A III Gala do Libro, organizada polas asociacións de Librarías, Editoras e Escritoras e Escritores, premiará o día 19 en Compostela as mellores obras do ano pasado

Un ano máis, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), únense para poñer en marcha a Gala do Libro Galego, iniciativa que ten como obxectivo recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017. A organización do evento ten carácter rotatorio polo que este ano correspóndelle ás librarías a coordinación dos actos.

O Teatro Principal de Santiago acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación da terceira edición, que se celebrará o vindeiro sábado día 19 de maio e na que serán recoñecidas as mellores obras publicadas en 2017 en once modalidades diferentes. Premiaranse tamén as mellores traxectorias de fomento da lectura, proxectos literarios en rede e xornalismo cultural.

No acto de presentación, Pilar Rodríguez, presidenta da FLG reivindicou que tanto dende a creación como dende a produción e a venda debemos intentar que os libros cumpran o seu grande obxectivo cultural e social, ao tempo que subliñou que “as tres asociacións que integramos este proxecto, ademais de celebrar esta festa do libro, sirva para esixir aos responsables da cousa pública unha decidida e decisiva intervención a prol da nosa cultura, da nosa lingua e dos nosos libros”.

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, destacou que “os escritores e escritoras galegas convócanse na Gala do Libro Galego para mostrar a rica produción do sistema literario galego ao longo do ano 2017, produción cualitativa e cuantitativamente importante en todos os xéneros literarios. Ao mesmo tempo, lembramos que a escritora Isabel Clara-Simó, nomeada Escritora Galega Universal, será galardoada dentro da Gala, o que supón tamén un recoñecemento da cultura e literatura catalá”.

Pola súa banda, Henrique Alvarellos, vicepresidente da AGE, resaltou que “esta terceira edición da Gala supón a consolidación dunha acción conxunta das tres asociacións que debe ser modelo de traballo para o futuro, tamén noutros eidos de promoción do libro e da lectura”.

Goretti Sanmartin, vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, destacou que “o desenvolvemento de xeito unitario desta gala dá boa conta da potencialidade de creadores e creadoras do noso país con propostas de alta calidade nos máis diversos ámbitos, mesmo cando o mundo do libro precisaría moitos máis recursos e apoio como mostran os recentes datos estatísticos”. Sinalou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin para quen “igual que se conseguiu unha unión dos diferentes axentes do sector debería de haber un pacto institucional, social e político igual que o que significou unha Lei do Libro Galego e o Plan do libro e a lectura que están sen desenvolver”.

Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a Gala vaise consolidando como un espazo para “poñer en valor a produción literaria máis recente e, ao mesmo tempo, facer visible un sector que é un piar imprescindible da nosa cultura”. Tamén salientou a suma de esforzos por parte das principais entidades do sector e das administración públicas de Galicia para levar a cabo a iniciativa.

Como remate das intervencións Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago manifestou que “o Concello de Santiago está orgulloso de ser unha das administracións que colaboran na Gala do Libro Galego, unha iniciativa pola que hai que felicitar ao sector, capaz de xuntar forzas e de crear sinerxias. Estamos convencidos de que esa é a mellor garantía de éxito”. “Compostela é unha cidade literaria, a nosa aposta polo sector é evidente, e cremos que todas as iniciativas suman e se complementan. Estamos a crear entre todos a todas un relato de cidade, unha identidade propia”.

Consulta Finalistas da Gala do Libro Galego 2018

ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E ESCRITORES EN LINGUA GALEGA
ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS
FEDERACIÓN DE LIBRARÍAS DE GALICIA

A Asociación Galega de Editoras, con stand propio nunha feira internacional

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““O libro galego ten que estar presente, esta (a presenza en Boloña) é unha proba de que somos capaces polos nosos medios de demostrar que o libro galego está vivo e que conta no mercado internacional”. Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, entidade que por vez primeira conta cun stand propio nunha feira internacional. Comeza a feira do libro de Boloña na que participan nove empresas galegas. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Compostela: A Lei do libro 2006 a debate, o 19 de abril

Co gallo do Día Mundial do Libro e a Lectura, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada de avaliación do desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, un texto que foi elaborado colectivamente no seu día e aprobado no Parlamento en 2006.

