VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e reliquias. Usos e crenzas, a celebrar en Lugo o 25 de outubro

CartonPlumaVIIXLitOral2014-72pppA1410344862726banner-VIIXLOral2014 VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e Reliquias. Usos e crenzas, que terá lugar o sábado 25 de outubro, é unha actividade organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo.

Aberto o prazo de inscrición (até o 23 de outubro):
– O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG.

Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 25 de outubro de 2014.
Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 h. e tarde de 16:00 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8).
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula: Gratuíta.
Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na web da AS-PG, tendo preferencia os socios-as e afiliados-as á AS-PG e á AELG.

Falaremos de usos e crenzas arredor de amuletos e reliquias, esas cousas boas que fan de intercesores entre os humanos e as potencias (sexan estas deuses ou demos) do sobrenatural.
Os amuletos son obxectos, xeralmente pequenos e portátiles, que atendendo á forma ou ao material do que están feitos usáronse e aínda se usan, segundo crenzas ben arraigadas, para atraer a sorte ou para afastar o mal.
As reliquias teñen a orixe no martirio dos primeiros cristiáns, cuxos restos eran conservados e venerados. No século XVI o Concilio de Trento acrecentou este tipo de culto e propagou a fe masiva nos seus efectos beneficiosos, pondo en marcha, de paso, un fascinante negocio.
Estoxos, medallóns, escapularios ou relicarios con presuntos fragmentos do corpo ou de lugares santificados son o gran reclamo comercial de catedrais, igrexas e santuarios, como o é a posesión e a manipulación de amuletos para toda caste de taumaturgos.
Contaremos co saber de especialistas como Mª Rosa dos Santos Capelão, investigadora das funcións, usos e prácticas das reliquias ou “santas medicinas” en Portugal, Eusebio Rey Seara, historiador especialista en amuletos da época romana en Galicia, o escritor Calros Solla, propietario dunha colección de máis de 300 amuletos e talismáns (alicornos, pedras da pezoña …) e con Alfonso Blanco Torrado, crego rural con longa experiencia como observador dos usos, tanto de amuletos como de reliquias.
Maxia, fe, razón, superstición? Velaí a cuestión.

PROGRAMA

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10:30 h. – 11:30 h. Conferencia. O racional e o irracional do culto de reliquias, por Rosa Maria dos Santos Capelão.
Desde o Concilio de Trento para acó a igrexa católica regulou e controlou todo o relacionado co uso das reliquias, as “santas medicinas” que o pobo crente sempre demandou. A relatora expoñerá as conclusións das súas investigacións sobre o tema.
11:30 h. – 12:30 h. Conferencia. Facianas da capacidade sandadora do pobo dende a nosa cultura, por Alfonso Blanco Torrado.
A protección da saúde é o eixe central das peticións dos crentes para obter o favor divino, razón pola que acode a santuarios e igrexas, someténdose aos ritos e prácticas tradicionais.
12:30 h. – 14:00 h. Mesa redonda. Usos, abusos e outras prácticas relacionadas coas “santas medicinas”. Rosa Maria dos Santos Capelão e Alfonso Blanco Torrado. Coordina: Antonio Reigosa.
Oportunidade para que o público asistente poida facer preguntas, así como para o moderador pór en relación as dúas conferencias previas e así ampliar puntos que se consideren de especial interese.
16:00 h. – 17.00 h. Conferencia. Amuletos e reliquias: usos e crenzas. Unha mirada na antigüidade, por Eusebio Rey Seara.
O coñecemento do uso dos “obxectos de poder” no mundo clásico antigo é fundamental para entender a súa función na sociedade actual. O relator, especialista en amuletos do mundo romano na antiga Gallaecia, achegáranos ese saber a través dos textos e dos achados arqueolóxicos que se conservan.
17:00 h. – 18:00 h. Conferencia. Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional, por Calros Solla.
O estudo da nosa cultura popular tradicional ofrece a posibilidade de ver e ocar numerosos tipos de amuletos, en moitos casos aínda en uso. Esta é oportunidade que nos ofrece o relator que, ademais de investigador, é coleccionista destes obxectos.
18:00 h. – 19:30 h. Mesa redonda. Entre a maxia e a razón. O enigmático poder dos amuletos, con Eusebio Rey Seara e Calros Solla. Coordina Isidro Novo.
Oportunidade para que o público asistente poida facer preguntas, así como para o moderador pór en relación as dúas conferencias previas e así ampliar puntos que se consideren de especial interese.
19:30 h. – 20:30 h. Mostra de amuletos e reliquias ao vivo: usos e crenzas explicados por propietarios/as e usuarios/as.

