Desde a Fundación Manuel María:
“O Salón Teatro compostelán serviu de escenario para a entrega do premio correspondente á 3ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño e de 33 concellos galegos: A Coruña, As Pontes, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Culleredo, Gondomar, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, O Barco, O Carballiño, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Tomiño, Verín e Vilalba.
Nesta 3ª edición o premio recaeu na compañía Producións Teatrais Excéntricas polo seu proxecto Auto do Castromil, realizado sobre a obra homónima de Manuel María. A obra será dirixida por Quico Cadaval e o elenco está composto por Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González acompañados de Carlos Alonso na escenografía, Piti Sanz no espazo sonoro e Octavio Mas na iluminación.
O xurado tomou a súa decisión por unanimidade e cualificou o proxecto como “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no Teatro de máscaras de Otero Pedraio, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego”. Resaltou, ademais, que “a obra presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mistura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais propostos, aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor”. Tamén valorou o xurado que a proposta gañadora “presenta unha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular.” Finalmente salientou que “a compañía promotora -Excéntricas- está constituída por un equipo artístico sólido, contrastado e de alta calidade que resulta unha garantía para o desenvolvemento dun espectáculo atractivo de xogo escénico, comprometido, de humor e poesía”.
O Xurado estivo presidido por Manuel Lourenzo -Premio Nacional de Teatro-, actuando de vogais María Barcala de Teatro do Atlántico, Fernando Dacosta de Sarabela Teatro, Mónica Camaño, actriz e Manuel Xestoso, crítico teatral. Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede en representación da Fundación Manuel María.
Este Certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala á escena no prazo máximo de 10 meses. Despois estará en cartel cando menos até rematar o ano 2024.
En relación ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal en canto que o seu aspecto substancial reside na amplísima xira da obra pois partirá con 40 representacións grazas á colaboración das Deputacións, concellos e diferentes Mostras de Teatro. Ademais diso a propia Fundación achega 4000 euros como axuda á produción e o CDG coproduce o espectáculo. O presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, resaltou precisamente o feito de que este é un galardón moi singular en canto que “o mellor recoñecemento para unha obra é a súa difusión pois, ao fin, é o que máis desexa unha compañía profesional: chegar ao seu público.”
O encargado da entrega do Premio foi o propio Alberte Ansede, sendo recibido por Quico Cadaval, director da obra premiada. Estiveron acompañados por Francisco Javier Núñez, Director do Centro Dramático Galego; por Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago de Compostela e polo Xurado ao completo.”
Arquivos da etiqueta: Carlos Alonso
O circo aprópiase de Arnoia, Arnoia
Desde Sermos Galiza (foto: CDG):
“Ese relato de iniciación á vida adulta, épico e alegórico como adoita o seu autor, que se titula Arnoia, Arnoia (1985) será circo. O Centro Dramático Galego, en coprodución coa compañía Pistacatro e baixo a dirección de Quico Cadaval, estrea esta quinta feira 11 de outubro a adaptación da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, subtitulada O circo da casa pequena.
A peripecia de Nmógadah, príncipe segredo das terras de Arnoia, muta nun espectáculo en que as habelencias circenses de Pistacatro axudan a resolver non poucos lances escénicos. “Nmódagah, un adolescente de 16 anos, perde os seus seres queridos naguerra”, resume a nota do CDG, “a partir deste momento, vese só para iniciar un camiño asexado por perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo”.
Malabares e acrobacias, música en directo e danza que linda coa ximnasia, puntúan a lectura de Cadaval sobre o clásico de Ferrín. No escenario, as actrices Ánxela Blanco, Beatriz Rubio, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro e Álvaro Reboredo. A iluminación e a escenografía é de Baltasar Patiño, o vestiario de Carlos Alonso, e a música de Xurxo Pinheiro. Como axudantes de dirección, Marcos Ptt Carballo e Clara Gayo.
A primeira representación de Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena será este 11 de outubro ás 20:30 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Nese escenario, o habitual da compañía pública de teatro, ficará en cartel ate o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábado ás 20:30 horas e os domingos ás 18:00 horas. Tamén haberá pases matinais dirixidos a escolas e institutos.”
