Cuestionario Proust: Ramón Vilar Landeira

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Vilar Landeira:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Certa tendencia a transitar os camiños longos e mal asfaltados e evitar as autoestradas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade, a empatía e o humor (empezando por ser quen de rir de si mesmas).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Un pouquiño de todo o anterior (despois cada un que faga como poida).
4.– A súa principal eiva?
– Cústame dicir NON todas as veces que debera (aínda así, progreso adecuadamente).
5.– A súa ocupación favorita?
– Amar (en horizontal, vertical e oblicuo), conversar, viaxar, ler e escribir. Nesta orde, estrita e innegociable.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha casa dende a que se poidan ver as estrelas e na que se sinta cómoda a xente que me aprecia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A desgraza dos que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Dianteiro centro do Deportivo, escritor de viaxes, cantante de baladas italianas, mestre reloxeiro ou inspector de homicidios.
9.– En que país desexaría vivir?
– Un algo en moitos, aínda que retornando sempre a Ítaca.
10.– A súa cor favorita?
– De neno era a vermella (agora gústanme todas).
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os bilitroques (polas tardes dos 23 de xuño) e as magnolias (pola exuberancia do propio nome).
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira, o merlo e as andoriñas que aniñan no noso pallote.
13.– A súa devoción na prosa?
Ferrín, Dieste, García Márquez, Rulfo, Urbano Tavares Rodrigues, Coetzee, Clarice Lispector, Donald Ray Pollock, Bolaño, Carver… E algúns moito máis novos que non cito para que non saiban canto os envexo.
14.– E na poesía?
– Aquí non vou mirar ao pasado, o agora está moi ben regado: Miro Villar, Olga Novo, Cordal, Chus Pato… Ah, e tamén daría parte das miñas accións en bolsa e fondos de investimento por asinar unha morea de cancións. Parte da mellor poesía galega da última década está en cds e bandcamps.
15.– Un libro?
– O que inaugurou a miña biblioteca hai trinta e algo anos. Comproumo meu pai no máis parecido que había na parroquia a unha libraría. Entre sacos de abono, colonias e tebeos de Mortadelo e Filemón, emerxeu o Robinson Crusoe de Daniel Defoe. Aínda o conservo.
16.– Un heroe de ficción?
– Non son moito de heroicidades.
17.– Unha heroína?
– Fíxolle as beiras a xente que coñecía e souben de antemán que entre ela e máis eu era imposible o amor.
18.– A súa música favorita?
– As músicas todas (menos a fúnebre e a das comecartos, son tristes e molestas).
19.– Na pintura?
– Van Gogh, Gauguin, Luís Seoane e os debuxos que me regalan os meus fillos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Atópoos con frecuencia e sei que non lle gustaría que dese os seus nomes.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes son todos bonitos (a xente que os leva depende).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O durmir en roupa interior e o dogmatismo (teño comprobado que hai unha relación causa-efecto).
23.– O que máis odia?
– A soberbia, a mesquindade e a peituga de pavo nos estantes do supermercado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A historia está repleta de cabróns esféricos (deses que foron cabróns a tempo completo, mires por onde os mires). Aínda así, cústame botarlle a un soa persoa todas as culpas de como é ou foi o mundo. As responsabilidades históricas, por acción ou omisión, son colectivas.
25.– Un feito militar que admire?
– Aqueles que evitaron unha inxustiza aínda maior (tampouco se me ocorren moitos, pero seguro que algún hai).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Conformaríame con quince centímetros máis e un algo de talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vello, (repito) nunha casa dende a que se poidan ver as estrelas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Voluble, aínda que predomina o optimismo sobre o ‘repunancia’.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que veñen de fábrica.
30.– Un lema na súa vida?
– Dálle que libras (son un tipo moi apreciado polos chapistas).”

Edítase Migrant Shores. Irish, Moroccan and Galician Poetry

Migrant Shores – Irish, Moroccan & Galician Poetry reúne escritoras e escritores de tres países do Atlántico, Marrocos, Galicia e Irlanda, que comparten a vivencia da dura experiencia da emigración e do exilio en diferentes momentos da historia.
O libro, que conta co apoio da AELG, conta coas achegas de Mohammed Bennis, Taha Adnan, Fatima Zahra Bennis, Imane El Khattabi, Mohamed Ahmed Bennis, Aicha Bassry, Mezouar El Idriss, Martín Veiga, Chus Pato, Eva Veiga, Baldo Ramos, Gonzalo Hermo, Marilar Aleixandre, María do Cebreiro, Paula Meehan, Máighrèad Medbh, Susan Connolly, Hugh O’Donnell, Catherine Phil MacCarthy, Sarah Clancy, Thomas McCarthy, Eiléan Ní Chuilleanáin, Lorna Shaughnessy, Maurice Harmon, Celia de Fréine, Keith Payne, Breda Wall Ryan e Mary O’Donnell.