ProgramaVIIXLitOral2014-100ppp

CartelVIIXLitOral2014-100ppp

Crónica videográfica do IX Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, Como escribir o futuro?, Poesía

ACartelENU2014-72ppp Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegaron á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre este tema, alén de nos daren un panorama subxectivo de como ven a situación de cadanseu xénero na actualidade.
O IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade: Como escribir o futuro? continou en Vigo o 24 de setembro co protagonismo da Poesía, co seguinte programa: E que faremos do lirismo? A pantasma da poesía dos oitenta. Con Rosalía Fernández Rial e Samuel L. Paris.

Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
Presentación da mesa de Poesía.
Mesa de Poesía: Intervención de Samuel L. París.
Mesa de Poesía: Intervención de Rosalía Fernández Rial.
Mesa de Poesía: Coloquio.

Crónica videográfica do IX Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, Como escribir o futuro?, Narrativa

ACartelENU2014-72ppp Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegaron á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre este tema, alén de nos daren un panorama subxectivo de como ven a situación de cadanseu xénero na actualidade.
O IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade: Como escribir o futuro? abriuse en Vigo o 17 de setembro co protagonismo da Narrativa, co seguinte programa: Ficción ou dicción? Como escribir unha verdadeira novela contemporánea?, coa participación de Ledicia Costas e Manuel Portas, nun acto aberto coas intervencións de Valentín García, Rexina Vega, Burghard Baltrusche e Marta García González.

Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
Sesión inaugural do ciclo. Con Valentín García, Secretario xeral de Política Lingüística, Rexina Vega, vogal da AELG, Marta García González, vicedecana e Burghard Baltrusch, director do Departamento de Galego.
Presentación do Ciclo e da mesa redonda de Narrativa. Con Rexina Vega.
Mesa de Narrativa: Primeira intervención de Ledicia Costas.
Mesa de Narrativa: Primeira intervención de Manuel Portas.
Mesa de Narrativa: Segunda intervención de Ledicia Costas.
Mesa de Narrativa: Segunda intervención de Manuel Portas.
Mesa de Narrativa: Terceira intervención de Ledicia Costas.
Mesa de Narrativa: Terceira intervención de Manuel Portas.

Compostela: IV Xornadas de Literatura e Ensino: A Xeración Nós-outr@s, o sábado 18 de outubro

O sábado 18 de outubroBannerIVXornadaLiteraturaEnsinoAELG2014, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, terán lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s.

Está aberto xa o prazo de matrícula. Toda a información, aquí.

A expresión literaria galega goza dun longo percorrido histórico ao tempo que amosa unha actualidade creativa que necesariamente ten que achar o seu punto de acollida e intercomunicación no ensino. O pensamento e a creación das mulleres precisa acrecentar o seu espazo de visibilidade nun ámbito de formación de lectorado crítico como é a escola.
A literatura como obxecto de estudo en si propio e/ou como ferramenta para o coñecemento transversal e a formación do individuo debe entrar nas aulas non só como conceptos teóricos, senón como modelo de reprodución para favorecer a procura da propia experiencia creativa persoal.
Vivir a experiencia creadora en primeira persoa. Eis o reto.
Poesía, narrativa e ensaio para sentir, ouvir e ver; para ler, contar e expresar; para fascinar e transformar a realidade.

