Arquivos da etiqueta: Carlos Lema
Arancha Nogueira, gañadora do XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar co poemario Antese
“Reunido o xurado do XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, integrado polas escritoras Úrsula Heinze e Eva Mejuto, e os escritores Carlos Lema en nome da Editorial Galaxia, Miguel Anxo Mouriño en nome do IEM e Fran Fernández Davila, gañador da XII edición, resolve por maioría que o libro gañador desta XIII edición sexa o presentado co título de Antese que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Arancha Rodríguez Fernández, máis coñecida como Arancha Nogueira.
O xurado valora que se trata dunha obra de diálogo interxeracional construída sobre unha forma actual que combina levidade e fondura, na que se atopa unha voz perfilada e madura capaz de sintetizar dunha forma accesible situacións e sentimentos tremendamente complexos. No poemario destaca, dende a propia elección do título, o uso experto da lingua, así como da natureza cativa dun xardín como ferramenta e testemuña da liberación da alma humana a través da poesía. Saliéntase tamén a unidade temática, o ton sutil e reivindicativo do libro e a patente depuración de cada un dos versos usados, que medran en capacidade evocadora segundo se avanza na lectura.
Asemade, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Fío, O círculos incompletos, Funámbula na fronteira, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
O acto de entrega do premio e a presentación do libro, editado por Galaxia, terá lugar no mes de marzo de 2020, nunha data aínda por confirmar, pero que será arredor do día 13, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, durante os meses e xaneiro e febreiro de 2022, a gañadora impartirá un obradoiro presencial de poesía en Gondomar para o que se abrirá o prazo de inscrición nas próximas datas.”
A novela Eternity, de Xosé Monteagudo, é a gañadora do XV Premio Repsol
Desde Galaxia:
“A obra Eternity, de Xosé Monteagudo, resultou gañadora da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o voceiro do xurado, Xavier Senín, na sede da Real Academia Galega na Coruña
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das entidades participantes do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas, como son, a escritora, socióloga e filóloga, Estíbaliz Espinosa; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; a escritora, ensaísta e investigadora, María López Sández; o tradutor e académico Xavier Senín; e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, crítica literaria, tradutora e autora.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XV edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Xavier Senín, voceiro do xurado desta edición, trasladou no acto que “Eternity consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos de cote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”.
Ademais, o xurado salienta que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen: “As historias de vida enfíanse construíndo unha estrutura narrativa complexa, adquirindo un atractivo e engado de seu, pero integrándose na globalidade dunha novela que nos invita a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose coma un inmenso arquivo dixital”. (…)”
Vigo: presentación de Soldados forzosos, de Francisco J. Leira-Castiñeira
Alberto Lema gaña o XXXIII premio de novela Manuel García Barros
Desde Galaxia:
“O xurado do premio de Novela Manuel García Barros, composto por Anxos Sumai, Carmen Ferreira, Carlos Lema, Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario, fallou, na mañá do mércores a trixésimo terceira edición deste premio que foi, por maioría, a parar a mans de Alberto Lema Suárez pola obra Pazo de inverno.
O autor, que compaxina o seu labor político coa escrita literaria, conta xa cunha ampla traxectoria no ámbito editorial onde ten publicados varios poemarios como Plan de fuga e Crónica do chan, e novelas como Da máquina, Unha puta percorre Europa ou Sidecar, coa que acadou o premio Ánxel Casal.
Seleccionada entre un total de 41 traballos presentados, o xurado destacou desta novela a súa capacidade para recrear unha ficción coas fías das loitas de poder. As esferas do empresarial, o político e o periodístico gandúxanse para tecer unha crónica de contraluces hipnóticas. Nesta obra nada é o que parece e os trasfondos e maquinacións dos grupos de influencia acaban por nos revelar un complexo mapa de intereses e pulsións.
Doutra parte, a lograda caracterización dos personaxes, o suxestivo dos diálogos, a habelencia para recrear atmosferas e sucesos, así como a intelixente inserción de recursos parateatrais na narración fan desta obra unha proposta de anatomía sociopolítica dun tempo e de todo tempo.
O premio, dotado cun importe de 9.000€, entregarase a primeiros de decembro nun acto público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada.”