Bases do VII Certame Curtas para Rosalía

BASES DO VII CERTAME CURTAS PARA ROSALÍA

1.- ORGANIZACIÓN
OAS-PG Certame de curtametraxes Curtas para Rosalía é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Con tal motivo a AS-PG designará unha Comisión Organizadora encargada de recepcionar as obras, avaliar a súa adecuación ás bases, promocionar o certame e organizar as galas de entrega de premios e, se for o caso, resolver e decidir sobre calquera outro aspecto non previsto nas presentes bases. Así mesmo, a AS-PG designará un Xurado que estará formado por persoas relevantes do mundo da cultura galega e do audiovisual. Tanto a composición da Comisión Organizadora como a do Xurado faranse públicos no enderezo web: http://bitaculas.as-pg.gal na entrada Curtas para Rosalía. Ningún dos membros do xurado nin da Comisión organizadora poderán participar no Certame. Nesta VII edición o Certame Curtas para Rosalía conta coa colaboración do Concello da Coruña.

2.- TEMÁTICA
A primeira edición deste certame tivo como motivo central a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu falecemento. No 2013 celebramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos (Vigo 1863), obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas.
Resulta evidente que as potencialidades que se agochan na obra de Rosalía deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe. Sendo Rosalía de Castro a figura máis representativa da Literatura Galega, desde a organización deste certame entendemos que homenaxear a Rosalía é homenaxear e divulgar a Literatura Galega. Polo tanto aquelas persoas que queiran presentar obras a este certame poderán facelo atendendo a un dos seguintes criterios:
1.- Obras cuxa temática xeral sexa a persoa de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento que destaque a súa vida, traballo ou calquera outro punto de interese da escritora como tal ou do seu contorno.
2.- Obras cuxa temática se centre, interprete ou explore calquera texto de calquera época da Literatura Galega ou da súa tradición oral.

3º NORMAS DE PARTICIPACIÓN
1. Poderán optar aos premios as curtas rodadas en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros), inéditas ou que fosen estreadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 10 de maio de 2017.
2. As obras presentadas terán que ser presentadas en soporte DVD e recepcionadas antes das 14 horas do día 10 de maio no local da AS-PG, enderezo postal que figura no apartado 4 destas bases, acompañadas da documentación que neste mesmo apartado 4 se solicita.
3. A duración non excederá en ningún caso os 30 minutos, créditos incluídos.
4. O idioma (audio e texto) das obras presentadas será o galego, non admitíndose ningún outro agás para a incorporación de textos de Rosalía. Neste caso poderá incorporarse no idioma en que foron redixidos.
5. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.
6. As obras presentadas deberán ir acompañadas da súa correspondente ficha de inscrición (anexo 1), xunto coa fotocopia de DNI da persoa de representación da curtametraxe e fotocopia de DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
7. No web da AS-PG, no espazo: http://bitaculas.as-pg.gal, serán publicadas as curtas admitidas a concurso. Así mesmo, serán publicadas as obras finalistas en cada categoría. As obras admitidas poderán ser emitidas naqueles actos organizados para a promoción do festival, sempre sen ánimo de lucro.
8. Categorías.
Somos conscientes que o mundo do ensino se está a vencellar cada vez máis con este certame e desde a AS-PG pretendemos facer aínda máis visíble o traballo que desde os Centros de Ensino se está a levar en soporte audiovisual. Por este motivo nesta VII edición do Certame contemplamos dúas categorías, unha delas é especificamente para curtas elaboradas por Centros de Ensino. Así convocamos:
a) Categoría mellor Curta da VII edición.
b) Categoría mellor Curta VII edición de Centros de Ensino.
A mesma Curta só poderá participar nunha única categoría que será indicada na ficha de inscrición.
O xurado designará un máximo de tres obras finalistas, en cada unha das categoría. Entre eses finalistas estará a gañadora.
9. As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala de entrega de premios que terá lugar a primeiros de xuño. Data e lugar serán publicados na páxina web da AS-PG. Nesta Gala é obrigada a presenza, en representación das obras, dalgún dos membros das curtas finalistas. A non presentación será motivo da perda do importe económico do premio (no caso de a obra resultar premiada), mais non do premio en si.
10. Responsabilidades legais. O/a concursante será único responsable da súa curtametraxe. A organización do certame declina toda a responsabilidade da curta e o seu contido sobre o/a participante.
11. O material enviado ao inscribirse non será devolto.