Entidade convocante: ASOCIACIÓN SOCIO-PEDAGÓXICA GALEGA (en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega).
Denominación da actividade: IV Xornada de Literatura e Ensino: A Xeración Nós-outr@s.
Modalidade formativa: Curso.
Data de realización: sábado, 18 de outubro de 2014.
Horario: de 09:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás).
Valoración en horas de formación: 8 h.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula, se procede: Gratuíta.
Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na web da AS-PG, tendo preferencia os socios/as da AS-PG e da AELG.

Obxectivos previstos:
– Valorar a literatura galega, a través das diferentes voces das mulleres, construtoras de pensamento e expresión literaria, como unha ferramenta clave para a adquisición das competencias básicas.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualización da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio tendo en conta tamén a perspectiva de xénero para o avance da igualdade.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á lectura por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe literaria para a infancia e mocidade xunto con escritoras da literatura galega.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado.

PROGRAMA

9:30-10:15 h. Conferencia: É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?, por María Xesús Nogueira.
Ningunha historia da literatura é neutra, é dicir, inocente; os imaxinarios, os mitos, os tópicos que se perpetúan, foron tecendo unha rede de complicidades en torno á literatura galega como resistencia, antes que como existencia. Un campo de batalla onde os homes, como en todo relato épico (de derrotas ou de utopías), construíron a nación e, case ao mesmo tempo, o relato crítico sobre ese soño da nación. Mesmo Rosalía, ata os anos oitenta do século pasado, foi un asunto masculino, un campo de batalla entre a santiña e a raposa.
A pregunta chave: é posíbel (e desexable) unha revisión da literatura galega desde un nós plural e alternativo? Debemos re­interpretar a historia desde unha Xeración Nós­outr@s? Que ideas-­forza arredor da nosa literatura deben transmitirse no ensino medio e universitario? Desde que posicionamento teórico? Con que metodoloxía? Poden achegar os feminismos unha visión menos unívoca dos nosos clásic@s?

10:15-11:30 h. Mesa I: Imaxinarios narrativos para o século XXI. Rosa Aneiros, Berta Dávila e Inma López Silva.
Que significa ser narradoras contemporáneas no contexto da literatura galega? Como conxugar o particular e o universal? O íntimo e o colectivo?
De que temas interesa escribir? A quen se dirixir ao soñar un relato? Con que fío invisible tecer as historias?
Sentírmonos responsábeis da continuidade dunha tradición cultural que denominamos literatura galega? Ou buscar camiños á marxe dela?
Sentirse parte dunha comunidade literaria que poderíamos definir como a Xeración Nosoutr@s, marcada pola conciencia de xénero? Ou, pola contra, preferir ser escritoras que se definen unicamente pola habelencia no seu oficio? Literatura como compromiso e/ou como entretemento? Literatura a secas ou literatura desde un posicionamento consciente?

12:00-14:00 h. Obradoiros I (simultáneos): María Canosa, Ledicia Costas, Estíbaliz Espinosa.
16:00-18:00 h. Obradoiros II (simultáneos): María Canosa, Ledicia Costas, Estíbaliz Espinosa.
María Canosa.
No obradoiro búscanse estratexias didácticas que leven a:
Activar o potencial lector; mover a vontade propia; non educar para a afección, só descubrir que é unha axuda para a vida, desenvolvendo o espírito crítico a través da visión/revisión dos textos literarios existentes, a evolución, cambios, e faltas que existen.

