Desde o Concello da Estrada:
“Mª Carmen Caramés Gorgal únese a longa lista dos gañadores do Premio de Poesía Avelina Valladares, que este ano celebra a súa vixésimo primeira edición. O concurso está promovido polo Concello da Estrada e pola Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares. Ten como principal obxectivo a difusión da lírica galega e dar a coñecer a novos autores; ademais de contribuír ao fomento do uso da lingua galega e facer un particular recoñecemento á estradense Avelina Valladares, que xunto ao seu irmán Marcial, foi unha figura importante para o cultivo literario no século XIX, determinante no rexurdimento do galego como vehículo artístico.
Ás 11:00 horas do 19 de setembro de 2017 reuniuse o xurado para deliberar sobre o fallo. E tras algo máis dunha hora Rosalía Morlán Vieites, Dolores Araújo Arias (Noni), Guadalupe Porto Gañete, David Otero Fernández e Clara Iglesias Cortizo decidiron que a obra presentada baixo lema As idades perdidas (Scripta manent) fose a gañadora.
Nesta edición presentáronse 27 orixinais e o xurado destacou a calidade deles. Tras elixir catro deles, decantáronse por unanimidade polo gañador. “Trátase dun poemario conxunto unitario, de momentos e reflexións de feitos no decorrer dos tempos mentres derredor contextualízase o esencial”, destacou o xurado. E engadiu: “sen desmerecer os outros tres porque a súa calidade literaria é importante e eses son catro poemarios magníficos”.
Descargar acta.
A gañadora recibirá 2.000 euros que se entregarán indivisiblemente nun único premio durante a Festa da Poesía, no mes de decembro.”
Arquivos da etiqueta: Concello da Estrada
A Estrada: obradoiro de introdución á escrita creativa Tecer versos e grilandas, impartido por María N. Soutelo e Manuel Portas
Bases do VI Premio de Teatro Varela Buxán
Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017
Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.
A inscrición é de balde ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.
Redondela. Sábado 2 de setembro
Roteiro da memoria na Illa de San Simón.
Con Xosé María Álvarez Cáccamo
Punto de partida: Porto de Meirande, Redondela. Traslado en barco á Illa de San Simón
Inscricións en Turismo Redondela: 986 401 713 (xa cubertas)
Percorrido arredor das illas de San Simón e San Antón, ilustrado con explicacións e comentarios relativos ao significado e valor dos espazos visitados. Terase en consideración o proceso histórico dos acontecementos ocorridos nas illas, desde a Idade Media: a presenza simbólica do poeta Mendiño e a súa cantiga, a vida monacal, as invasións de Drake, a instalación do lazareto, o uso do recinto como campo de concentración durante a guerra civil e a inmediata posguerra e a súa utilización posterior con diversas finalidades ata hoxe.
Tui. Sábado 16 de setembro
Monte Aloia. Roteiro Aloia máxico, mítico e lendario.
Con Vítor Vaqueiro
Punto de partida: Monte Aloia, lugar de estacionamento perante a antena de radio
Inscricións no Concello de Tui: 986 603 625
O punto de saída será o lugar de estacionamento situado xunto á antena de radio, case no cumio do monte. O roteiro discorrerá pola capela de San Fins e o seu espazo murado adxacente, para baixar na procura da muralla, e visitar dous miradoiros, o do enxeñeiro Areses e o do castelo. Tamén inclúe a cruz que conmemorou o ano santo de 1900, que permite unha visión magnífica sobre o Baixo Miño e, finalmente a cama de San Xián, para terminar no mesmo punto que o do comezo. O percorrido relacionará as crenzas que relativas ao culto aos montes, os corpos santos, ou os santos hidróforos, así como os rituais levados a cabo en certos lugares do monte que teñen que ver coa pedra do sol e a pedra da auga.
Cangas. Sábado 23 de setembro
Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña.
Con Héitor Mera
Punto de partida: Casa natal de Bernardino Graña, rúa Alfredo Saralegui 26, Cangas
Inscricións na Casa da Xuventude de Cangas: 986 392 171
O roteiro parte cara á zona da Congorza coas paradas precisas para ir explicando e recitando textos de Bernardino ao longo do percorrido. Ademais do patrimonio marítimo, daranse varias referencias literarias e biográficas do autor. O final terá lugar nunha tasca onde todas as persoas asistentes recitarán o ‘Gato da tasca mariñeira’.
Cambados. Sábado 30 de setembro
Roteiro do Centenario Da terra asoballada.
Con Ramón Caride Ogando
Punto de partida: Praza do Concello, ao pé da estatua de Ramón Cabanillas.
Inscricións na Biblioteca municipal Luis Rei: 986 520 008
O roteiro centrarase na edición de Da Terra Asoballada de 1917, incluíndo a lectura dos poemas de dita edición. Abarcará os lugares máis significativos da vila de Cambados como son Fefiñáns, A Calzada, O Convento, A Pastora, Santomé, e a Rúa do Hospital, vencellados ao nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como aos seus coetáneos, Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. Tamén presentará as pegadas de Cabanillas nos creadores actuais do Salnés e en lugares de actividade cultural como o Pazo Torrado e a Biblioteca Luís Rei.
A Estrada. Sábado 7 de outubro
Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores.
Con Xosé Luna Sanmartín
Punto de partida: Igrexa de Berres, A Estrada
Inscricións no Concello de A Estrada – Cultura: 986 570 165
O percorrido comeza na igrexa e cemiterio de Berres, onde está enterrada Avelina Valladares; para continuar cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha propiedade privada que non soe ser visitable, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Realizaranse lecturas de poemas da autora no o xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Pico Sacro.
Marcos Calveiro gaña o García Barros con O xardineiro dos ingleses
Desde Galaxia:
“Marcos Calveiro gaña o XXIX Premio García Barros coa obra O xardineiro dos ingleses, que para finais de ano verá a luz na Editorial Galaxia. O xurado composto por Carlos Lema, Armando Requeixo, Mario Regueira, Inma Otero e Carlos Loureiro destacou esta novela entre todas as que se presentaron. (…)”