4º INSCRICIÓN
A inscrición será realizada polo director, directora, produtor, produtora ou calquera membro responsábel da obra que pretenda concursar, e constará de dúas fases:
1.- Na primeira fase o director/a, produtor/a ou calquera membro responsábel da obra, enviará un correo electrónico a informacion@as-pg.com en que constará nome e apelidos e contacto (teléfono e correo electrónico) e manifestará a intención de participar no certame. Esta preinscrición, que é gratuíta, haberá de se facer antes do 1 de febreiro de 2017, e ten como finalidade poder comunicar calquera modificación, ampliación ou variación dalgún dos conceptos que aparecen nestas bases, tal e como se recolle na base 7.
2.- Na inscrición e recepción definitiva, até as 14 horas do 10 de maio de 2017, os/as participantes deberán enviar a seguinte documentación:
* DVD (en formato dvd_vídeo, .mov, ou mp4) con copia do filme ou filmes que optan ao certame.
* Ficha de inscrición (Anexo 1) con todos os campos cubertos. No caso de presentar máis dunha obra deberá enviar tantas fichas como obras.
* Fotocopia do DNI da persoa que representa a obra.
* Fotocopia do DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
Os traballos deberán enviarse ou presentarse no seguinte enderezo:
Asociación Socio-­Pedagóxica Galega
“VII Certame Curtas para Rosalía”
Rúa Laracha, 9 ­baixo
15010 A Coruña
Os gastos de envío das obras presentadas correrán a cargo dos participantes.
Se desexas participar podes baixar aquí a ficha de inscrición.

5º. XURADO
A AS-PG, como entidade organizadora deste evento, nomeará un xurado encargado de valorar as obras. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual. No seu momento publicarase na páxina web da asociación a relación de membros do xurado. O ditame do xurado será inapelable.

6º PREMIOS
Categoría mellor Curta da VII edición.
– 1º Premio da VII edición de Curtas para Rosalía dotado de 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio da VII edicións de Curtas para Rosalía dotado de 500€ + Diploma.
Categoría mellor Curta VII edición de Centros de Ensino.
– 1º Premio á mellor curta da VII edición presentada polos Centos de Ensino dotado de 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio á mellor curta da VII edición presentada polos Centos de Ensino dotado de 500€ + Diploma.

7º RESPONSABILIDADE
A participación neste certame supón a aceptación plena destas bases por parte de cada participante. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á Organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.”

A Coruña: recital de Silvia Penas e Laura Accerboni no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Silvia Penas e a poeta italiana Laura Accerboni. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos decembro 2016.

Crónica videográfica da I Xornada de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional (e II)

Abannerixornadalitdramaelg2016 I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional, que contou co apoio do Concello da Coruña, tivo lugar o sábado 5 de novembro no Quiosco Alfonso.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe as intervencións de Xavier Albertí e o público asistente na aula maxistral que deu o autor catalán:

Aula maxistral de Xavier Albertí (I):


Aula maxistral de Xavier Albertí (II):


Aula maxistral de Xavier Albertí (III):


Aula maxistral de Xavier Albertí (IV):

Crónica videográfica da I Xornada de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional (I)

Abannerixornadalitdramaelg2016 I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional, que contou co apoio do Concello da Coruña, tivo lugar o sábado 5 de novembro no Quiosco Alfonso.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas dúas intervencións:

Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG.


Intervención de Afonso Becerra.

A Coruña: XX Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

cartaz_iban_2016A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ao chegar o seu Memorial Ibán Toxeiro á súa XX edición, pretende celebralo dun xeito diferente, aínda que complementario a anteriores ocasións. Sempre, o noso Memorial quixo unir a actrices e actores amadores e profesionais nun mesmo escenario, nunha clara homenaxe a un actor que formou parte activa de ambos mundos. Mais esta vez, é a pretensión dos directores da gala, Xoán Carlos Mejuto e Lino Braxe, realizar unha fusión do oficio actoral, tanto amador como profesional, non presentando obras en compartimentos estanco diferenciados, senón abordando a estrea da obra de Álvaro Cunqueiro Romeo e Xulieta, famosos namorados, peza na que participarán actores e actrices profesionais e amadores sen distinción. O grupo de teatro da ACAB, Teatro Valacar e a coral Breogán da ONCE, xunto con actores como Xosé Bonome, Manuela Varela, Pedro Picos, Sabela Hermida, Xosé Vilarelle e outros profesionais da escena, serán os encargados de levar adiante este desafío. Asemade, Teatro Proscrito realizará un fragmento do Edipo de Manuel María.