Ledicia Costas
Isto vai de escribir. De cuspir letras que reboten sobre un paraugas calquera, nun caos de sílabas e corcheas. Isto vai de música, de compoñer ata que Barber senta envexa da nosa partitura. Isto vai de Nós-outras-todas. De referencias próximas e non tanto. De percorrelas a elas e atopar o noso punto de saída. E desde aí disparar ao ceo, e que ardan as nubes de evolución. Coa nosa tinta fabricaremos a chuvia.
Estíbaliz Espinosa
“A radiación XX”: obradoiro que se centrará no río subterráneo das voces literarias femininas, dende as clásicas até as máis recentes -con atención tamén ao ámbito literario-científico ou á literatura dixital- e a súa emerxencia na construción dun discurso feminino nesas coordenadas.
18:00-19:30 h. Mesa II: O pensamento escríbese con –As (o ensaio no século XXI). Rebeca Baceiredo, Montse Dopico e María Reimóndez.
Unha reflexión sobre a necesidade do ensaio como xénero literario que propicie o debate e o pensamento crítico no sistema de ensino; unha reflexión compartida sobre os campos de batalla (políticos, económicos, lingüísticos, institucionais…) onde se decide como pensar a nosa literatura contemporánea; un debate desde os feminismos, desde a conciencia do Outra (das Outr@s), para preguntarnos que literatura queremos construír entre tod@s e que valores poñemos en xogo cando interpretamos un texto literario que compartimos co alumnado. Porque nunca será o mesmo Filgueira Valverde que Xela Arias, aínda que ambos os dous se definan como literatura galega.
19:30-20:30 h. Lectura de conclusións e acto de clausura por aldaolado (Lucía Aldao e María Lado) [música/poesía/humor].

IVXornadaLiteraturaEnsino2014_revisado

Dublín, Irlanda: A AELG no Festival Isla (Irish Spanish Latin American) 2014

AMarta Dacosta Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora na edición de 2014 do Festival Isla (Irish Spanish Latin American) organizado polo Instituto Cervantes de Dublín, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O programa é o seguinte:

Venres, 17 de outubro de 2014 – Identidades.
15:30 h.. Apertura.
16:45 h.-18:00 h. Inauguración oficial con discurso a cargo do escritor irlandés John Banville.
16:45 h.-18:00 h. Retratar escribindo: América Latina-Irlanda-España. Modera: Helena Buffery (University College Cork). Autores-as: John Banville, Diamela Eltit e José Ovejero.
18:15 h.-19:30 h. Construíndo identidades. Modera: Philip Johnston (University College Dublin). Autores-as: Donal Ryan, Christodoulos Makris e Anamaría Crowe Serrano.

Sábado, 18 de outubro de 2014 – Gústannos as historias
11:00 h.-12:15 h.. Cóntamo outra vez. Modera: Jean Philippe Imbert (Dublin City University). Autores-as: Harkaitz Cano, Claire Keegan e Mary O’Malley.
12:30 h.-13:45 h. A palabra imprecisa. Modera: Martín Veiga (University College Cork). Autores-as: Hugo Hamilton, Marta Dacosta e Manchán Magan.
15:15 h.-16:30 h. Tras as pegadas de Octavio Paz. Autores-as: Antonio Rivero Taravillo, Armando González Torres e Ciaran Cosgrove.
16:45 h.-17:45 h. Lemos poesía. Presenta: Bill Richardson (NUI Galway). Autores-as: Marta Dacosta, Harkaitz Cano, Waldo Rojas, Mary O’Malley, Anamaría Crowe Serrano e Antonio Rivero Taravillo.
18:00 h.-18:50 h. Proxección: Buscando a Gabo. Documental sobre Gabriel García Márquez. Director: Luís Fernando Bottia, 2007 (Colombia). 50 minutos.
19:00 h.-20:25 h.. Proxección: Vida e obra de Octavio Paz. Documental sobre Octavio Paz. Director: Carlos Armella, 2014 (México). 84 minutos.