A partir da análise dos datos empíricos e dos obxectivos que a Lei pretendía e permitía acadar, valoraranse tamén os contidos desta dende a perspectiva legal e administrativa, así como a súa vixencia, fortalezas e feblezas a partir dos puntos de vista achegados polos distintos axentes públicos e privados relacionados con este ámbito.

PROGRAMA

Sesión de mañá

10:00
O proceso de elaboración da Lei do Libro 2006
Presenta: Manuel Bragado
Cristina Novoa, Asesoría de Bibliotecas Escolares
Xavier Senín, subdirector xeral de Cultura en 2006

11:00
Datos da edición en Galicia 2006-2016
Observatorio da Cultura Galega, CCG

11:30. Pausa

12:00
Contidos da Lei do libro 2006
Presenta: Alba Nogueira
Carlos Amoedo, Universidade da Coruña

Sesión de tarde

16:30
Lei do libro 2006, vixencia e perspectivas de reforma
Modera: Marcos Lorenzo
Xosé Ballesteros, AGE
José Daniel Buján Núñez, xefe de servizo da Biblioteca de Galicia
Susana Castro Barral, subdirectora xeral de Centros
Mercedes Queixas, AELG
Pilar Rodríguez, Federación de Librarías
Dolores Tobío Barreira, xefa do Servizo do Libro e Publicacións

Debate final

Inscrición aquí.
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75 % das sesións.

Lugar
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

A Asociación Galega de Editoras participa con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) participa, por primeira vez, con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos). A 55ª edición da BBF conta con China como país convidado. Celebrarase do 26 ao 29 de marzo e é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de autor infantil e xuvenil.
Alvarellos Editora, Edicións Embora, Kalandraka Editora, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia e Oqueleo, as empresas asociadas á AGE que participan no stand colectivo da entidade en Boloña ata o 29 de marzo.
Kalandraka Editora e Nova Galicia Edicións contarán un ano máis con stand propio na feira, ademais de participar no da AGE.
As empresas desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, na feira e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Ademais, desde o stand da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoriais galegas que participan na feira, unha das principais citas anuais do mundo editorial.”

Entrevista a Jorge Corrales, director xeral de Cedro, no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Jorge Corrales, director xeral de Cedro, participa nun encontro en Galicia con integrantes da AELG e da AGE. “É necesario permitir unha compatibilidade total do cobro da pensión de xubilación co cobro das obras que están protexidas por dereitos de autor”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

CEDRO solicita unha mellora da protección dos dereitos de autor

Jorge Corrales, director xeral do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), participou hoxe nun encontro con escritores/as e editoras galegos. Nesta sesión formativa puxo de manifesto a necesidade de que se modifiquen algúns aspectos do marco legal vixente de modo que se poida garantir unha protección eficiente dos dereitos de propiedade intelectual do sector do libro, as revistas e os xornais.

Nesta sesión, promovida pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e a AGE (Asociación Galega de Editoras), Corrales incidiu na urxencia de que se asegure unha remuneración adecuada para os autores e editoras polas copias, tanto en papel como dixitais, que das súas obras que se fan con fins colectivos en empresas, en administracións públicas e centros educativos. Tamén pediu que se incrementen os recursos públicos destinados á loita contra a pirataría en internet.

Por outra banda, tamén solicitou os cambios legais oportunos para que os autores poidan recibir unha remuneración polo préstamo público das súas obras e que se faga, ademais, un esforzo para conseguir a plena compatibilidade da pensión de xubilación dos autores coa percepción dos seus dereitos de propiedade intelectual. Neste sentido, o director de CEDRO apuntou que “ambas as medidas son fundamentais para fomentar a actividade creativa, cuxos resultados reverten positivamente no desenvolvemento do patrimonio cultural común, do nivel educativo e do económico”.

CEDRO, que este ano fai o seu trixésimo aniversario, ten asociados 24.392 autores e editoras, dos cales teñen o seu domicilio en Galicia 1.051 autores e 67 editoriais. Pedro Sánchez, responsable do seu Departamento de Socios, lembrou os beneficios que a afiliación a CEDRO lles reportan a este colectivo.

