Anselmo López Carreira: “O reino suevo foi esquecido pola sobredimensión do mundo visigodo”

Entrevista a Anselmo López Carreira na Televisión de Galicia:
“Anselmo López Carreira combate tópicos historiográficos da arte medieval galega en Arte e escritura na Galicia medieval (Séculos VI ao X). Un libro publicado por Xerais que reflexiona sobre a importancia da nomenclatura na interpretación da historia. A entrevista pode verse aquí.”

Anselmo López Carreira: “A presenza da Galicia medieval quedou marxinada”

Entrevista de Irene Pin a Anselmo López Carreira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): É posíbel unha consideración e categorización axeitada da nosa produción cultural medieval sen ter en conta a existencia do reino da Galiza?
– Anselmo López Carreira (ALC): Evidentemente, non. Ese é quizais o aspecto máis importante do traballo que se acaba de publicar. Máis que sentar teses estilísticas acerca de cal tipo de arte había, ou renomear a letra –aínda que á visigótica non ten sentido chamarlle así–, a reflexión que fago de base é que desde o momento en que se centra a nosa historia en nós mesmos e se recupera a existencia dun reino da Galicia, todo o que se move ao seu redor, no que se inclúe a produción cultural, hai que observalo desde ese punto de vista. Polo tanto, cómpre recuperar a nosa entidade e, unha vez feito iso, recolocar todo o demais, é dicir, cambiarlle as coordenadas.
– SG: A que se debe daquela a resistencia da historiografía oficial a asumir Galiza como unha realidade política diferenciada durante a Idade Media?
– ALC: Xustamente estamos un colega e mais eu reflexionando sobre ese asunto neste momento. Eu creo que á hora de buscar as causas faise bastante complicado, porque non podemos caer na simplificación de que desde fóra nos maltratan. Desde logo, se tivésemos producido de maneira continuada unha historiografía potente, teriamos os elementos de defensa da nosa propia historia. Hai un proceso en conexión dialéctica, por iso é moi difícil saber que é antes. Ao longo dun período, Galicia entra nunha situación de dependencia que se manifesta a todos os niveis: político, económico e, naturalmente, tamén cultural e historiográfico. Porén, a razón pola que se produce ese fenómeno é unha interacción entre fenómenos externos e internos. Desde Castela, expoñámolo desta maneira, que ademais é correcta, hai a partir do século XV un proceso de expansión do Estado coa lingua como compañeira do imperio, e na Galicia vai haber unha serie de sectores hexemónicos que se acoplan a esa situación de dominio. Á hora de repartir responsabilidades e identificar causas temos entón que mirar dentro e fóra. A min paréceme determinante o feito de que na Galicia non tivese existido desde a Baixa Idade Media (séculos XIV‑XV) un grupo ou clase social –primeiro nobreza, despois burguesía–, que fose capaz de asumir un proxecto de país. No entanto, pregáronse a unha nova organización na que a Galicia quedaba nunha situación dependente. Houbo unha fidalguía que se adaptou e unha burguesía que despois reclamou o poder proteccionista do Estado español, e ningunha delas foi quen de producir unha cultura e unha historiografía propias. Ao contrario, son as grandes receptoras dos modelos culturais importados.
– SG: E esta dinámica mantense na actualidade?
– ALC: Si, continuamos até hoxe. Inclusive cos medios de comunicación masivos, nos que se percibe moi ben na actualidade que aquí hai unha gran maioría da poboación que vive arredor desa mensaxe cultural, ou moitas veces infracultural, importada e dominante. (…)”

Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 1 de decembro

Do 29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.