O CDG abre a súa nova temporada coa estrea no Salón Teatro da coprodución con Pistacatro Arnoia Arnoia
Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura a nova temporada de actividade pública no Salón Teatro de Santiago de Compostela coa estrea este xoves día 11 de outubro do espectáculo Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, que coproduce coa compañía Pistacatro Produtora de Soños.
Esta será a primeira das 12 montaxes programadas ata final de ano na sede compostelá da compañía da Consellería de Cultura e Turismo, que tamén acollerá parte das proxeccións do festival Cineuropa.
Quico Cadaval regresa ao Salón Teatro como director de Arnoia Arnoia, que combina teatro e circo para levar ás táboas a coñecida novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín, incluída na listaxe de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Neste escenario poderá verse ata o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábados, ás 20,30 h., o domingo, ás 18,00 h., e pases matinais concertados con centros escolares do martes 16 ao xoves 18, ás 11,00 h.
Os espectadores interesados en afondar no proceso de creación e posta en escena desta nova peza de Pistacatro terán, ademais, a oportunidade de conversar ao respecto co equipo artístico no encontro que se desenvolverá ao finalizar a función de tarde do xoves 18. O espectáculo está recomendado para todos os públicos, a partir dos 10 anos de idade.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia, e mais o equipo artístico e de produción de Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena presentaron hoxe esta ollada ao imaxinario múltiple de Méndez Ferrín, pasado pola peneira de Quico Cadaval.
En residencia
Na súa intervención, o director da Agadic inseriu este traballo na liña de coproducións que o CDG vén materializando xunto con distintas formacións artísticas e que leva parello, así mesmo, o desenvolvemento de residencias artísticas no Salón Teatro. É o caso de Pistacatro e tamén o doutras dúas compañías que visitarán proximamente este escenario: A Panadería regresará a Santiago do 25 ao 28 deste mes con Elisa e Marcela, tras un ano de éxitos por toda Galicia, e Pablo Fidalgo ofrecerá do 2 ao 4 de novembro a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro).
Jacobo Sutil tamén enmarcou nos obxectivos da compañía pública o feito de que Arnoia Arnoia se acompañe dunha serie de funcións dirixidas a escolares, ao tempo que destacou “o tándem Méndez Ferrín-Cadaval ao servizo dun xénero tan versátil e con tantas posibilidades de crear afección teatral como é o do novo circo aplicado ao teatro e, neste caso, servido por Pistacatro, compañía pioneira nesta disciplina en Galicia”.
Os recursos circenses son aquí claves para resolver en escena as aventuras e prodixios desta historia, que comeza cando Nmonadah, un adolescente de 16 anos, perde os seus seres queridos na guerra. A partir desde momento, vese só para iniciar un camiño asexado por perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo. Para regresar á súa casa pequena, deberá superar unha serie de difíciles probas coa axuda do amuleto Libredón e do castrón Mestre Lionel.
Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio conforman o elenco de Arnoia Arnoia, que conta con Baltasar Patiño no deseño da escenografía e da iluminación; Carlos Alonso, no do vestiario; Xurxo Pinheiro, a cargo da música; Rubén Vilanova, da fotografía; Juan Gallego, da imaxe; Belém Brandido e José Expósito na produción; e Marcos Ptt Carballido e Clara Gayo como axudantes de dirección.
Venda de entradas
A venda anticipada das localidades está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
Esta é a primeira da ducia de propostas que acollerá a sede do Centro Dramático Galego ata finais de ano e que, ademais das devanditas coproducións Elisa e Marcela e Anarquismos, ofrecerá teatro, danza e cinema para todos os públicos.
Así, o vindeiro día 21 o Festival Internacional de Títeres Galicreques presentará aquí o espectáculo El oso que no lo era, da compañía mexicana Mano y Contramano. O 30 de novembro, tras practicamente un mes de proxeccións do festival Cineuropa, o circo volverá ao Salón Teatro con Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará con danza (Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2) para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; Soños, do grupo de teatro afeccionado Down Lugo, o día 19; e as tres propostas do ciclo Gran teatro para os máis pequenos (Nómade, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro).”