Domingo, 19 de outubro de 2014 – Cultura de libros
11:00 h.-12:30 h.. Literaturas enfrontadas. Ficción e realidade . Modera: Ciaran Carty. Autores: Paul Lynch, Malachy O’Doherty e Américo Cristófalo.
12:45 h.-14:15 h. O acceso á cultura. Presenta: Susan Cahill (Newstalk). Autores-as: Blanca Berasategui, Waldo Rojas e John Kelly.

Cork, Irlanda: Readings from the periphery, con Marta Dacosta, Isaac Xubín e Harkaitz Cano

Este acontecemento reúne tres escritores de Euskadi e Galiza para falar da importancia de escribir hoxe en día nas chamadas linguas minoritarias. A xornada comezará con dous seminarios sobre aspectos diferentes das literaturas vasca e galega contemporáneas, seguidos dunha lectura de poesía. Organizado polo Centro de Estudos Galegos de Irlanda e o Departamento de español, portugués e estudos americanos latinos, UCC, esta actividade conta coa participación da AELG, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A admisión ás dúas sesións é libre.

Copy-of-READINGS-36-624x882“O Centro Irlandés de Estudos Galegos da University College Cork organiza o venres 17 de outubro un seminario de investigación sobre literatura galega con Marta Dacosta, titulado Huellas de Rosalía, sobre a influencia de Rosalía na poesía galega e as voces actuais das mulleres na poesía galega: Como son as voces das poetas galegas hoxe en día? Son as estratexias de comunicación coas editoriais as mesmas que as que se utilizaban na época da célebre escritora? A continuación realizarase un seminario sobre literatura vasca con Harkaitz Cano: La literatura vasca: un mapa de los márgenes, ao que seguirá unha lectura de poemas en galego e éuscaro cos poetas Marta Dacosta, Harkaitz Cano e Isaac Xubín na Biblioteca Central de Cork, acompañado por unha recepción con viño.”