Pontevedra: “Por un amor común. Homenaxe a Francisco Cortegoso”

A antoloxía Six Galician Poets difunde no exterior a literatura galega actual

Desde a Xunta de Galicia:
“A antoloxía Six Galician Poets difunde a literatura galega actual nunha edición bilingüe galego-inglés que acaba de ver a luz na colección New Voices from Europe and Beyond. A obra, publicada pola editora británica Arc Publications, reúne unha escolma de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Chus Pato, Estevo Creus, María do Cebreiro e Daniel Salgado, vertidos ao inglés polo poeta irlandés e tradutor Keith Payne. (…)
A obra reúne para o público internacional unha escolma de poemas de seis dos poetas galegos actuais máis consolidados tanto pola súa ampla traxectoria literaria como polo recoñecemento que merece a súa obra poética. A obra destes poetas preséntase en tradución inglesa realizada polo poeta irlandés e tradutor Keith Payne, mentres que a coordinación da escolma correu a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios, directora de varios proxectos de investigación estatais sobre poesía galega e irlandesa contemporánea. (..)”

O Pleno da Real Academia Galega elixe a Chus Pato académica de número

Desde chus-pato-raga Real Academia Galega (foto da RAG):
“O Pleno da Real Academia Galega, na sesión que celebrou o sábado 5 de novembro, elixiu académica numeraria a María Xesús Pato Díaz. A candidatura da escritora ourensá, coñecida como Chus Pato, fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro. Na mesma xuntanza de hoxe tamén foi elixido académico correspondente Clodio González Pérez.
Chus Pato (Ourense, 1955) conta cunha frutífera traxectoria poética e artística na que, sen esquecer un arraigado compromiso ético coa condición feminina e co país, desenvolve unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais. A súa é unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida tanto en Galicia como alén das nosas fronteiras. (…)
No mesmo Pleno foi elixido ademais novo académico correspondente Clodio González Pérez (Cenlle – Ourense, 1947). Docente de formación, compaxinou este labor cunha fecunda actividade investigadora e divulgadora no campo da historia e da etnografía, recollida en numerosos artigos e libros e recoñecida desde hai tempo con numerosos premios. (…)”

