Compostela: presentación de Miño. Antoloxía do relato galego actual

Culturgal celebrarase este ano con Camilo Franco como novo director

Desde Culturgal:
“Culturgal arrinca este 2023 cunha nova persoa á fronte: Camilo Franco. O xornalista cultural e escritor, cun perfil transversal que engloba tamén a xestión cultural, asume o posto de director cunha folla de ruta que responde ás bases da convocatoria lanzada pola directiva da feira o pasado febreiro, segundo a cal o cargo poderá prorrogarse varios anos.
A décimo sexta edición da Culturgal, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro, promete ser fiel á esencia da feira como un escaparate das culturas galegas diante do público, que permita ao tempo ampliar audiencias. Sen perder isto de vista, a Culturgal atenderá tanto ás principais manifestación das diferentes disciplinas da cultura galega, como a poñer en marcha iniciativas que permitan a visibilidade de novas expresións.
Igualmente, a feira busca este ano ampliar a participación profesional implicando máis sectores, baixo a premisa de ensanchar a base do que se considera cultura no século XXI. Esta maior integración das diversas disciplinas culturais artellarase cunha posta en escena renovada, que continuará a ter Pontevedra como centro neurálxico. Mais non só, pois esta edición a feira gañará protagonismo en toda a comunidade.
Estas son as liñas chave da candidatura do novo director, que resultou seleccionada entre as outras oito presentadas á convocatoria aberta desde o 27 de febreiro ao 8 de marzo. Ao longo dos próximos meses iranse desvelando máis detalles sobre esta edición, que pretende espallar a Culturgal máis alá do evento feiral, reivindicando o seu carácter referencial das nosas industrias culturais.
A feira está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A feira conta tamén co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Coruña.”

Compostela: Xornada Roberto Vidal Bolaño. Fálanos sempre

Escena para Todas 2021

Escena para Todas 2021 é unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación da Coruña.

Escena para todas quere promover o coñecemento e o uso da literatura galega nas aulas do país, poñendo en contacto ao estudantado con contidos que están fóra do currículo escolar e ofrecendo unha referencia de actividades ao profesorado. Co teatro como protagonista, este proxecto da AELG pretende que a rapazada perda o medo ao ir ao teatro e se anime a pasar das aulas aos patios de butacas.

A achega de Escena para todas vén de man do crítico teatral, xornalista e escritor Camilo Franco, que explica algunhas das razóns prácticas para ser espectadoras/es activas/os a partir de tres fragmentos da obra Só un home bo, de Raúl Dans, que o alumnado tamén pode ver en liña.

Aquí pode accederse á Unidade Didáctica.

Camilo Franco constrúe un piso para subverter as convencións literarias

Entrevista de Manuel Xestoso a Camilo Franco en Nós Diario:
“Talvez afirmar que o mundo cambia cada vez a maior velocidade sexa unha apreciación enganosa, mais do que non cabe dúbida é de que o que si se transforma cada vez con máis celeridade son os hábitos de comportamento e consumo cultural. Como unha forma de lles facer fronte a estas mudanzas, o xornalista, escritor e crítico Camilo Franco vén de presentar unha aplicación persoal –Piso Franco, que xa se pode descargar para Android e para iPhone- na que irá publicando textos breves cada semana e na que xa se poden ler decenas de pezas literarias e xornalísticas. Un 25% dos contidos será gratuíto, e o resto, só ao alcance dos subscritores. Piso Franco é un proxecto novidoso -até onde se ten noticia é a primeira app persoal dun escritor- na que as lectoras e lectores poden “subscribirse a un autor”.
“A decisión ten a ver con cousas que fixen antes como literatura na web, ou no Facebook”, explica Franco. “En certo modo é unha consecuencia de todo aquilo, creo que indispensábel estar aí. A literatura sempre cambiou coa introdución de novas tecnoloxías -desde o papiro até a radio, pasando pola imprenta- , e un teléfono móbil é un soporte tan bo para ela como calquera outro e, en función do que esperes, mesmo pode ser mellor. Creo que no futuro isto vai ser moito máis habitual do que é agora e que se non nos damos présa por ocupar ese terreo o que vai suceder é que o farán outros”.
Precisamente por esa experiencia previa en proxectos similares, a intención de Franco é tamén levar até os seus límites ás convencións do xénero, ver de que maneira o soporte condiciona a escrita.
“En case todas as miñas experiencias anteriores o que mandaba era a literatura breve”, afirma. “Sempre confiei na literatura breve e na capacidade de adaptación que ten: creo que xa está demostrado que se acomoda case en calquera soporte e que, ademais, funciona. Non perde a súa capacidade de comunicación entre un autor e os lectores. Como vai cambiar de aquí en diante? Pois iso é o que imos ver. O proceso está aberto e creo que veremos como vai cambiar a narrativa e como van facelo os xéneros”. (…)”