Volver a Luísa Villalta, por Cesáreo Sánchez Iglesias

DiscursoCesáreo Sánchez Iglesias pronunciado por Cesáreo Sánchez Iglesias na homenaxe da AELG a Luísa Villalta, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o 28 de setembro de 2014. Publicado como artigo en Sermos Galiza:
Luisa Villalta era un ser luminoso dixen hai dez años neste mesmo lugar que hoxe nos acolle e abraza coas cálidas maos do seu nome Teatro Rosalía de Castro que mellor lugar para volver a Luisa.
Luisa Villalta é da estirpe de María Miramontes, de Sira Alonso, de Esther Casares mulleres galegas enormes coma ela coa vitalidade irredutible da súa poesía co seu exemplo ético, cunha conciencia insubornable que podemos ler na testemuña vigorosa da sua palabra poética, dos seus ensaios, das súas obras de teatro, dos seus artigos ou colaboracións xornalísticas.
Volvemos a Luisa cando coa súa palabra indócil lembra a Antón Avilés de Taramancos no décimo aniversario, lembra as orientacións que nos da un dos que nos precederon para poder derrubar as eivas que nos fixeron emigrar, desertar da nosa lingua ou simplemente calar. Dinos que na palabra vigorosa de Antón Avilés están as sementes o vento xeneroso da sua idea de patria. Cito
Á luz do seu presente dá claves que aínda determinan a nosa realidade de hoxe. Falábanos do presente no que aparecera o pensamento feble que non se daba arreposto ao pensamento único, mais que en realidade é, dinos, o da renuncia ou do pensamento calado. Defende que “é necesario devolverle ás ideas a sua parte práctica que é a de dar coherencia ás accions, tanto individuais coma de grupo….”
Ela, que ergueu a bandeira da indignación cando o noso mar estaba a rebentar dolorosamente, dicía que: “a indignación común compromete á reconstrucción da dignidade”. Era o tempo no que os Galegos tivemos que encher de loito o branco da nosa bandeira.
Nos seus poemas ponse da parte das mais desfavorecidas habitantes da Cidade pois elas son a memoria individual e colectiva do que de máis fermoso e solidario ten creado o ser humano.
Concretamente fálanos da cidade coma lugar onde acontece a vida onde a sociedade dita as súas sentenzas de exclusión. Busca a beleza do humilde a beleza dos humildados que dicía Luis Seoane.
O seu eu poético éo dentro dun nós que é desta Terra un nós que é a nosa xente, o anaco de humanidade que somos.
A cidade, esta Cidade da Coruña é para ela o lugar das tensións sociais coma grande ágora da vida onde ela toma partido polos desposuídos polas desherdadas que o son por unha sociedade patriarcal depredadora.
A cidade que lle ofrece soidades que Ela non aceita e busca outra fértil soidade a súa.
A soidade namorada que dicía María Zambrano cando falaba de Nietzsche, aínda que ela está máis próxima de Rosalía ou de Ana Akmatova aquela que nas portas dos cárceres de Stalin resposta á mai dun preso que lle pregunta: “vostede é escritora? Si, sono. Pois cónteo” E Luisa cóntao dende a súa alta poesía dende as colaboracións xornalísticas, dende o seu oficio de ensinante.
Ela coma Pessoa sabía que as palabras son xente e alzou a voz e dixo non á guerra e gritou Nunca Máis pois a biografía da nosa indignación ven de moi lonxe é moi longo o camiño que con ela percorremos á conquista da nosa dignidade individual e colectiva.
Mais esta cidade é todas as Cidades que o ser humano construíu coma agora é aquela na que convivimos coma lugar que a natureza delimita a que ten zonas de sombra, e Ela fai un longo poema no que nos mostra aquilo que é escondida memoria da miseria, atrévese a entrar con humanidade e fraterna solidariedade para nos falar de toda a sociedade actual.
Só unha muller poeta do seu talento é capaz de abrir as xanelas de par en par, tamén para nos mostrar estes territorios humanos que a sociedade patriarcal converteu en submundo no que ditar as súas sentenzas de exclusión.
A Musica non é para ela so unha das formas mais fermosas de creación do ser humano senón, e tamén, o lugar onde a beleza dos sons e máis o ruído son lugar intanxíbel onde o mais depurado pensamento móstranse e obriga ao ser humano a se definir diante do canto do camiñante, obriga a compartir a biografía das desposuídas. Ela escoita o son dos pasos do camiñante. Escoita as badaladas do corazón solidario que é o do ser humano.
Busca nos seus poemas a Musica interior do tempo no seu transcorrer.
Escoita a música do mundo, das fontes do ser,de todo o que é entraña.
Aínda que hoxe o seu violín garda silencio, é o silencio de aquelas que escoitan o latexar do mundo.
Sempre estivo preocupada polo necesario tratamento social e educativo da nosa literatura para que a nosa xente tivese a capacidade critica e creativa necesaria para saber ler e reescribir o mundo con escritores e escritoras que puideran escribir mesmo para quen non le, que xa dixo Rosalía.
Haberá poesia en que salvarse? pergunta, e dinos “A poesía pouco pode resolver, mais si pode transformar a circunstancia en monumento intemporal, a impotencia no poder da palabra creativa”
Entra en lugares onde só a poeta pode entrar, no inenarrábel que “ vive e non se ve”
Dinos que o noso país está perder a memoria coma a auga que vai camiño de non se saber mar, nin río ou fonte. Alértanos de como ” o río invisivel interior e metafísico que chaman progreso” quérenos emigrantes na propia terra, sen país, nin nais culturais e ideolóxicas sen pasado, cunha mocidade cito “tal coma se os tivese parido a televisión”. Cuns mass-media a oferecer “a perspectiva real ou imaginaria de que a vida sempre está noutra parte”, nunca aquí. “Cando o que falta é que a vida poda estar aquí Alentando e facendo posibel un masivo regreso”. Así nos fala na clareza da súa complexa poesía do seu pensamento.
Pide unha educación para a paz, a xustiza e a liberdade.
Denuncia con dor a emigración dos mais novos que hoxe tamén denunciaría.
Constata como os máis rapaces aprenden de novo a ollada dos seus pais ausentes que só existen nas pupilas baleiras dos avós.
Ela denunciaría hoxe dende aquí que hai rapaces e rapazas no noso país que non fan tres comidas ao día.
Volvemos hoxe aos seus poemas volvemos ao seu talento de creadora para non nos perder de regreso á terra natal, ao centro de gravidade do propio ser.
Volvemos hoxe a ese ser luminoso que se chama Luisa Villalta.”