Cuestionario Proust: Isaac Xubín

Desdeisaac-xubin-2 o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Isaac Xubín:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– É doado facerme rir.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A actitude. Que sexan quen de manter o ritmo da conversa ao mesmo tempo que beben. Todo o que paga a pena na vida é cuestión da proporción correcta: empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– Ás veces penso que o tempo é infinito e claro, calculo mal, a fórmula non funciona e a proporción sae escarallada, o ritmo non ten a textura axeitada.
5.– A súa ocupación favorita?
– Moitas. Pero agora ocórreseme unha: Entrar nunha libraría de segunda man ben armado, cun billete de vinte libras. Ir co libro a un pub e pedir unha pinta de red ale e un scotch egg. Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Esperto, durante uns intres non sei onde estou, abro os ollos e arrecende a café acabado de facer. Entón lembro. É sábado, estou en Pontevedra e sei que miña nai está na cociña. Escóitoa falar. / É xoves, as cinco e media da tarde, e vou buscar á Núria á facultade, paseamos./ Atopo a Aitor en Vigo e subimos ao Fiat vermello, escoitamos Kortatu mentres viaxamos. / Vou mercar lambetadas para Leila e Amaro. Despois limítome a mirar os ollos grandes que teñen. / Xogar ao fútbol con César, estamos no mesmo equipo, gañamos, claro, porque eu consigo o balón para pasarllo, el fai os regates necesarios, é o mellor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer sen saber tocar o acordeón ou facerme vello antes de ver en persoa Il Pugile del Quirinale.
8.– Que lle gustaría ser?
– Hoxe estou contento, mañá xa verei se cambio.
9.– En que país desexaría vivir?
– Non lembro absolutamente nada de Espinosa de los Monteros, aló vivían meus pais cando nacín e marchamos cando tiña eu dous anos. Astorga é o silencio, lembro con claridade o silencio da tarde e a suor da enfermidade, os primeiros ataques de asma, as vexetacións e aquel hospital de León, o feito de non poder respirar. Salvoume a vida un estudante de medicina que estaba a facer a mili. Gijón é a praia de San Lorenzo, eterna, o balonmán e, por primeira vez, a consciencia de estar a vivir fóra: ‘Gallego’. Bilbo, Gasteiz, Compostela, Cork, Sheffield, Almacelles,… hai tempo que crucei unha liña vermella, a liña de non poder responder a esta pregunta, creo que podo ser feliz e calquera lugar en que me propoña vivir.
10.– A súa cor favorita?
– Durante unha época en que os tres estados se disputaban o protagonismo no mar, as bandeiras de España, Francia e Inglaterra eran brancas, un feito que, sobre todo un día sen vento, imposibilitaba saber se aquel barco ao lonxe era amigo ou inimigo. Os españois puxéronlle a solución que coñecemos e os ingleses crearon unha bandeira ‘de guerra’, completamente vermella e coa cruz de San Xurxo nun recuncho. Foi esa bandeira a que ergueron os obreiros ingleses para amosar que estaban ‘en guerra’: a cor vermella.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor do toxo, por ser o escudo da Federación Galega de Rugby. My lovely rose of Clare, que non se debe confundir con outra que me gusta: a rosa branca de York, pola derrota. As hortensias en Xubín que xa nunca máis serán. As flores da buganvílea que lle regalou miña nai ao seu irmán xemelgo e agora a coitada cando pasa por diante dela suspira e di: “Ai! Esta buganvílea!”
12.– O paxaro que prefire?
– Meu irmán, sobre todo meu irmán. Os meus avós paternos, que marcharon a Biscaia, como moitos dos seus familiares, e despois volveron. E os avós paternos da miña nai, os Berrozpe, que abandonaron Navarra e marcharon á Coruña para poder vivir o seu amor. O tío da miña nai, que marchou de Xubín con 14 anos a Alabama e volveu unha soa vez con 50 anos e aquel día miña nai estaba na leira a traballar canda a súa avoa e a señora, ao recoñecelo, o único que pedía, por favor, era que lle limpasen as mans, para non manchar o fillo coa terra. E tamén o de Laboa, claro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son un devoto, efectivamente, son un partisano: Ferrín.
14.– E na poesía?
– A mestra que me falou das lampreas e os alicerces lexislativos de certos edificios galeses: Chus Pato.
15.– Un libro?
A Mathematician’s Apology, de G. H. Hardy. Lino na biblioteca da Universidade do País Vasco: ‘Asumo que escribo para lectores que están cheos, ou estiveron cheos no pasado, dun auténtico espírito de ambición. A primeira obriga dunha persoa, e en particular dunha persoa nova, é ser ambiciosa. A ambición é unha paixón nobre que lexitimamente pode presentar dúas formas, había algunha nobreza na ambición de Atila ou de Napoleón, pero a ambición máis nobre é a de deixar tras de si algo que teña un valor permanente.
16.– Un heroe de ficción?
– Eu estiven en Hiroshima, diante daquela cúpula que permanece en pé. O Aquiles de Chus Pato, a máquina de guerra, o espírito das leis, nos ollos de Pentesilea.
17.– Unha heroína?
– As cadeas rotas. Ver a luz, proceso. Tese, antítese, síntese, os ollos de Pentesilea: a costureira de Rosalía.
18.– A súa música favorita?
– A Marcha de Brian Boru, un exército que se achega, que pasa por diante de ti e que se alonxa derrotado. You’ll never walk alone. A muiñeira de Ramelle a percutir no pelexo do tamboril de meu irmán. Queen. Muguruza. Pero debo dicir que sen Iron Maiden eu non sería o que son. Souben da delgada liña vermella, a pantasma da ópera e que era libre, a soidade do corredor de fondo.
19.– Na pintura?
– Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, polo salto.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A cuestión é facérllelo saber a todos. A maceira, o barco e a andoriña xa o coñecen, lévoos tatuados. Fáltame a rosa e mais a áncora. Sempre seredes ao meu carón comigo, malia que non esteades, levareivos á tumba con orgullo.
21.– O seu nome favorito?
– Non conto o tempo por anos, senón polos lugares en que vivín. Todos os que identifican a miña estirpe, aqueles que apuntan ao futuro. Se poño un espello diante de Pontevedra eu vexo Almacelles. Así que nin sequera un topónimo é quen de describir con eficiencia o paso do tempo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade. Polo tema do ritmo, a proporción e a empatía.
23.– O que máis odia?
– A impuntualidade. Cando aparecen pola porta eu xa levo media pinta e así non hai quen manteña o ritmo da conversa… non se pode producir a empatía e, polo tanto, non hai identidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os que deron soporte ao relato, os que dan soporte ao relato, os que están sentados sobre as foxas cun sombrero Panamá e odian as sete vogais do seu dialecto.
25.– Un feito militar que admire?
– O desembarco das tropas aliadas, un día de primavera do ano 1945, nas praias de Baldaio, Barrañán e Cambouzas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non creo nos dons, acredito na repetición e nas posibilidades do adestramento do cerebro medio.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Hai uns días en Compostela tiven a oportunidade de sentarme a xantar cun home que me falou abondo sobre este tema. Fíxome subir a outro nivel e decatarme da importancia de algo que xa sabía pero non reparara: a importancia de sermos conscientes do ritmo da respiración ao executar os golpes e ao soñar. Pero teño medo a afirmar e defender en público que estou expedito. Non son mellor ca ninguén.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tranquilo, en proceso de escoita. Transformación. Pero sobre todo, tranquilo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Absolutamente todos menos a impuntualidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Ovella que berra, bocado que perde.”

Compostela: Vou pola Ponte Ledesma, recital de Isaac Xubín

OIsaac Xubín mércores 21 de setembro, ás 20:15 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Isaac Xubín ofrecerá unha pequena antoloxía persoal, onde, ademais dun percorrido polas súas propias creacións, recitará textos doutros autores que lle gustan ou que tivo a oportunidade de traducir: Gabriel Aresti, Joseba Sarrionaindia, Xosé Luís Méndez Ferrín, Chus Pato, Xuan Bello… «Do que non hai dúbida é de que o recital tratará sobre a viaxe e o concepto de identidade», afima o autor.