Arquivos da etiqueta: As Aventuras de Alicia no País das Marabillas
I Gala do Libro Galego, o sábado 14 de maio en Compostela
Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia; as obras gañadoras faranse públicas no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, presentada por Camilo Franco, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 14 de maio, segundo o seguinte horario:
– 18:30 h. Sesión de fotografías (fotocall) de lectoras-es e autores-as e sinatura de libros á entrada do Teatro.
– 19:30 h. Comezo da Gala (entrada libre até completar aforo).
– A partir das 21:30 h. Nova sesión de fotografías (fotocall) e sinatura de libros.
No fotocall as persoas asistentes á Gala poderán facer fotos cos/as seus/súas autores/as favoritos/as e mesmo levar libros para seren asinados.
Na Gala entregaranse as distincións nas seguintes categorías:
- Obra de ensaio
- Obra de narrativa
- Obra infantil e xuvenil
- Libro ilustrado
- Iniciativa bibliográfica
- Obra traducida
- Libro de poesía
- Libro de teatro
- Iniciativa cultural ou fomento da lectura
- Proxecto literario na rede
- Xornalismo cultural
- Escritor galego universal
- Premio honorífico á libraría
- Premio honorífico á editora
As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo, que nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.
O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, que xa decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer (pode consultarse aquí a súa axenda de actividades para os días 13 e 14), o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.
Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016 Sigue lendo
Obras finalistas dos Premios Gala do Libro Galego 2016
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia convocan os Premios Gala do Libro Galego 2016, a celebrar o sábado 14 de maio de 2016 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, na que se darán a coñecer as obras gañadoras.
(A Coruña, 15 de abril de 2016) Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia. As obras gañadoras, sen dotación económica, serán determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas das tres entidades convocantes.
Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016
Ensaio
- Carlos Maside. Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas, María Esther Rodríguez Losada (comp.) e Anxo Tarrío Varela (edic.). Alvarellos-Consorcio de Santiago.
- Historia da literatura infantil e xuvenil galega, Blanca-Ana Roig (coordinadora). Xerais.
- No tempo de Follas Novas: unha viaxe pola literatura universal, María Pilar García Negro (edit.). Alvarellos Editora.
- Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario.
Narrativa
- Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello. Galaxia.
- Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Xerais.
- Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Xerais.
- …E os domingos, un croissant, de Ursula Heinze. Alvarellos.
- O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais.
Literatura infantil e xuvenil
- O home que sabía voar, de Xabier López López (ilustracións de Jacobo Muñiz). Tambre.
- O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia.
- Teño uns pés perfectos, de María Solar. Kalandraka.
- Todos os soños, de Xavier Estévez (ilustracións de Marcos Viso). Tambre.
Libro ilustrado
- Balea, de Federico Fernández e Germán González. Kalandraka.
- Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka.
- Lendo lendas, digo versos, de Xosé Cobas (texto de Antonio G. Teijeiro e A. Reigosa). Xerais.
- O home que sabía voar, de Jacobo Muñiz (texto de Xabier López López). Tambre.
Iniciativa bibliográfica
- Cociña II, de André Arzúa, (fotografía e deseño de Alberte Sánchez Regueiro). Servizos Hosteleiros Arzúa S.L.
- Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais.
Tradución
- A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, tradución de Carlos Acevedo, Faktoría K.
- Astérix. O papiro do César, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais.
- Aventuras de Alicia no País das Marabillas (Lewis Carroll), en tradución de Xavier Queipo. El Patito Editorial.
- Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin.
Poesía
- 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Suso Díaz e Helena Villar Janeiro (coords.). Biblos Clube de Lectores.
- A boca da terra, de Manuel Rivas. Xerais.
- Abrindo fiestras en carne viva, de Carlos López. Alvarellos.
- Dez anos na porta. Antoloxía poética 2005-2015, VV. AA. (A Porta Verde do Sétimo Andar). A Porta Verde do Sétimo Andar.
- oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais.
- Zonas de tránsito, de Ramón Neto. Sotelo Blanco.
Teatro
- Raclette, de Santiago Cortegoso. Xerais
- Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama. Baía Edicións
- Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
- Culturgal.
- Espazo Lectura (Gondomar).
- Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
- Praza das Letras – Concello de Carballo.
Proxecto literario na rede
- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás. https://cadernodacritica.wordpress.com/
- Criticalia, de Armando Requeixo. http://armandorequeixo.blogaliza.org/
- Poétic@, de Fran Alonso. http://poetica.gal/
Xornalismo Cultural
- Diario Cultural.
- Montse Dopico.
- Sermos Galiza.
A Gala do Libro Galego 2016 conta co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e AGADIC.