Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2017

Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:

Sábado 1 de abril (12:00 – 13:30 h): paseo con Emma Pedreira.
​Este paseo é ao mesmo tempo un recital efémero, unha exposición fotográfica itinerante, unha homenaxe da poeta ao fotógrafo e ás rúas que pasearon e viviron xuntos como neta e avó, unha volta ao pasado nos tempos da guerra civil e, sobre todo, unha entrada exclusiva nun álbume de familia daquel neno que aprendeu o oficio da fotografía dentro dunha guerra.

Sábado 22 de abril (12:00 h – 13:30 h): paseo con Beatriz Maceda.
​Camiñar, retornar ao barrio de Beiramar na compaña dos versos de Luísa Villalta e do pasado anarquista deste o meu lugar da infancia, que sempre mirou cara ao mar. No que aprendín que ser muller era sinónimo de afouteza, que os viquingos contaban historias máxicas e, que na vida hai barricadas.

Sábado 6 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Nacho Taibo.
​O paseo percorrerá algunhas recordacións do autor sobre o centro da Coruña, fundamentalmente en relación cos escenarios da novela Os tres de nunca.

Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h ): paseo con Francisco X. Fernández Naval.
​A Coruña: feminina e plural. Dous serán os fíos condutores: a particularidade de ser A Coruña unha cidade que deu, ou na que viviron, mulleres transcendentes no seu pensamento e nos seus feitos e, tamén, o de ser de sempre cidade liberal. Pasaremos por lugares vinculados a María Casares, María Miramontes, María Pita, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Herrera Garrido, Luísa Villalta. Falaremos do mito do nome da cidade, da razón da rúa das Damas, e invocaremos a Juana de Vega, Concepción Arenal, Isabel Zendal ou Eugenia Osterberger, sen deixar de atender ás referencias liberais que atoparemos camiño.

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir respectivamente das seguintes datas:

– Paseo con Emma Pedreira: inscrición desde o xoves 23 de marzo.
– Paseo con Beatriz Maceda: inscrición desde o luns 10 de abril.
– Paseo con Nacho Taibo: inscrición desde o luns 24 de abril.
– Paseo con Chisco Fernández Naval: inscrición desde o martes 2 de maio.

Crónica fotográfica do Día de Rosalía de Castro na Coruña e Friol

Estas son algunas das fotografías dos actos promovidos pola AELG polo Día de Rosalía de Castro na Coruña e en Friol, o venres 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

A CORUÑA

FRIOL

A Coruña: recital de Marilar Aleixandre e Julia Uceda no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 6 de febreiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Marilar Aleixandre e Julia Uceda. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos febreiro 2017.

Lapis, cámaras… acción!, por Celia Parra

Desde (Abro paréntese…, blog de Celia Parra:
“O pasado mes de novembro, gracias ó convite da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e coa colaboración do Concello da Coruña, impartín un obradoiro de iniciación á videopoesía no Centro Ágora.
Baixo o lema Lapis, cámaras… acción!, puxémonos mans á obra para descubrir, facer e compartir videopoesía. O obxectivo do obradoiro foi proporcionar ferramentas e técnicas para fomentar a creación de videopoemas. Tentamos que cada asistente, logo de aprender sobre o xénero e os seus procesos creativos, crease o seu propio videopoema como produto final do obradoiro.
Lonxe de aspirar á perfección técnica, animouse a empregar as ferramentas ao dispor de cadaquén (teléfono móbil, programas de edición gratuítos, mesmo fotografías libres de dereitos) e a concentrar o aprendido nun exercicio sinxelo e acotado. O importante era ter unha primeira toma de contacto coa videopoesía e os seus procesos, que valese para practicar ou trasladar o aprendido con maior profundidade posteriormente.
Non podo estar máis contenta coa acollida, a curiosidade, os debates, o traballo e os resultados. Saíron do forno videopoemas fantásticos que superaron toda expectativa. E para mostra, un botón. Ou dous: O verbo, de Clara Vidal, e Pegada, de Paulo Fernández.
Graciñas a todas e todos!”

(Fotografía de Mercedes Queixas)

Bases do VII Certame Curtas para Rosalía

BASES DO VII CERTAME CURTAS PARA ROSALÍA

1.- ORGANIZACIÓN
OAS-PG Certame de curtametraxes Curtas para Rosalía é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Con tal motivo a AS-PG designará unha Comisión Organizadora encargada de recepcionar as obras, avaliar a súa adecuación ás bases, promocionar o certame e organizar as galas de entrega de premios e, se for o caso, resolver e decidir sobre calquera outro aspecto non previsto nas presentes bases. Así mesmo, a AS-PG designará un Xurado que estará formado por persoas relevantes do mundo da cultura galega e do audiovisual. Tanto a composición da Comisión Organizadora como a do Xurado faranse públicos no enderezo web: http://bitaculas.as-pg.gal na entrada Curtas para Rosalía. Ningún dos membros do xurado nin da Comisión organizadora poderán participar no Certame. Nesta VII edición o Certame Curtas para Rosalía conta coa colaboración do Concello da Coruña.

2.- TEMÁTICA
A primeira edición deste certame tivo como motivo central a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu falecemento. No 2013 celebramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos (Vigo 1863), obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas.
Resulta evidente que as potencialidades que se agochan na obra de Rosalía deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe. Sendo Rosalía de Castro a figura máis representativa da Literatura Galega, desde a organización deste certame entendemos que homenaxear a Rosalía é homenaxear e divulgar a Literatura Galega. Polo tanto aquelas persoas que queiran presentar obras a este certame poderán facelo atendendo a un dos seguintes criterios:
1.- Obras cuxa temática xeral sexa a persoa de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento que destaque a súa vida, traballo ou calquera outro punto de interese da escritora como tal ou do seu contorno.
2.- Obras cuxa temática se centre, interprete ou explore calquera texto de calquera época da Literatura Galega ou da súa tradición oral.

