzar, que non se espreguiza”

Entrevista de Montse Dopico a Armando Requeixo en Praza:
“Xosé María Díaz Castro non é só Nimbos. Non fora publicada nin a terceira parte da poesía en galego do homenaxeado no Día das Letras do 2014. E, dela, só Nimbos xerou un impacto crítico importante. Un dos maiores expertos na súa obra -se non é o maior-, Armando Requeixo, recuperou os dous poemarios de xuventude do autor, os ata entón inéditos Follas verdes e Follas ô aire, nun volume no que tamén recolle Nimbos, Nascida d’un sono e poemas soltos e non compilados, alén dunha escolma epistolar. Neste libro, Xosé María Díaz Castro. Poesía galega completa (Galaxia), Requeixo reivindica o Díaz Castro “poeta de denuncia que arremete contra a pasividade da sociedade galega” e contra a “penosa realidade migratoria do pobo galego”.
– Praza (P): Divides a obra de Díaz Castro en tres etapas. A primeira iría do 31 ao 36, con Follas verdes e Follas ô aire (dos que salientas o maxisterio rosaliano, paisaxismo mindoniense e pegada da lírica francesa). Achegaríase entón á Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e ao Ruralismo. En que aspectos?
– Armando Requeixo (AR): Díaz Castro, nesa altura, comparte moitos trazos característicos da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e, tamén si, do Paisaxismo Humanista, Neovirxilianismo ou Ruralismo, como a súa ampla formación humanística, a escolla da paisaxe mindoniense como escenario poético, a procedencia rural que permea na escrita, presentar textos formalmente moi elaborados e, polo xeral, sometidos á disciplina métrica e procurar a dignificación do idioma a través da reivindicación do popular e o dialectal como propicia arxila poética, extremos todos que, en efecto, cumpre a poesía do autor. (…)
– P: A segunda etapa abrangue do 36 ao 47. Desta fase son o Caderno-Borrador Manuscrito e o Caderno-Borrador Mecanoscrito, ou o poema Mediodía. Tamén Nascida d’un sono e El cántico de la Ciudad. Aumenta neles o ton confesional e tamén de celebración do cotián, de lugares, de xentes. De que maneira a sinxeleza, as métricas clásicas… adiantan Nimbos?
– AR: Os ensaios cada vez máis dúctiles de metros e fórmulas rítmicas preanuncian a mestría que neste eido alcanzou en Nimbos, do mesmo xeito que o recurso a certas temáticas, motivos e mesmo solucións estilísticas están na base das ensaiadas no poemario de 1961.
– P: A terceira etapa abrangue do 47 ao 90. Son Nimbos e poemas publicados en revistas como Alba, Dorna, Xermolos ou Amencer, ou en escolmas como a de Fernández del Riego. Nimbos tivo un proceso de creación moi longo. Por que?
– AR: Porque o poeta, cando Francisco Fernández del Riego en 1956 lle escribe por vez primeira pedíndolle un poemario para Galaxia, non ten materiais suficientes que o convenzan para compor un volume de versos. Ese feito fai que demore máis do esperable en publicar o libro, pois a súa situación vital (afastado en Madrid), familiar (coas obrigas que supuñan os fillos que entón comezaron a nacerlle) e profesional (cos moitos compromisos tradutores que tiña que atender nos organismos que traballou e, fóra deles, coas editoras coas que colaboraba) dificultaron que reunise en menos tempo poemas abondos para conformar un libro que, ao final, acabou publicándose con tan só trinta e dúas composicións, das cales catorce foran reaproveitadas de entre as xa aparecidas na prensa periódica ou antoloxías. (…)”

Nimbos sobre Barna, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) Tras acomodarme no cuarto da Residencia de Investigadores, fun ao encontro da causante de que alí estivese, a profesora Malores Villanueva, unha das máis brillantes estudosas da súa xeración, docente nos últimos anos na Universidade de Barcelona.
Agardábame unha gratísima sorpresa: Malores non esperaba soa, acompañábana outras dúas colegas, amigas de meu dende hai anos, as tamén docentes Helena González e María Xesús Lama. Todos catro compartimos conversa e tivemos ocasión de nos poñer ao día de non poucas cuestións de grande interese para o bo goberno da literatura e, particularmente, da crítica galega.
Á tarde, 18:00 h., achegueime ata o Edificio Josep Carner da UB para impartir unha conferencia aos universitarios sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, sobre quen tivera a oportunidade de ver unha moi interesante exposición preparada na biblioteca da Facultade de Filoloxía pola profesora Villanueva.
O relatorio discorreu placidamente e conseguimos crear un ambiente de franco e ilusionante diálogo entre o público asistente e os que na mesa estabamos; a saber: Villanueva, quen oficiou de presentadora e moderadora do acto, o profesor Basilio Losada, por quen tiven a honra de ser presentado e a quen puidemos oír valiosos xuízos a propósito da figura e importancia de Díaz Castro, e eu mesmo, que intervín por espazo dunha hora ante un auditorio no que se contaban, amais de activos e ben formados alumnos, compañeiros de oficio como a referida Mª Xesús Lama, Joaquim Ventura ou Camilo Valdehorras.
A sesión completouse cun amplo recitado dos versos de Nimbos por parte de varias alumnas e alumnos da Secció de Estudis Gallecs i Portuguesos, momento en que compareceu outra das agradables sorpresas do día: un deses discentes, o médico Xavier Sierra Valentí, achegou o recitado dos poemas diazcastrianos traducidos ao catalán, ofrecendo aos presentes unha copia encadernada dunha xenerosa escolma das composicións vertidas á lingua de Llull, traballo que se suma, así, e completa o que hai anos levara a cabo impecablemente Vicent Berenguer por dúas veces (1995 e 1997). (…)”