As actividades literarias destacadas do programa para o 1 de decembro son:
11:00 h. Espazo Foro. Gálix e a difusión da Literatura Infantil e XuvenilGalega. Presentación das últimas publicacións.
11:00 h. Espazo Infantil. En efecto bolboreta. Edicións Fervenza. Presentación da novela de Ana Pillado Vega con cancións en directo con María Giménez. A revolución insecta xa está aquí!
11:15 h. Espazo Libro. Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade de Xavier Groba. aCentral Folque. Coa intervención musical do grupo Tralo-Valo, formado polo zanfonista Ariel Ninas e a cantora Carme da Pontragha.
11:45 h. Espazo Libro. Presentación de Os contos dislocados e Os textos amados. Ediciones de la Vega.
12:00 h. Auditorio do Pazo da Cultura. Espectáculo familiar Lambetadas. Talía Teatro. Un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenas e nenos de 6 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Séchu Sende e María Canosa), que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos. Auditorio do Pazo da Cultura. Entradas para este espectáculo en ataquilla.com. na Feira e na billeteira do Auditorio o mesmo día do espectáculo.
12:15 h. Espazo Libro. Dicionario da Comida Galega. Aira Editorial. Presentación desta obra enciclopédica do saber culinario de Galicia, de Xavier Rodríguez Baixeras. Co autor e os editores Xan Carballa e César Lorenzo.
12:30 h. Espazo Foro. Kalandraka: Biblioteca de Pedagoxía. A ‘Biblioteca de Pedagoxía’ de Kalandraka é unha iniciativa pioneira encamiñada a prover os lectores electoras galegos dunha parte significativa e seleccionada dos textos de materia educativa e pedagóxica máis relevantes a nivel internacional. Con Antón Costa, director.
12:30 h. Espazo Libro. Editorial Bululú presenta: Indómita e a semente da inmortalidade, de Alex Mene, gañador do certame Muíño do Vento. Con Ana Boquete, da editorial. Posterior sinatura no stand da Editorial Bululú.
12:30 h. Stand de Urutau. Cristina Corral Soilán asina e lerá textos do seu libro Ficar.
12:30 h. Stand Kalandraka. Sinatura de Cando Martiño tivo ganas de…, por Chema Heras e Kiko da Silva.
13:00 h. Espazo Libro. Presentación de DramaturXa. Xunta de Galicia. O número 5 da colección «O papel do teatro», que dá cabida ás obras producidas polo Centro Dramático Galego, e coeditada pola Xunta de Galicia e Edicións Positivas. Presentan: Jacobo Sutil Nesta, director da Agadic, Francisco Macías, director de Edicións Positivas, e Manuel Lourenzo, autor e director teatral, coa participación de autores da publicación.
13:00 h. Espazo Foro. Presentación do libro de poemas Caderno do mar, a cargo de Xaime Toxo e Antón Sobral. Ateneo de Pontevedra.
13:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Os anxos indecisos de Manrique Fernández e Hotel para coleccionistas discretos de Diego Giráldez.
13:00 h. Stand Kalandraka. Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Rocío Modia presentan Educar a través da arte.
13:15 h. Espazo Infantil. A que cheiran as cores? de Juan Casto Rivadulla Fernández. A agardada guía para coñecer o cerebro! Presentación con Luísa Martínez, directora da colección “A lanterna de Aristóteles”, e Xulio Amigo, director comercial de Galaxia.
13:30 h. Espazo Arte Contemporánea. Píntame unha poesia. Con Xosé Tomás e os músicos María Faltri e Jorge Juncal, para levar ao vivo o proxecto creativo que tivo lugar para ilustrar o libro-disco Fantasía coas Palabras, de Galaxia.
16:30 h. Presentación do libro Sindo de Olelas: concertina galega. aCentral Folque. Un libro-cd da autoría de Xurxo Souto e Pedro Pascual. O libro, acompañado de gravacións orixinais, conta a historia da aldea musical de Olelas, no concello de Entrimo, centro neurálxico do repertorio de concertina galega. Con Xurxo Souto e Eutropio Rodríguez.
16:30 h. Espazo Libre. Ninguén dorme de Rexina Vega. Edicións Laiovento e Consorcio Editorial Galego. Coa autora e Afonso Ribas, editor.
16:30 h. Carpa. O Colo das Palavras. Associaçom Semente Trasancos. Música e poesía para presentar un libro-cd con 16 poemas, da autoria de Antón Cortizas e Antia, Rosalia e Catarina Cortizas Leira, musicados por Óscar Fojo Lamas, João Afonso, Sílvia Fojo, Cé Orquestra Pantasma, Xurxo Souto, Manolo Bacalhau, Guadi Galego, Tanxugueiras, Sofía Espiñeira, Caxade, Uxía Senlle, Sara Vidal, Fatado do Colo (Leandro Lamas, Silvia Fojo, Paula Fojo, Lorena Montero) e Xoán Padín. Algúns deles estarán na Feira! Un traballo ilustrado por Leandro Lamas.
17:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Arantza Portabales ao redor de Beleza vermella, publicado por Galaxia.
17:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Soleando, de An Alfaya, ilustrado por Imma de Battle.
17:30 h. Espazo Libro. Presentación novos cadernos colección bilingüe 10×15: O prezo do inverno de Elías Portela en islandés-galego e Cetro de espiñas vivas farsi-galego de María Victoria Caro con tradución de Xaime Foxo. Tulipa Editorial. Presenta Paula Cabaleiro con autores e tradutores da colección.
17:30 h. Carpa. O veleiro verde de María Fumaça, publicado por Galaxia. Novo disco da familia María Fumaça.
17:30 h. Stand Kalandraka. Oli asina Ratos de casa, Ratos de viaxe.
17:45 h. Espazo Foro. Entrega Premio do Público Culturgal 2019 ao Festival dos Eidos (Fundación Uxío Novoneyra).
18:00 h. Espazo Libro. Agosto de Miriam Ferradáns. Apiario. Presentación e estrea na Feira desta novidade editorial do Nadal 2019. Susana Sánchez Arins conversa con Miriam Ferradáns ao redor do seu último traballo poético, na colección Cera Labrada de Apiario.
18:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Pedro Feijoo.
18:15 h. Espazo Foro. Presentación do libro Náufraga no mar e na terra, de Elisabeth Oliveira e lanzamento de Linguaxes dixitais, de Clara Vidal, con lectura de textos poéticos e mostra de videopoemas. Coas autoras e Wladimir Vaz, editor. Editorial Urutau.
18:30 h. Stand Kalandraka. Antonio García Teijeiro asina Versos e viceversos.
18:30 h. Espazo Libro. Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais. Unha conversa coas autoras. Catro Ventos Editora. Con Miguel Pardellas Santiago, Paula Lubián Fernández e Celsa González Ogando, de Proxecto Batefogo e Patricia Buxán Outeiro, da editora.
18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Anxo Fariña.
18:30 h. Stand Xerais. Sinatura de Ledicia Costas.
18:30 h. Stand Xerais. Sinatura de Manuel Bragado.
18:45 h. Espazo Infantil. As tres mouras de Fonte Lantana. Edicións Fervenza. Presentación do libro infantil econtacontos con Xoán Carlos García Porral, Celso Sanmartín e Gabriel Iglesias.
19:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Anselmo López Carreira.
19:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Pedro Feijoo, autor de Un lume azul. Xerais.
19:30 h. Espazo Foro. Conversa con Anselmo López Carreira, autor de Arte e escritura na Galicia medieval (séculos VI-X). Xerais. Presenta: Fran Alonso.
19:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Adolfo Caamaño, Premio Vilar Ponte de Novela 2018 con Matar o heroe e Abel Tomé, Premio Illa Nova de Narrativa 2019 co libro A noite do lobo. Presenta Malores Villanueva (Editorial Galaxia).