3º NORMAS DE PARTICIPACIÓN
1. Poderán optar aos premios as curtas rodadas en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros), inéditas ou que fosen estreadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 10 de maio de 2017.
2. As obras presentadas terán que ser presentadas en soporte DVD e recepcionadas antes das 14 horas do día 10 de maio no local da AS-PG, enderezo postal que figura no apartado 4 destas bases, acompañadas da documentación que neste mesmo apartado 4 se solicita.
3. A duración non excederá en ningún caso os 30 minutos, créditos incluídos.
4. O idioma (audio e texto) das obras presentadas será o galego, non admitíndose ningún outro agás para a incorporación de textos de Rosalía. Neste caso poderá incorporarse no idioma en que foron redixidos.
5. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.
6. As obras presentadas deberán ir acompañadas da súa correspondente ficha de inscrición (anexo 1), xunto coa fotocopia de DNI da persoa de representación da curtametraxe e fotocopia de DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
7. No web da AS-PG, no espazo: http://bitaculas.as-pg.gal, serán publicadas as curtas admitidas a concurso. Así mesmo, serán publicadas as obras finalistas en cada categoría. As obras admitidas poderán ser emitidas naqueles actos organizados para a promoción do festival, sempre sen ánimo de lucro.
8. Categorías.
Somos conscientes que o mundo do ensino se está a vencellar cada vez máis con este certame e desde a AS-PG pretendemos facer aínda máis visíble o traballo que desde os Centros de Ensino se está a levar en soporte audiovisual. Por este motivo nesta VII edición do Certame contemplamos dúas categorías, unha delas é especificamente para curtas elaboradas por Centros de Ensino. Así convocamos:
a) Categoría mellor Curta da VII edición.
b) Categoría mellor Curta VII edición de Centros de Ensino.
A mesma Curta só poderá participar nunha única categoría que será indicada na ficha de inscrición.
O xurado designará un máximo de tres obras finalistas, en cada unha das categoría. Entre eses finalistas estará a gañadora.
9. As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala de entrega de premios que terá lugar a primeiros de xuño. Data e lugar serán publicados na páxina web da AS-PG. Nesta Gala é obrigada a presenza, en representación das obras, dalgún dos membros das curtas finalistas. A non presentación será motivo da perda do importe económico do premio (no caso de a obra resultar premiada), mais non do premio en si.
10. Responsabilidades legais. O/a concursante será único responsable da súa curtametraxe. A organización do certame declina toda a responsabilidade da curta e o seu contido sobre o/a participante.
11. O material enviado ao inscribirse non será devolto.

4º INSCRICIÓN
A inscrición será realizada polo director, directora, produtor, produtora ou calquera membro responsábel da obra que pretenda concursar, e constará de dúas fases:
1.- Na primeira fase o director/a, produtor/a ou calquera membro responsábel da obra, enviará un correo electrónico a informacion@as-pg.com en que constará nome e apelidos e contacto (teléfono e correo electrónico) e manifestará a intención de participar no certame. Esta preinscrición, que é gratuíta, haberá de se facer antes do 1 de febreiro de 2017, e ten como finalidade poder comunicar calquera modificación, ampliación ou variación dalgún dos conceptos que aparecen nestas bases, tal e como se recolle na base 7.
2.- Na inscrición e recepción definitiva, até as 14 horas do 10 de maio de 2017, os/as participantes deberán enviar a seguinte documentación:
* DVD (en formato dvd_vídeo, .mov, ou mp4) con copia do filme ou filmes que optan ao certame.
* Ficha de inscrición (Anexo 1) con todos os campos cubertos. No caso de presentar máis dunha obra deberá enviar tantas fichas como obras.
* Fotocopia do DNI da persoa que representa a obra.
* Fotocopia do DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
Os traballos deberán enviarse ou presentarse no seguinte enderezo:
Asociación Socio-­Pedagóxica Galega
“VII Certame Curtas para Rosalía”
Rúa Laracha, 9 ­baixo
15010 A Coruña
Os gastos de envío das obras presentadas correrán a cargo dos participantes.
Se desexas participar podes baixar aquí a ficha de inscrición.

5º. XURADO
A AS-PG, como entidade organizadora deste evento, nomeará un xurado encargado de valorar as obras. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual. No seu momento publicarase na páxina web da asociación a relación de membros do xurado. O ditame do xurado será inapelable.

6º PREMIOS
Categoría mellor Curta da VII edición.
– 1º Premio da VII edición de Curtas para Rosalía dotado de 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio da VII edicións de Curtas para Rosalía dotado de 500€ + Diploma.
Categoría mellor Curta VII edición de Centros de Ensino.
– 1º Premio á mellor curta da VII edición presentada polos Centos de Ensino dotado de 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio á mellor curta da VII edición presentada polos Centos de Ensino dotado de 500€ + Diploma.

7º RESPONSABILIDADE
A participación neste certame supón a aceptación plena destas bases por parte de cada participante. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á Organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.”

A Coruña: recital de Silvia Penas e Laura Accerboni no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Silvia Penas e a poeta italiana Laura Accerboni. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos decembro 2016.