Desde
Sermos Galiza:
“Con Street Art Symphony, Fernando Epelde converteuse en gañador da nova edición do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Non é a primeira vez que o nome do ourensán aparece no programa da MIT xa que como actor formou parte do elenco de A Tempestade, a coprodución coa compañía Voadora baseada na obra de Shakespeare no 450 aniversario do seu nacemento.
Un xurado composto pola directora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Cristina Domínguez, o actor ourensán Toni Salgado, o escritor e crítico Camilo Franco e o director da MIT, Roberto Pascual, optaron pola obra de Epelde por unanimidade para concederlle o galardón de Ribadavia por tratar, segundo fixeron constar, dunha historia arredor de situacións conflitivas da nosa contemporaneidade como o illamento ou os desencontros xeracionais. As novas formas de relación entre as persoas e a transformación de personaxes son tamén outros dos valores destacados polo xurado do Abrente. (…)”
Arquivos da etiqueta: Camilo Franco
Roberto Pascual reivindica “a dignidade do oficio do teatro” na inauguración da Mostra de Ribadavia
Desde
Praza:
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia celebra o seu 30 aniversario, de novo convertendo esta vila ourensá nun dos referentes das artes escénicas na Península Ibérica. Arrincou este sábado, cun acto no que o seu director, Roberto Pascual, destacou que nas artes escénicas galegas “aínda son moitos os voluntarismos e as precariedades que cómpre solventar para vehicular do xeito máis profesional, ambicioso e eficiente todo o que atrae a esta gran conxunción de astros que nos alumean cada noite nestes escenarios”. Pascual sinalou que “ao igual que os traballadores dese xulgado de en fronte que queren pechar, os distintos traballadores da escena levan reivindicando a dignidade para o seu oficio con moito máis tempo ca outro sector nun país que aínda non dá síntomas de aproximarse a outros países da súa contorna en termos de estabilidade, estímulo e difusión do seu patrimonio activo da escena”.
O director da Mostra pediu un maior apoio para a MIT e sinalou que o evento “dá os pasos que o terreo lle permite dar e ás veces moitos máis, discretamente, para saltar as fochancas. Sería decepcionante que ese terreo non se acondicionase, mellorase, actualizase progresivamente”. No acto Cándido Pazó recibiu o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño, destacándose que “Pazó é hoxe, ademais dun destacado representante da arte da oralidade, un dos dramaturgos máis prolixos a pé do escenario, analítico coa realidade circundante e coa historia e moi aplaudido polo público”.
Ademais das representacións, na edición deste ano cómpre salientar a realización dun curso intensivo de clown co actor arxentino Roberto Iván Moschner, a resolución do 9º Premio Abrente de textos teatrais e a posta en marcha de blogs específicos de críticas dos espectáculos en galego e castelán, elaborados polos críticos Camilo Franco, Manuel Xestoso, Inma López Silva, Carla Capeáns ou Fabrice Corrons. Para os responsables da Mostra estas actividades “axudan a definir o festival como rede”, pois en palabras de Roberto Pascual: “os festivais deben ser un sólido complemento e non un paliativo, un estímulo e non un foguete e nese sentido radica tamén o compromiso da MIT coa sociedade e coas artes galegas”. (…)”
Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 78
Desde
Cultura Galega:
“A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo serviu o pasado venres 4 de xullo para presentar o número 78 da Revista Galega de Teatro. A publicación lanza a súa primeira entrega de 2014 a atender de xeito especial a escenografía, un ámbito no que conta con textos de Marta Pazos, Baltasar Patiño, Rodrigo Roel, Diego Valeiras e Tito Asorey, xunto a textos de Afonso Becerra e Camilo Franco. Críticas de producións recentes como As do peixe, Bye bye honey e Longa viaxe cara a noite complétanse cunha entrevista a Raquel Hernández e Pedro Fresneda con motivo do décimo aniversario do Teatro Ensalle. O volume está á venda por seis euros.”
Compostela: aberta a inscrición para o Curso de literatura práctica, impartido por Camilo Franco
A
Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, coa colaboración da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega organiza unha nova edición dos obradoiros de literatura para adultos que veñen realizándose estes últimos anos durante o outono.
Nesta ocasión, o programa, que leva por título Curso de literatura práctica, estará conducido polo escritor Camilo Franco e ofrecerá unha aproximación á literatura a partir de reflexións sobre onde comezan as historias ou a quen debe convencer o escritor ou escritora. Contará tamén coa participación doutros autores convidados.
