A Coruña: Mostra de teatro amador

Mostra de teatro 40 Aniversario

Premios Pedrón para Carmen Mejía e o coro Cántigas da Terra

Desde Sermos Galiza:
“O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro concedeulle o Pedrón de Ouro 2016 ao Coro Galego Cántigas da Terra da Coruña e o Pedrón de Honra á filóloga Carmen Mejía Ruiz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
Doutora e profesora titular de Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía exerce a docencia sobre literatura galega, historia da lingua galega, literaturas románcicas e da materia “Literatura e Identidade na península Ibérica”. As súas liñas de investigación son, entre outras, a poesía peninsular comparada, as linguas en contacto e o conflito de identidades culturais minoritarias. É a directora de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, publicada en Madrid. No Congreso celebrado en Bos Aires en 2015 foi nomeada presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
O acto de entrega dos Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 22 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores o musicólogo Baldomero Iglesias, “Mero”, e a profesora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12:30 horas.”

A Coruña: Rosalía no Rosalía

Desde Sermos Galiza:
“Cen anos despois de que a cidade lle rendera homenaxe a Manuel Murguía no seu oitenta aniversario, Rosalia de Castro será lembrada no teatro que leva o seu nome nun concerto-recital o vindeiro domingo día 19 de maio ás 20:00 horas.
O Teatro Rosalía de Castro acollerá un encontro de música e poesía no que participan o Concello e a Fundación Rosalía de Castro e no que se sentirán as voces de Anxo Angueira, Dores Tembrás, Elvira Varela, Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa ou Xurxo Souto. A Banda Municipal da Coruña, Cántigas da Terra, Lydia Botana, Miguel Ladrón de Guevara, Sito Sedes ou Pedro Lamas porán música a esta homenaxe da cidade á poeta.
“O pobo destas mesmas rúas que ela pisou, o pobo deste mar que ela cantou, o pobo que honrou a Moore como ela o honrou devólvelle hoxe a Rosalía as pisadas, o canto e maila honra. E devólvellas no seu, no teatro da arte, no espazo escénico que leva o seu nome. Rosalía no Rosalía. Afortunada, feliz, luminosa escolla” escribe Anxo Angueira na presentación do programa da homenaxe. (…)”

Nova Polafía en Monte Alto, A Coruña, o sábado 26 de novembro

O sábado 26 de novembro, ás 19:30 horas, no Club do Mar de Santo Amaro (Monte Alto, A Coruña) a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza unha nova edición das Polafías:

Monte Alto, Monte Alto,
porque aquí a alma ten forma de barco

O pregón de Monte Alto, Manuel Rivas e Os Diplomáticos de Monte Alto.

Contos, cantos e historias do mar da Coruña, coa participación de Emilio Mariñas (sabio percebeiro) Serafín Mourelle (patrón do Gran Sol), Luís Dopico (patrón de baixura), Xurxo Souto, Moncho do Orzán, Manuel Lugrís, Isidro Novo, Comparsa Monte Alto a 100, coro Cántigas da Terra, e aínda máis amigas e amigos co seu saber contar e cantar. Tamén terá lugar a proxección do vídeo A recuperación microtoponímica da Peninsula da Torre, elaborado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A entrada será de balde. Colaboran: o Club do Mar de Santo Amaro, a Asociación de Veciños Barrio de Monte Alto, Cántigas da Terra e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Patrocina a Deputación da Coruña.