Sobre CEDRO
CEDRO ten como misión representar e defender os lexítimos intereses de autores e editoras de libros e publicacións periódicas, facilitando e promovendo o uso legal das súas obras. Na actualidade ten como membros 24.392 escritores, tradutores, xornalistas e editoriais do Estado, e representa en España máis corenta entidades similares doutros países.

Sobre os relatores
Jorge Corrales é o director xeral de CEDRO desde marzo de 2017. Anteriormente dirixía o Departamento Económico e Tecnolóxico da Entidade. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Alcalá, desenvolveu a súa traxectoria profesional nos sectores tecnolóxico, químico e, nos últimos 10 anos, no da propiedade intelectual.

Pedro Sánchez é o xefe do Departamento de Socios de CEDRO desde xaneiro de 2018, tras tres anos dirixindo o departamento de Licenzas nesta Entidade. Licenciado en Dereito e Historia pola Universidade Complutense de Madrid, ten unha ampla experiencia na área de Recursos Humanos.

CEDRO, 30 anos coa cultura. Encontro con autoras-es e editoras

CEDRO, 30 anos coa cultura. Encontro con autoras-es e editoras é unha actividade organizada por CEDRO, AGE e a AELG, que terá lugar a cuarta feira 14 de marzo de 2018, entre as 18:30 e as 20:00 horas no Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro), en Santiago de Compostela.

Nesta sesión representantes de CEDRO explicarán os avances conseguidos no trinta anos de existencia desta Entidade e explicarán cales son os cambios lexislativos necesarios para que os colectivos autorais e editoriais poidan desenvolver a súa actividade nun marco de seguridade xurídica e que garantan a protección eficiente dos seus dereitos de propiedade intelectual. Así mesmo, presentarán os servizos e beneficios que esta asociación ofrece a autores/as e editoras.

  • 18:30-18:40 Presentación.

Mercedes Queixas, Secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

  • 18:40-19:15 Necesidades lexislativas dos colectivos autorais e editoriais.

Jorge Corrales, director xeral de CEDRO.

  • 19:15-20:00 Beneficios de ser socio/a de CEDRO.

Pedro Sánchez, xefe do Departamento de Socios de CEDRO.

Organizan:
– AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega)
– AGE (Asociación Galega de Editoras)
– CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos)

Jorge Corrales é o director xeral de CEDRO desde marzo de 2017. Anteriormente dirixía o Departamento Económico e Tecnolóxico da Entidade. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Alcalá, desenvolveu a súa traxectoria profesional nos sectores tecnolóxico, químico e, nos últimos 10 anos, no da propiedade intelectual.

Pedro Sánchez é o xefe do Departamento de Socios de CEDRO desde xaneiro de 2018, tras tres anos dirixindo o departamento de Licenzas nesta Entidade. Licenciado en Dereito e Historia pola Universidade Complutense de Madrid, ten unha ampla experiencia na área de Recursos Humanos.

Obras finalistas dos Premios da III Gala do Libro Galego, 2018

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.

Este ano os Premios da Gala do Libro Galego incorporan novidades en relación ás categorías a recoñecer: a anterior modalidade de literatura infantil e xuvenil dá lugar a dúas modalidades, e incorpóranse os premios á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado.

En canto ás modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, que, anteriormente premiaban o traballo realizado no ano previo, agora pasan a recoñecer a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.

Así pois, faise pública a relación de obras finalistas por cada modalidade dos premios.

OBRAS EDITADAS EN 2017

Ensaio e investigación

– Amada García e os seus arredores, de Bernardo Máiz Vázquez (Edicións Embora).
– Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos (Edicións Xerais de Galicia).
Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama (Editorial Galaxia).

Divulgación

Cociña galega tradicional, de Matilde Felpeto (Edicións Xerais de Galicia).
Os nomes do terror: Galiza 1936, Xosé Álvarez Castro, Xosé Ramón Ermida Meilán; Eliseo Fernández e Xoán Carlos Garrido Couceiro (coordinadores), (Sermos Galiza).
Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
Universo matemático. Das ideas e das técnicas, de Antom Labranha (Edicións Xerais de Galicia).