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2018
Na Galería das Letras do Festigal 2018, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:
– 17:00 h. Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio. Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo, 2017. Edita: Fundación Galiza Sempre. Participan: Francisco Jorquera, presidente da FGS; Ana Miranda, eurodeputada polo BNG e vicepresidenta da FGS; Carlos Babío e Manuel Pérez, autores.
– 17:30 h. Invisibles. Relatos do maltrato. Montse Fajardo, 2017. Edita: Edicións Matriarcas. Participan: Montse Fajardo, autora do libro; e Carme Fouces, responsábel de Igualdade no Concello de Pontevedra.
– 18:00 h. Catalunya e nós. Coord. Rubén Cela Díaz, 2018. Edita: Fundación Terra e Tempo. Participan: Rubén Cela e representantes de ERC, CUP e JuntsXCat.
– 18:30 h. Metodoloxía didáctica do repente galego. María Porto e Henrique Salvador, 2017. Edita: Deputación de Pontevedra. Participan: María Porto, Henrique Salvador, autores; Carlos Alonso, presidente da Asociación ORAL; e Xosé Leal, responsábel de Cultura na Deputación de Pontevedra. Haberá unha demostración de repente galego.
– 19:00 h. Os soños na gaiola (Edición facsímile ilustrada por Reimundo Patiño). Manuel María, 2017. Edita: Casa – Museo Manuel María. Participan: Montse Pena, profesora da USC; Pepe Barro, deseñador gráfico; e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
– 19:30 h. Mulleres de Gargamala! Cantares da tradición oral. Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio, 2017. Edita: aCentral Folque. Presentan: Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio, autora e autor do libro, e Alba María, representante de aCentralFolque.
– 20:00 h. Bonus Track. Rosalía Fernández Rial, 2017. Edita: Editorial Galaxia. Presentan: Rosalía Fernández Rial, autora do libro; e Francisco Castro, director da Editorial Galaxia.
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2017
Na Galería das Letras do Festigal 2017, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o martes 25 de xullo:
– 16:00 h.: Doris Benegas, unha loitadora do pobo, coord.: Pablo Arroyo, publicado por Último Cero. Participan: Fernando Valiño, Luis Ocampo, María Xosé Queizán Vilas (colaboradora do libro) e Guillerme Vázquez.
– 16:20 h. Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Ed. Galaxia. Participa, xunto á autora, María Xosé Cacabelos, Presidenta da Asociación de Mariscadoras de Guimatur.
– 16:40 h. Conversa con Nacho Taibo e Carlos Callón arredor dos seus libros Os tres de nunca e Galegofalantes e galegocalantes, publicados por Xerais.
– 17:00 h. Os nomes do terror. Galiza, 1936. Os verdugos que nunca existiron, coord.: Dionísio Pereira, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido e Xosé Ramón Ermida, publicado por Sermos Galiza. Participan os coordinadores do mesmo e Xoán Costa.
– 17:20 h. Repente galego, de Ramom Pinheiro Almuinha, publicado pola Deputación de Pontevedra e Asociación ORAL. Participan: Xosé Leal, Eva Vilaverde, Carlos Alonso e o propio autor. Coa actuación das regueifeiras Alba María e Lupe Blanco.
– 19:40 h. Os soños na gaiola en concerto. Proxecto colectivo promovido polo Concello de Rianxo, Escola de Música de Rianxo, o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados e a Fundación Manuel María. Ed. Casa-Museo Manuel María. Participan: Saleta Goi, Irene Amado, coordenadora do proxecto, Adolfo Muíños e Alberte Ansede.
– 20:00 h. Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de María do Pilar García Negro, coeditado pola Fundación Galiza Sempre e Federación Galiza Cultura. Participa, xunto á autora, Francisco Jorquera Caselas.
– 20:20 h. Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid 1912-1925, de Javier del Valle-Inclán Alsina, publicado por Laiovento. Participa, xunto ao autor, José Ángel Maquieira.
– 20:40 h. Atlas das nações sem Estado na Europa, publicado por Através Editora. Participan: Valentim Fagim, editor, e Abraham Bande, adaptador e tradutor do orixinal.