Fernando Redondo Neira gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018

Desde Galaxia:
“A obra Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Naturgy. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2018, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega, a Asociación dos Amigos do Campo, que nas primeiras décadas do s. XX, recolleron no celuloide, paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto.
O traballo sitúase no momento en que Galicia se abría ao Modernismo. Daquela, ten valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memorialístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Carme Adán, Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Chachero, María Xosé Porteiro e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Fernando Redondo Neira, nado en Camporrapado (Boqueixón), é un xornalista e investigador galego. Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Euskal Herriko Unibertsitatea e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela é tamén membro da Asociación Española de Historiadores do Cinema así como da Asociación Galega de Investigadores da Comunicación. En 2018 foi galardoado co Premio Manuel Reimóndez Portela.”

Antón Lopo gaña o XII Premio de Narrativa Breve Repsol

Desde Galaxia:
“A novela Extraordinario de Antón Lopo resultou hoxe gañadora da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o portavoz do xurado, Xoán Babarro, escritor e académico correspondente da Real Academia Galega.
O acto do fallo tivo lugar na refinería de Repsol na Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a director da área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañados do director da refinería, Javier Sancho, e o portavoz do xurado, Xoán Babarro.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros, e a obra será publicada na colección Literaria de Galaxia o vindeiro novembro.
O portavoz do Xurado, composto ademais polo director de edicións de Galaxia Carlos Lema, a escritora Eli Ríos, a profesora Dolores Vilavedra e o gañador da anterior edición Xosé A. Neira Cruz, destacou da obra gañadora “a particular riqueza léxica, así como os valores estilísticos relacionados coa sintaxe, que se visualiza a miúdo a través dunha puntuación orixinal”. Babarro engadiu que “o uso da primeira persoa, a distribución do texto en noventa notas de desigual extensión e o ritmo narrativo conseguido facilitan a lectura e acaban atrapando o lector”.
O protagonista de Extraordinario, desde hai anos separado do círculo familiar, regresa para coidar da nai, hospitalizada. A través da súa mirada iremos interpretando a personalidade de cada un dos membros da familia, desde a situación presente ata épocas pasadas. O autor non só nos mostra o ambiente hospitalario, senón tamén as difíciles relacións do personaxe central coa nai durante a infancia e a adolescencia, o trato coa irmá e o antagonismo co irmán máis vello.
O xurado do XII Premio Narrativa Breve Repsol define Extraordinario como unha novela sólida, atractiva e ben narrada, cunha riqueza temática que se complementa con recursos de tipo irónico e humorístico.”

Ana Cabaleiro gaña o Premio García Barros 2018

Desde Galaxia:
“Reunido o 18 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXX Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela As Ramonas que, aberta a plica, resutou ser da autoría de Ana Cabaleiro.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro, actuando como secretario, sinalou que a novela está “Narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.
As Ramonas é unha historia de protagonismo feminino onde unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo. Como unha antiheroína do século XXI, a protagonista simboliza no seu camiñar a vitoria da arte sobre as continxencias cotiás. (…)
O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e As Ramonas será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia. (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 4 de xullo

A cuarta feira 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 18:00 h. Arantza Portabales asina na caseta de Casa del Libro.
18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar o Vigo vello, publicado por Xerais. Nesta actividade poderán participar un máximo de 25 persoas por día previa inscrición na Caseta de Secretaría da Feira. Poden participara todas as persoas que presenten un comprobante de compra na feira. A inscrición será por rigorosa orde de chegada.
18:30 h. Presentación do novo libro+cd de Pablo Díaz, Coas miñas mans, publicado por Galaxia.
19:00 h. Anaír Rodríguez asina Pioneiras. Galegas que abriron camiño, publicado por Xerais, na caseta de Secretaría.
19:45 h. Conversa entre Ledicia Costas e Fran Alonso: Mulleres revolucionarias na obra de Ledicia Costas.
20:00 h. Iolanda Zúñiga asina exemplares de Noites de Safari, publicado por Xerais, na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. No acto participa, xunto ao autor, Carlos Lema.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 28 de xuño

A quinta feira 28 de xuño comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

12:30 h. Pregón de Manuel Bragado.
18:30 h. Presentación do novo libro+cd de Mamá Cabra, Eu cociño, ti cociñas?, publicado por Galaxia.
19:00 h. Álex Mene e Blanca Crespán asinan exemplares de A raíña das tortas, publicado por Alvarellos, na caseta de Librouro.
19:45 h. Presentación de The making of de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.