Narrativa

Abadessa, oí dizer, de varias autoras (Através Editora).
Um elefante no armário, de Teresa Moure (Através Editora).
A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro (Editorial Galaxia).

Infantil

A batalla da pequena Chañan Curi Coca, de Rosa Aneiros, ilustrado por Almudena Aparicio (Edicións Xerais de Galicia).
Bruxa e familia, de Paula Carballeira, ilustrado por Lucía Cobo (Oqueleo).
A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo, ilustrado por Berta Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).

Xuvenil

22 segundos, de Eva Mejuto (Edicións Xerais de Galicia).
Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas, ilustrado por Víctor Rivas (Edicións Xerais de Galicia).
Corredora, de María Reimóndez (Edicións Xerais de Galicia).
Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).

Libro ilustrado

O branco non pinta!, ilustrado por María Brenn, de Antía Otero (Apiario).
As estrambóticas aventuras do Barón Münchhausen, ilustrado por David Pintor (Bululú Editorial).
A horta de Simón, ilustrado por Rocío Alejandro (Kalandraka Editora).
 Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).

Libro de banda deseñada

Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
O Bichero (VII), de Luís Davila (autoedición).
Fóra do mapa, de Emilio Fonseca (Deputación da Coruña).
Licor café. 13 grolos da Nova banda deseñada galega, de varias-os autoras-es (Demo Editorial).
Tonecho, de Xaquín Marín (Editorial Galaxia).

Iniciativa bibliográfica

Anna Turbau. Galicia, 1975-1979, Anna Turbau (Consello da Cultura Galega).
– Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
– Colección Biblioteca de Teatro, Chévere (Kalandraka Editora).
– Mulleres bravas da nosa historia (Urco Editora).

Tradución

A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe, traducido por Isaac Xubín (Edicións Xerais de Galicia).
Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
O rapaz que nunca existiu, de Sjon, traducido por Elías Portela (Rinoceronte Editora).
Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob, traducido por Samuel Solleiro (Aira Editorial).

Poesía

Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
Cervatos, de Lucía Novas (Kalandraka Editora).
Culpable, de Eli Ríos (Edicións Xerais de Galicia).
Na casa da avoa, de Marta Dacosta (Editorial Galaxia).

Teatro

Marcha fúnebre para un monicreque, de Roi Vidal (Xunta de Galicia/Baía Edicións).
Na butaca. Fantasía Nº 3 en Dor Maior, de Esther Carrodeguas (Editorial Galaxia).
Río Bravo, Chévere (Kalandraka Editora).
Suite Artabria, de Manuel Lourenzo (Edicións Xerais de Galicia).

Libro mellor editado

Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
Baixo as mesmas nubes, de Elga Fernández Lamas (Edicións Embora).
Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren (Kalandraka Editora).

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

– Biblioteca Neira Vilas de Vigo.
– Chan da Pólvora (proxecto de libraría e edición).
– Clube de lectura feminista Libraría Lila de Lilith/Plataforma de Crítica Literaria A Sega.
– Viñetas desde o Atlántico.

Proxecto literario na rede

BiosBardia, dirixida por César Lorenzo Gil, https://biosbardia.wordpress.com/
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, https://cadernodacritica.wordpress.com/
Criticalia, de Armando Requeixo, http://armandorequeixo.blogaliza.org/
Galicia Encantada. Enciclopedia de fantasía popular de Galicia, dirixida por Antonio Reigosa, https://galiciaencantada.com/

Xornalismo cultural

Ana Romaní
– Daniel Salgado
– Montse Dopico
Montse Pena Presas

“617 títulos menos que en 2016”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“617 títulos menos que en 2016. En 2017 diminúe o rexistro no ISBN de títulos en galego. ‘Soñamos que algún día esta caída libre se poida reverter e volver coma noutras épocas a soñar con ser a terceira potencia editora despois de Cataluña e Madrid’. Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras. A entrevista pode escoitarse aquí.”