O curso, gratuíto, componse de dez sesións, os sábados de 11:30 a 13:30 horas, na aula de didáctica do Museo-Fundación Eugenio Granell (praza do Toural) e comeza o 13 de setembro.
A inscrición cómpre facela por correo electrónico, enviando os datos persoais (nome, enderezo e teléfono de contacto) ao Departamento de Lingua Galega (dlg@santiagodecompostela.org). A data límite é o 5 de setembro e o número de prazas, que se asignarán por orde de chegada das inscricións, é de 25.
Explotados, de César Carracedo, obtén o galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O xurado do oitavo Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu por maioría outorgar o galardón desta edición á obra Explotados, escrita por César Carracedo; mentres que, o premio da Audiencia recaeu en A primeira vez, de Carmen Blanco Sanjurjo.
Da obra premiada, o xurado subliñou “o uso da linguaxe radiofónica, a capacidade para crear imaxes, o ritmo e o tratamento dun tema de actualidade en clave de comedia de compromiso”. Explotados recrea as negociacións entre un detective da policía e un secuestrador pechado nunha oficina do Inem. A precariedade laboral e o paro son os asuntos centrais desta comedia social que, na adaptación radiofónica realizada por Cristina Domínguez, interpretaron César Goldi, Machi Salgado, Mónica García, María Llanderas e Aaron Gómez Gallego, coa realización técnica de Chus Silva. (…)
O xurado desta edición do Premio de Teatro Radiofónico estivo formado pola directora e docente na ESAD Cristina Domínguez; o crítico de teatro, Camilo Franco; a docente na ESAD e crítica de teatro, Inma López Silva; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do espazo radiofónico Diario Cultural.
En total, 48 obras se presentaron a esta oitava edición, organizada pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, que patrocina o certame. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.”
Quiosco: Revista galega de teatro 77
Desde
Revista Galega de Teatro:
“Sumario:
– Editorial.
– Banda deseñada. Primeira páxina da banda deseñada 2132, ilustrada por Diego Blanco a partir da obra homónima de Roberto Vidal Bolaño.
– Temas. Coordenadas da poética histórica bolañesa/Xosé Manuel Fernández Castro; Historias de ausencias e doenzas: Guerra Civil e ditadura no teatro de Roberto Vidal Bolaño/ Iolanda Ogando; Urbano R. Moledo: un dramaturgo de trincheira/ Rexina R. Vega.
– Festivais: XXIX Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia/Manuel Xestoso; LXVII Festival de d`Avignon/Afonso Becerra de Becerreá; Galicia Escena Pro/Camilo Franco; XXVIII Festival Iberoamericano de Teatro de Cádiz/ José Henríquez; XVII Encuentro de Mujeres de Iberoamérica en las Artes Escénicas/Vanesa Sotelo; Mexe: II Encontro de Arte e Comunidade/Xoán C. Riobó e Antón Lamapereira.
– Espectáculos: Curriculum vitae, de Redrum Teatro/Manuel Xestoso; Románticos, de P. T. Excéntricas/ Manuel Xestoso; Sigue buscando, de Funboa Escénica/Afonso Becerra de Becerreá.
– Espazos: Un tranvía chamado desexo: do escenario á pantalla/ Alba Ermida; Xornadas Abrente/Redacción.
– Libros: José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde, de Xaime Iglesias González/Xoán C. Riobó; Fondo Teatral María Casares.
– Entrevistas: Marcos Abalde/Vanesa Sotelo.”
Camilo Franco lerá nos María Casares un Manifesto que defende un teatro que poña “o mundo a andar”
Desde
Sermos Galiza:
“Porque o teatro precisa a difusión para existir, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) escolleu ao xornalista Camilo Franco para ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro na gala dos XVIII Premios María Casares que terá lugar o próximo xoves 27 de marzo.
A AAAG destaca a contribución de Camilo Franco á difusión da actividade teatral durante toda a súa traxectoria. “O teatro precisa da información e da crítica. Hai un grupo de profesionais da comunicación que desenvolveron este traballo necesario. E escollemos a Camilo Franco como un representante claro desta función tan importante para nós”, sinala desde a AAAG o seu presidente Avelino González. Con anterioridade a Camilo Franco, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez e o ex-presidente da Academia e escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foron os encargados de ler o manifesto do teatro.
Segundo anuncian desde a organización, Camilo Franco defenderá no seu texto a necesidade de “atender e entender o teatro para solucionar os problemas do mundo”. Ao seu ver” na escena temos un espello para decatarnos de que somos moi malos: querémonos mal e matámonos moi ben” e dálle ao teatro posibilidades para “poñer o mundo a andar”.”