Pontevedra, Vigo e Redondela: Con barqueira e remador

Con barqueira e remadorO Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador reúne na súa terceira edición e durante unha semana na Illa de San Simón, en Redondela, sete recoñecidos poetas e, á vez, tradutores literarios procedentes de diversos países.
Baixo a coordinación de Yolanda Castaño e do vindeiro 13 ao 18 de outubro, Karlis Verdins (Letonia), Katerina Rudcenkova (República Checa), Leire Bilbao (Euskadi), Marilar Aleixandre (nacida en Madrid e cuxa obra literaria desenvolveu en galego), Alvin Pang (Singapur), Catharina Gripenberg (Finlandia) e Cosmin Perta (Romanía) terán oportunidade de compartir un enriquecedor traballo de transvasamento lingüístico dos seus textos aos distintos idiomas presentes no obradoiro, co inglés como lingua vehicular.
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador constitúe unha iniciativa pioneira en Galicia, concibida a semellanza das que se realizan noutros países, que se completa cunha programación de actividades abertas a todo o público e gratuítas. A primeira delas terá lugar o 15 de outubro, ás 20:00 horas na Casa das Campás de Pontevedra, onde terá lugar un recital poético multilingüe en colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra, cunha mostra do traballo poético dos autores e autoras do obradoiro como do labor de tradución ao galego durante o proxecto.
Ao día seguinte, ás 13 horas, celebrarase na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo unha mesa redonda sobre a tradución poética, que se acompañará cun recital. Outra lectura poética, neste caso de cada un dos poetas no seu idioma orixinal xunto coas versións en galego dos textos recitados, poralle o broche de ouro ao obradoiro o venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, no Multiúsos da Xunqueira de Redondela.

Lugo: Letra das Festas: Historias de tolos, chalados e traslidos, o mércores 8 de outubro

OLetra das Festas banner 2014 mércores 8 de outubro, ás 18:00 horas, no Círculo de las Artes de Lugo (Praza Maior, 23), a Sección de Literatura Oral da AELG, co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, dentro do San Froilán 2014, terá lugar a Letra das Festas. Historias de tolos, chalados e traslidos, onde se recollerá a memoria de personaxes singulares de Lugo e arredores. A entrada é de balde.

Interveñen: Ángel Martínez Fernández de la Vega, Paco Nieto, Isidro Novo, Lourdes Abuíde, Lois Pérez e Marica Campo.

Música: Abraham Cupeiro e Héctor Barro.

Coordinan e presentan: Isidro Novo e Antonio Reigosa (Sección de Literatura Oral da AELG).

Cartel_LetraDasFestas_2014_150(1)

Vigo: IX Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, Como escribir o futuro?, Teatro

AComoEscribirOFuturo Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre este tema, alén de nos daren un panorama subxectivo de como ven a situación de cadanseu xénero na actualidade.
O IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade. Como escribir o futuro?, finaliza coa seguinte actividade, que terá lugar entre as 13:00 a 14:30 h. no Salón de actos Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Lagoas Marcosende, s/n (Campus Universitario):

8 de outubro – Teatro
Contar ao carón da lareira en tempos dixitais. Existen novas linguaxes na oralidade?
Celso Fernández Sanmartín e Paula Carballeira.

CartolinaENU2014-96pppCartelENU2014-72ppp