Paseos pola Coruña literaria, con Xulio López Valcárcel, o sábado 12 de novembro

Osbannerpaseosoutono2016acorunha Paseos pola Coruña literaria – Outono 2016 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

HORARIO:
– Sábado 12 de novembro (12:00-13:30 h.)

INSCRICIÓN (PREVIA E OBRIGATORIA)
ONDE:
Na conserxaría do Centro Ágora (Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos), na seguinte data:
Paseo do sábado 12 de novembro con Xulio López Valcárcel: inscrición desde o mércores 2 de novembro.

PREZO:
De balde, con inscrición previa.

REQUISITOS:
Inscrición previa (55 prazas, en cada paseo). Maiores de 16 anos.

PASEOS POLA CORUÑA LITERARIA 2016

Hai moitas formas diferentes de pasear a cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na nosa cidade: Xosé Duncan, Lucía Aldao, Eli Ríos e Xulio López Valcárcel.

Desde o sábado 24 de setembro retomamos estes paseos que xa comezamos en 2014 e que tanta demanda tiveron entre a cidadanía.

O seguinte paseo que imos realizar é:

– Sábado 12 de novembro (12.00-13.30 h): paseo con Xulio López Valcárcel.

12 novembro: Xulio L. Valcárcel
No ecoar dos pasos
“No ecoar dos pasos” será unha volta, unha recuperación da memoria doutro tempo a través da vida e da obra de autores/as que moraron nese espazo da Cidade Vella: Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Francisca Herrera, Miguel González Garcés…

paseos outono 2016 a corunha

I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional

Abannerixornadalitdramaelg2016 I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional, que contará co apoio do Concello da Coruña, terá lugar no Quiosco Alfonso, co seguinte programa previsto:

12:00 h. A Literatura Dramática galega na actualidade.
Encontro-asemblea das dramaturgas e dramaturgos que forman parte da AELG, así como doutras persoas non pertencentes á AELG que estean interesadas neste ámbito artístico e literario, aberta a todas as persoas interesadas no ámbito da literatura dramática co obxectivo de tratar do estado no que se atopa a literatura dramática galega actual e intentar formular algunha iniciativa ou actividade que, desde esta Sección da AELG, se poida levar adiante.

18:00 h. O proxecto artístico dun Teatro Nacional nunha nación sen estado e o papel da Literatura Dramática nese proxecto.
Clase maxistral a cargo de Xavier Albertí, director artístico do Teatre Nacional de Catalunya (TNC), sobre o proxecto artístico dun teatro nacional, nunha nación sen Estado propio, e cal é o papel da literatura dramática nese proxecto. Contar cun artista do mérito de Xavier Albertí nesta primeira edición das xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG é unha honra e unha ledicia, non só polo interese dos seus contidos, senón tamén polo feito de establecer lazos e complicidades con quen dirixe a principal institución teatral de Catalunya. Este acto está aberto ao público xeral até completar aforo.

A coordinación corre a cargo de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG.

cartelixornadalitdramaelg2016

Paseos pola Coruña literaria, con Eli Ríos, o sábado 29 de outubro

Osbannerpaseosoutono2016acorunha Paseos pola Coruña literaria – Outono 2016 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

HORARIO:
– Sábado 29 de outubro (12:00-13:30 h.)

INSCRICIÓN (PREVIA E OBRIGATORIA)
ONDE:
Na conserxaría do Centro Ágora (Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos), na seguinte data:
Paseo do sábado 29 de outubro con Eli Ríos: inscrición desde o luns 17 de outubro.

PREZO:
De balde, con inscrición previa.

REQUISITOS:
Inscrición previa (55 prazas, en cada paseo). Maiores de 16 anos.

PASEOS POLA CORUÑA LITERARIA 2016

Hai moitas formas diferentes de pasear a cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na nosa cidade: Xosé Duncan, Lucía Aldao, Eli Ríos e Xulio López Valcárcel.

Desde o sábado 24 de setembro retomamos estes paseos que xa comezamos en 2014 e que tanta demanda tiveron entre a cidadanía.

Os 2 seguintes paseos que imos realizar son:

– Sábado 29 de outubro (12.00-13.30 h): paseo con Eli Ríos.

– Sábado 12 de novembro (12.00-13.30 h): paseo con Xulio López Valcárcel.

29 outubro: Eli Ríos
Viaxe exprés das orixes á actualidade
Neste camiño mergullarémonos no berce da cidade e da literatura a través da literatura oral. As lendas, contos, textos… que forman o imaxinario das palabras.

paseos outono 2016 a corunha